As festas de tod@s menos d@s galeg@s
Na Coruña, a estas alturas de ano, os problemas reais desaparecen das conversas e dos titulares de prensa. Todo o mundo torna a falar das Festas de María Pita. A expectación que todo cambio de goberno con leva, e as declaracións iniciais que desde o Concello se apuntaban, facía pensar que teriamos unhas festas renovadas, polas que pasara o mellor do País e coa participación do movemento cultural de base da cidade e da comarca.
A sorpresa xa chegou cando até o cartaz se editou en galego e español. Tamén os programas, que persoalmente busquei en galego máis só atopei edición en español. Con “Fiestas María Pita / Festas María Pita, las fiestas de todo@s / as festas de todo@s”. Con esta decisión volviamos ao momento das maiorías absolutas do PSOE. Logo veu a inauguración da Feira do Libro, que vai xa pola súa XLIV edición. Mercedes Queixas fixo un brillante percorrido polo rueiro da cidade, no que tan presente están persoeiros das nosas letras. Aquí o goberno municipal volve a sorprender. Rematan a inauguración cun mutilado himno galego, ao estilo anos 50, e por suposto, pecha o himno español. Algo que non creo que a “cidadanía” tan cacarexada reclamase.
Xa co programa na man veu a total decepción. A cultura galega queda relegada, como facía tempo que non pasaba. O Festival de Habaneras e o Festival Internacional de Folclore, concentran o 80% da presencia galega nas festas. Por estes festivais, como todos os anos, pasarán todas as corais da cidade e comarca e os grupos de música tradicional.
Nin tan sequera no Festival Noroeste Pop Rock, que este ano amplía a súa oferta, con concertos fora da praia de Riazor, a música en galego tivo sitio. Só Guadi Galego (no Castelo de Santo Antón)e Familia Caamagno (na praza de Santo Nicolás), que ademais actuaban o mesmo día. O escenario principal, queda reservado para estrelas foráneas, of course. Aínda por riba, Guadi Galego, tiña aforo limitado a 600 persoas. A hora de comezar a actuación, unhas 200 persoas faciamos cola a porta do Castelo. Moitas outras, xa non chegaron a facer cola, pois responsábeis da organización avisaron que xa non era posíbel a entrada de máis xente.
Esta situación repetiuse na época do PP, cos concertos gratuítos que desde o Servizo de Normalización Lingüística se ofrecían para crianzas. Aos 10 minutos de abrirse o reparto de convites, rematábanse as 550 prazas do Auditorio do Ágora. Entón, ten ou non ten demanda a música en galego?. É unha falsidade absoluta os que consideran que a música en galego só lle interesa aos/ás do BNG ou que a música folk é para vell@s.
A oferta en galego para crianzas nas festas é insólita. Salva a programación o Festival de Títeres das Barbaras, no que só 4 compañías galegas participan, e que polo seu compromiso coa cultura deste País, serán actuacións en galego. A música infantil en galego desaparece do programa de festas. Non tiveron a ben contratar ningunha actuación dos moitisimos grupos que son éxito entre @s máis pequen@s, e que enchen todos os recintos, cada vez que actúan. Iso si, reservan o palco principal, o da Praza de María Pita, para traer a “Juan “D” y Beatriz con Los Lunnis en El Cohete Musical”. Unha ranciada de actuación en español e que non chegan nin de lonxe ao nivel de Pirilampo, Pablo Díaz, Mama Cabra, Paco Nogueiras ou Magín Blanco, e moitos outros grupos.
Alguén dubida de que Magín Blanco non abarrotaría a Praza de María Pita e que Paco Nogueiras faría bailar até a estatua de María Pita?. Non é unha cuestión de demanda nin de calidade na oferta en galego, é unha cuestión política. O galego marxínase porque hai quen pensa que así marca perfil “y nadie lo podra acusar de tener una programación cultural demasiado gallega”.
Durante o mes de festas, o palco de María Pita, só chegará a cultura galega da man da Asociación Cultural Xacarandaina. O resto dos días, o escenario principal das festas estará reservado a grupos de fora tipo Rosario Flores ou Victor Manuel y Ana Belén.
O 1,9% do PIB galego e 23.000 empregos directos dependen das distintas industrias culturais e creativas. Un sector que afortala a nosa identidade e axuda a prestixar a lingua galega. Eu como coruñesa estou encantada de ter un alcalde que fala en galego, algo que noutras cidades xa conseguiran coa chegada da democracia até hoxe, igual que a lingua normal de uso do Parlamento Galego é o galego e ninguén o discute, algo que na Coruña si. Pero con falar galego non chega. E si como di o programa das festas “piensa en la ciudad como un todo, donde se atraen nuevos púbicos pero cuidan las tradiciones del bien común” Coidar do ben común é coidar da lingua e da cultura galega.
“A Coruña de este agosto de 2015 es una ciudad alegre, que festeja en la calle y que opera sin perder de vista esa llave fundamental que nos legamos de generación en generación: o sentidiño”
Este fragmento non é un discurso electoral da Marea Atlántica, aínda que se o busco, seguro que o atoparía en algunha nota de prensa. É o comezo da introdución do programa das festas.
Este ano a moit@s non nos gustan as festas. Agardemos que o ano que ven, se aplique ese “sentidiño” ao que tanto se apela, se fale co movemento cultural da cidade, non só cos amig@s, e non volva a quedar relegado o idioma galego, porque o galego está vivo na Coruña e moita xente demanda actuacións musicais, teatrais,...... no noso idioma. En definitiva, temos dereito a vivir en galego, tamén durante as Festas de María Pita.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.