As leccións que tiramos do primeiro Estatuto de autonomía
O 28 de xuño cumpríronse 74 anos do plebiscito do primeiro Estatuto galego. Cómpre lembrarmos que tanto o proceso da súa tramitación como o contido do mesmo encerran leccións relevantes para o nacionalismo hoxe actuante. Na política conxuntural da II República, Catalunya achaiou o terreo para a consecución da súa autonomía, abríndolle paso ás outras nacións, igual que foi vangarda na implantación das liberdades republicanas. A día de hoxe seguimos a agardar pola sentenza do Constitucional sobre o Estatut, que marcará, seguramente, o alcance das reformas de Estatutos como o noso. No mellor dos supostos, non parece verosímil que nin PP nin PSOE, por máis que se diga, asuman un estatus de nación para Galiza. Feijoo xa advertiu nalgunha ocasión que o vindeiro Estatuto "non será o Estatut traducido ao galego". De todos os xeitos, o nacionalismo non debe abandonar a propaganda a favor dun avance estatutario, preparándose para o momento en que as circunstancias sexan máis favorábeis.
Mentres agardamos pola sentenza do Estatut, é preciso ollar atrás e avaliarmos o primeiro Estatuto como un dos eixos centrais da política do PG ao longo da II República, desde que se fundou en decembro de 1931 até xullo de 1936 (ben pouco tempo, por certo!). É preciso lembrarmos que, unha vez que se logrou plebiscitar, con todos os atrancos que veremos, xa no contexto da guerra, todas as forzas políticas -agás o nacionalismo- consideraron o asunto aparcado, porque, por riba de todo, había que ser antifascistas. É Castelao quen nos dá unha lección de perseveranza, conseguindo culminar os trámites que faltaban e que fose aprobado polas Cortes (Montserrat, 1938). Podemos dicir que Castelao salvou o Estatuto de morrer nunha gabeta e que, grazas ao Estatuto, salvouse el tamén da represión fascista, por estar en Madrid formando parte da Comisión de alcaldes e deputados que había de entregar o texto ao presidente da República no momento da insurrección militar. Tamén grazas a todo aquel traballo e a formar parte Galiza da terna autonomista, sen esaxerarmos o feito, hoxe é considerada nacionalidade histórica.
En primeiro lugar, chama a atención que o Partido Galeguista -un partido novo!- soubese adaptar os seus postulados ás necesidades tácticas e ás limitacións obxectivas do momento. Sen caer en ideoloxismos, consegue que outras forzas republicanas asuman algo do que renegaban en principio e consegue tamén protagonizar o proceso na súa fase final. É ben sabido que o Anteproxecto redactado polo Seminario de Estudos Galegos (Carvalho Calero , Bóveda, Tobío...) en 1931 declaraba a Galiza estado libre dentro da República Federal Española. De principio sostense que a Galiza ten que recoñecérselle a liberdade de pactar e o dereito á autodeterminación. Mais a Constitución, en vez de ser federal, acabou decantándose pola fórmula unitaria, o chamado "Estado integral", admitindo conceder autonomías aos territorios que cumprisen certos requisitos. Requisitos que serán extremos e mesmo redundantes, tales como: 1)Estatuto proposto pola maioría de Concellos ou por aqueles que comprendan 2/3 do Censo electoral; 2) Ser aprobado en plebiscito por, ao menos, 2/3 dos electores (caso contrario, a agardar 5 anos); 3)Ser aprobado polas Cortes. Estas garantías son as que obrigan o nacionalismo a procurar un amplo consenso; primeiro a un achegamento ás organizacións republicanas e logo ás chamadas "obreiras", pois considérase unha oportunidade histórica para lograr conquistas no terreo político, económico, lingüístico e cultural.
