As “greas” e a súa pegada nos nomes do noso rural

As “greas” e a súa pegada nos nomes do noso rural

Cavilamos que as linguas son creacións dos pobos e que as palabras serven para representar os seus traballos e trafegos.

O noso método no estudo da toponimia é escoller verbas que representaron as ansias da nosa xente e pescudar onde ficaron fixadas na toponimia.

Hai unha palabra relativa ao pastoreo, que é a de GREA.

Témola ouvido en Sabucedo cando falan das GREAS de bestas bravas, que son o espectáculo do seu sonado curro.

Á sua orixe debe ser a latina GREX- GREGIS que, S. Isidoro, nas suas Etimoloxias, reserva só para rebaños de cabras e ovellas; chamando de ARMENTA, aos rebaños de cabalos e bois; velaí o noso mosteiro da ARMENTEIRA.

A actividade pastoril debeu ser moi intensa nos nosos montes desde recuados tempos.

Os pastores, eran e son, chamados de PEGUREIROS pois tiñan conta do PECUS ou FACENDA.

A pregunta que nos facemos é se a palabra GREGES, deixou pegadas na toponimia do noso Pais.

Hai varios lugares na Galiza chamados de, REÁDIGOS ou RIÁDEGOS, que a pesares de que normalmente se consideran en relación cos ríos e correntes de agua, nós vemos aí uns MONTIS GREGÁTICOS > GREGÁDIGOS> GREÁDIGOS > REÁDIGOS.

Esta debeu ser a orixe do REÁDIGOS de Pol e dos RIÁDEGOS de Lalin e mais do Irixo.

Nomes de rebaños ou greas que logo pasaron a ser chamadeiro de curros ou arribanas pastorís, e mesmo os recintos castrexos que foron aproveitados para tales mesteres.

Marcando a perda do G- inicial conforme GLANDE deu LANDRA, ou GLACEUS deu en LAZO.“Estou lazado co frio,”dicíamos naquelas escolas do rural galego, aterecidos pola falta de quentura nas aulas.

Sempre nos intrigou como era posíbel o nome do lugar de, O REINO, nas terras de Piñor de Cea.

Ise –N- intervocálico non podería resistir moito tempo se se cumplen as regras da evoluzón desde o latin á nosa língua.

Pero pensemos o asunto desde un MONS GRÉGINUS > GRÉGNO > REGNO > REINO, un monte onde hai un rebaño ou un curro de gando pacendo no monte.

Ise -G- tería evitado a eliminazón do –N antes de se transformar en -i-.

E que dicer dos REXELOS, que é como os nosos documentos medievais chaman aos carneiros ?

Unhas teorías falan dunha derivación do árabe, mentras que outras pensan no latino RES, referido ao gando no sentido de posesión ou FACENDA como ainda lle chamamos hoxe ao conxunto de vacuno que hai na casa labrega.

E por que non pensar nun GREX-ELLUS> REXELO> REXELO, referíndose ao animal que pertence ao rebaño ou GREA?

A REA DA CRUZ na Pastoriza luguesa, debe ter a súa orixe nun antigo curro ou GREA.

E que pensar tamén da chea de lugares que locen o nome de REAL?

Serán referencias a antigas posesións de EL REI ou simplemente un un MONS GREGAL >REGAL>REAL ou REIAL >RIAL?

O MONTE REAL de Baiona sería un caso para derimir se a posesión era regalenga ou era das greas do gando.

E ainda nos preguntamos se o apelido de CALDAS DE REIS é mais debido ás GREGIS do gando que a connotacións monárquicas.

A mesma dúbida nos achega cando pensamos no apelidos REIS ou REI.

Seica non se deberán mais a antigos curros ou valados , ou sexa GREGIS > REGIS > REIS .

En cada caso habería que facer una investigazón histórica para dar na correita da sua orixe.

A mesma suspeita temos dos lugares chamados A RÍA DE ABAIXO e de ARRIBA, na parroquia de Marcón, ao pé de Pontevedra.

O lugar é interior,nada ten a ver co mar e non hai ninguhna corrente acuosa que chame a atención.

Seica non estaremos diante dunha antiga GREGÍA> REÍA >RÍA ? en referencia a un lugar de acollimento de gando a pacer polo monte.

Lugares tais como os chamados de RAIÑAS e RAIÑA,RAÍCES,RAIGADA,RAINDO,RAIRO E RAIROS Que poderian ser explicados desde: GREGINEA > REGIÑA >REIÑA >RAIÑA (A rua da RAIÑA santiaguesa il non estará lembrando una antiga corte GREGINEA ?) GREGICIES > REGICÍES >REÍCES >RAÍCES GREGARIO > REAIRO >RAIRO GREGINITO > REGINIDO >REIINIDO >REINDO >RAINDO

Imos parar por aquí porque, agora véllennos á mente una manchea de lugares que se axeitarían a esta explicazón, e xa mete un pouco de respeito.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.