Aqueles vimbios
Bieito Alonso desenvolveu, neste mesmo Dixital e nun artículo en lembanza de Marcos Valcárcel e de Lois Obelleiro, os aspectos frustrantes da xeración dos "Erga", década de 1970. Unha xeración perdida; non creo.
Tal "gloriosa" xeración estudou, creou, actuou, no final do "fordismo" -e do "modelo renano"- e nos anos do "declive" ás ordes do neoliberalismo. Este tempo histórico que esmorece, que afecta a todos os continentes como non pasara en anteriores declives.
Digo "xeración gloriosa" porque, alimentados polos acontecementos do maio do 68 e da propia vida universitaria compostelá, acolleron a "testemuña" da "rebelión irmandiña", mobilizaron sectores agrarios e industriais e soñaron cunha Galiza non subordinada. Levan na ollada a herdanza de K. Marx, dos movementos de liberación colonial e das arelas escuras e reais do galeguismo. Agora ben, son fillos do "fordismo", desa idade de ouro -desa década do 60 das marabillas- de acumulación económica e das nacións novas. Están formados nos libros cos aqueles vimbios que seus pais, seus mestres e a universidade lles teceron.
Toda a envurullada política española, o parlamento, os mass media, a banca etc. consciente e inconscientemente agocharon a realidade do "decleive económico" e ponderaron o consumismo e o mellor benestar duplo, tanxíbel e de burbulla.
Os efectos reais do declive impediron á xeracion dos "Erga" asumiren responsabilidades para as que se prepararan e para a que todo os convidaba: na universidade, nos mass media, nos concellos. O declive estancou cátedras, prolongou en anos a docencia de profesores de anteriores xeracións -moitos deles ben ilusos e argallantes- e de alcaldes sempiternos. En suma, que aqueles vimbios da "época dourada" non amalloan na do declive.
Mais a "xeracion Erga" ten estado e está presente, é "ubicua". A ela lle debemos mutacións positivas no ensino, nos concellos, na cultura, na sociedade. Frustracións? En que e de que? Tal vez debera ter cambiado algúns vimbios. O imaxinario dos anos 45-73 non ía server para a nova situación monetarista do neoliberalismo e para a realidade dun declive constante. Mesmo os do 68 criticaran aspectos perigosos da "época dourada" e que agora se multiplican: destrución do medio ambiente, financierización dominante, recuperación do pensamento reaccionario, centralismo solapado máis violento.
Mentres estes da xeración "Erga" se convertían en veteráns, crecían os vermes nas escuras covas da "Caverna" e invadían todos os portais: ese espantoso aire de vulgaridade, ese espeso idilio de vodas dos "gürtel", unha corrupción sen máscara que se atreve a todo, a un expolio de cidadáns e de países até arrincar linguas e mexar nas caixas.
Nin os "ergas", nin os seus contrarios, eses "carpantas" do centralismo, anotaron suficientemente a realidade subxacente que envolvía a política da Transición -unha escura trapela que encobre o acaparamento sistémico do poder polo capital financieiro e os representantes endogámicos. Vítimas todos dun engano -desde Suárez a Aznar, de Filipe a Zapatero- que nos mantivo nun sono inmóbil e nunha esperanza insensata.
O presente é insomne e cruel mais non insuperábel: os "ergas" saben moito e ten bríos, son fortes. Fidel apelou á historia como aval da súa revolución. Vós, os "ergas", podemos apelar á dignidade; fostes, sodes, portadodres dun galeguismo atrevido e ardente; tiñades vimbios para cestos de castañas, que agora quedan no canizo. Inda vos queda tempo para ciaren e galgaren sobre as ondas, porque sodes necesarios. Estamos en tempos menesterosos, compren vimbios de ferro que impidan toupeiras e coen as augas das pozas.