As Fragas do Eume: as derradeiras superviventes
Unha fraga é o reencontro co paraíso perdido da infancia dos tempos (non sei se teño lido ou simplemente soñado).
Bosque mixto dunha ampla variedade de especies autóctonas, que comunmente identificamos co carballo, o bidueiro, o castiñeiro, o salgueiro, o freixo, a abeleira, o acivro… Mais tamén con outras variedades menos coñecidas: espiños, pradairos, sanguiños ou maceiras, pereiras e cerdeiras silvestres. Abas moi pronunciadas, penedías, cachoeiras… É sensorialidade, regalía para os sentidos. Cada tempo descobre un don de seu: vizosidade na primavera, frescura no verán, colorido no outono… Na diversidade reside o seu particular encanto.
Achegarse ás Fragas do Eume significa algo máis que deixármonos engaiolar polas galanuras do máis importante bosque atlántico de Europa. Unha Natureza que conserva trazos tan grandiosos sempre é un feitizo e invita a ensoñacións fondas. A nostalxia e o romanticismo non conducen a ningures, mais non podemos evitar imaxinar que a Natureza foi desta calidade ou superior en moitos dos vales fluviais do noso territorio noutrora. Tampouco podemos evitar pensar que este espello do que fomos, este reduto, cada vez máis reduto, se salvou case de milagre, non precisamente polo home, senón a pesar do home e grazas a un abrupto relevo. Disque, coas características das Fragas do Eume, non existe outro bosque semellante ata o sur de Irlanda (Killarney).
A pesar da declaración de Parque Natural en 1995, seguen a ser moitas as ameazas e os perigos que fan que este espazo e os seus elementos máis significativos se sigan degradando cada ano que pasa ou polo menos esa é a nosa impresión. Ao longo dos oitenta e noventa –previamente á declaración do Parque Natural- producíronse incendios forestais que contribuíron a reducir a fraga e a expandir o eucalipto. A zona que corresponde á entrada principal do Parque no Val inferior do Eume é a máis desfigurada pola presenza de eucalipto, desde o Concello de Pontedeume ao de Monfero. Ao igual que daquela, non deixa de ser sintomático que o incendio que se declarou a comezos desta Semana Santa (31 de marzo) viñese a coincidir no tempo máis ou menos coa tramitación do PRUX (Plan Reitor de Usos e Xestión) do Parque Natural. Puido ser froito dalgún descoido, mais, valorando o seu inicio e desenvolvemento, todo parece apuntar a unha acción calculada e suicida: longo período de seca excepcional, día de fortes refachos de vento nordés, comezo do(s) foco(s) na parte alta, perto de Fontardión (nordeste), para varrer a maior extensión e causar o maior dano posíbel,… O lume chegou ás beiras do Eume, traspasou o propio río na zona do Canón (por non manter nin o caudal ecolóxico) e ameazou mesmo o mosteiro de Caveiro no corazón das Fragas. A día de hoxe xa se recoñece publicamente que máis da metade da superficie queimada é de alto valor ecolóxico e tardará en rexurdir das cinzas. É arrepiante, desde a mínima conciencia ecolóxica, o espectáculo dunha fraga carbonizada, como o que poden ver actualmente os miles de visitantes do Parque, en fronte mesmo do mosteiro de Caveiro. Malia todas as barreiras naturais que se poñan, en zonas tan escarpadas a erosión das chuvias primaverais é case inevitábel. O río vai seguir véndose afectado e a calidade das augas degradándose progresivamente (lembremos a morte de peixes a raíz dos vertidos de 2008 cando a construción da Autovía a Vilalba). Ademais do que poida resentirse un ecosistema tan fráxil, os Concellos de Pontedeume Cabanas abastecen os seus veciños de auga do Eume.
A principal ameza dun espazo tan diverso (fraga fría, fraga termófila, uceiras, xunqueiras, pradarías…) segue estando no abandono e transformación das zonas rurais altas que bordean o parque. O incremento de terreos a matogueira ou toxeiras, a conversión de solos agrarios e prados en piñeirais ou eucaliptais será sempre un perigo constante. Foi algo que evidenciou a forza devastadora deste lume. A peor desgraza que ten padecido a Natureza galega, os incendios forestais, é vista polos gobernantes como unha fatalidade inevitábel. Coa fachenda e falsa autoridade que dá ás veces falar en nome do sentido común, o actual Delegado do Goberno e anterior Conselleiro de Medio Rural, o sr. Juárez, manifestaba por esas datas na emisora galega que o monte galego é unha entelequia, imposíbel de coidar e limpar. Entelequia: literalmente, “un produto da imaxinación dalgúns”, “unha entidade que non se pode realizar” (sic!)