Ademais de adecuarse ao estrito corsé constitucional, ás limitacións derivadas dos acordos programáticos con outras forzas, non debemos esquecer un conxunto de factores que son determinantes neste contexto: 1) a febleza relativa do nacionalismo organizado (apoios electorais: 106.000 votos, en 1933, nas primeiras eleccións ás que concorren sos); 2) a ambigüidade con que actuaron as forzas republicanas con responsabilidade no goberno; 3) o enorme esforzo que supuxo ter que cumprir as esixencias da Constitución, desentendéndose o Estado de aportar recursos, -diñeiro para empezar- e limitándose a controlar.
En segundo lugar, chama a atención en todo este proceso o importante papel que xogaron os Concellos galegos, a comezar polas grandes cidades e pola actuación dalgúns políticos que sería prolixo citar. Non é difícil aventurarmos, coñecendo a dinámica da vida municipal, que o goberno de quenda , cavilase neste difícil atranco a superar, o primeiro, dadas as divisións políticas, os personalismos, as trifulcas localistas, etc. É certo que no proceso, houbo que superar reticencias do localismo coruñesista pola capitalidade, como se pode supor. Mais tamén foron atrancos considerábeis a escusa do internacionalismo proletario rifado cos particularismos ou os postos á cooficialidade do galego (perigosa, moi custosa, etc.) Sexa como for, os Concellos xogaron un importante papel: 17,18,19/ XII / 1932, celébrase aAsemblea de Concellos. O Comité Central de Autonomía, emanado desta, móvese na máis absoluta precariedade. O Estado, a administración máis forte, deixou en mans da máis feble toda a intendencia (abastecemento e goberno). Así o art. 8 do Decreto concedendo a convocatoria do plebiscito, di que os Concellos fornecerán as Mesas do material necesario. Nada de apoio económico; por exemplo, concellos como A Coruña e Vigo acabarán pondo 50.000 ptas. cada un; Ribadeo 1000 ptas. Iso si, o Estado extremou as garantías, con posibilidade de nomear interventores nas mesas: Concellos, Deputacións, Cámaras, Colexios profesionais, Universidade, Academia, Patronais, asociacións obreiras...
En terceiro lugar, son chamativos varios aspectos do contido do texto estatutario que se puido sacar adiante daquela. Comezando polo capítulo IV, dedicado á Facenda propia e a garantir a suficiencia financeira para prestar debidamente os servizos asumidos. Capítulo no que palpita o espírito de Bóveda e que merecería unha análise particular. Neste sentido, é interesante salientar que os nacionalistas actuaron coa debida corrección, sen protagonismos estériles que puxeran en risco o proceso, realizando unha boa campaña previa ao plebiscito que serviu para ampliar o nacionalismo. Noutros aspectos, é certo que non pasaba dunha descentralización administrativa ou que non puido ir máis alá da consideración de Galiza como rexión ... Mais temos que considerar tamén aspectos de carácter moi avanzado que superarían a comparación co texto vixente: poñamos por caso, a nivel territorial, a posibilidade de agregar a Galiza territorios limítrofes de características semellantes (art. 2). Tamén a potestade de fundar banca propia para organizarmos os servizos recadatorios, de tesouraría, crédito ou previsión. No eido da xustiza, podermos organizar unha administración propia, designando xuíces e maxistrados en toda a xurisdición de Galiza. No plano lingüístico, o estatus do galego é o de lingua cooficial; o español resérvase para as relacións co resto do Estado. Como é lóxico aprovéitase a ocasión para incidir na necesidade de coñecemento do galego por parte dos funcionarios que traballen en Galiza (art. 4). E, de paso, no nomeamento de notarios e rexistradores, determínase que terán preferencia os que acrediten coñecemento da lingua e dereito propios (art. 14). No ámbito educativo fíxase a criación das materias de Lingua, Literatura, Xeografía e Historia de Galiza...
Non atopamos razóns para esquecernos do importante fito que supuxo o primeiro Estatuto, por máis que teña moito de simbólico, pois non chegou a ter aplicación práctica por mor da guerra. Tampouco comprendemos como desde esferas académicas oficiais se lle pretende restar importancia ao papel desempeñado polo nacionalismo en todo o proceso, menoscabando as actuacións de Bóveda ou Castelao.