O incendio das Fragas do Eume puxo de manifesto que o goberno da Xunta, para alén de intentar investigar que/quen ocasionou o desastre e de tratar de recuperar a zona, non está disposto a procurar as causas profundas do problema. Isto é, a contar cos planos de prevención necesarios e levar a cabo un labor pedagóxico cos propietarios dos terreos do Parque a fin de que o contemplen como unha oportunidade para viviren e non como unha limitación e unha ameza constante. Desde hai dúas décadas existe un conflito larvado cos propietarios que, moito nos tememos, ten a ver co xeito de afrontar os problemas e, en boa medida, coas dotacións económicas que a Xunta non achega. Curiosamente, non superan moito os cincocentos os habitantes que quedan dentro dos lindeiros das nove mil hectáreas do Parque (propietarios de terreos poden ser algúns máis…) Porén, non pode ser labor tan arduo chegaren ao convencemento das grandes posibilidades que reviste un patrimonio natural destas características que se atopa a media hora da Coruña ou de Ferrol. As grandes obras da Natureza non cotizan en Bolsa nin andan nos Mercados (quen sabe se non chegará o día!?), mais son fundamentais para a supervivencia, para o noso pobo e para a humanidade.
A sorte do río, o principal eixo vertebrador do Parque, tampouco pode deixar a ninguén indiferente. Hai un río, o Eume, que nace en mananciais cristalinos da serra do Xistral a máis de mil metros de altura e –como outros ríos galegos que van de oriente a occidente- confúndese nas augas salgadas dunha ría, a ría de Ares, entre o Mourón, a Miranda e a Marola. Hai un río, o Eume, que como a metonimia mesma do país que fomos e somos, foi castigado cruelmente con dous encoros, o da Ribeira e o de Goente; neste último caso, secando o curso nun tramo de beleza esgrevia e enviando o caudal por medio de tubaxes até unha central hidroeléctrica uns centos de metros máis abaixo. Este embalse leva anos ateigado de lodos provenientes da mina de ENDESA, motivo polo que está última se viu obrigada a adquirirllo a FENOSA. Actualmente púxose en marcha un proxecto para retiralos que provocou alarma e reparos nos Concellos veciños. Tamén inxentes toneladas de lodos, -cisco da extracción de carbón- fóronse depositando ao longo dos anos no esteiro do río, dificultando as actividades de rexeneración do marisqueo e degradando a biodiversidade de toda unha ría. Por tanto, dicimos e diremos sempre que a destrución irreparábel das obras máis senlleiras da Natureza, se non pode ser evitada xa, polo menos debe ser compensada en casos como este. Que ironía! Non hai capacidade para preservar un espazo natural de tanta valía, onde se cometeron as máis grandes agresións ao medio co único fin de produciren beneficios económicos?!. Canta produción de enerxía que non reporta beneficios directos á zona castigada: a auga encorada do Eume producindo kw/h, a térmica de ENDESA, tamén ao pé do Eume, a concentración máis elevada de eólicos no Alto Eume de toda Europa, etcétera.
É de xustiza, pois, reclamarmos recursos públicos para que as Fragas do Eume deixen de ser unha reserva -cada vez máis reserva- ameazada, unha especie en perigo de extinción. A rexeneración pasa por atallar todos estes males e, moi especialmente, por frear o avance do eucalipto, retirando progresivamente os exemplares intrusos moitos mesmo en mal estado. Non serán Fragas cando perdan carballos, bidueiros, ameneiros, acivros, abelairas… e se vexan inundadas da superárbore, que se estende co alento dos pirómanos e que xa é mesmo a especie máis dominante dentro do Parque; con eles desaparecerán felgos, fungos e liques (algúns únicos); desaparecerá a fauna actual… Hoxe restan na toponimia do entorno, e seguramente de moitas outras zonas, nomes como a Fraga, as Fragas…, mais xa son eucaliptais. O monte galego, -que ten cambiado máis nos últimos corenta anos que no resto da súa historia- hoxe é unha realidade deturpada e fragmentada, mais con posibilidades de recuperación se así o defendemos e esiximos.