ANAMNESE de ELI RIOS: Rescisións
Os regresos intanxibles furan na escuridade dos pensamentos até caer no pánico diario dos soños diúrnos. Pelexar coa respiración que se ausenta é o cárcere dos fragmentos que se unen de novo para rebentar a pequena illa conquistada ante os pasos.
Hai contratos que son imposibles de rescindir, hai cicatrices profundas que viaxan escondidas na maleta mentres caen as miradas no fondo do tempo.
Anamnese fusiónase coa marea eterna, coas hostilidades da xenética penetrando a carne baixo o regueiro das luces nerviosas empeñadas en condicionar as bágoas, os artificios da multitude.
Tiven a sorte de tropezar con Eli Ríos na presentación do primeiro libro seu que mercaba, máis que nada por descoñecemento da súa existencia e bo facer e que grazas (por unha vez) ás tecnoloxías fun quen de ter coñecemento desta circunstancia na libraría Suevia, na cidade de A Coruña, xusto antes de que coincidiramos nun recital en Lugo. Contando, tempo despois co seu atrevemento... tivo a ousadía de propoñerme que lle fixera a presentación deste fantástico libro de poemas na mencionada libraría, na Coruña que acubilla a súa presenza física. E non puiden menos que tentar facer das súas palabras unha inflexión entre os seus poemas e as súas voces. E digo isto polo proceso continuo de liberación e interrogación propia que xorde de cada verso dándolle ese carácter tan difícil de domesticar na interpretación allea, sempre e cando un ou unha, lector ou lectora, non queira mergullarse de profundo no que sostén nas mans cunha distancia suficiente entre estas e o corazón. Comentaba na mencionada presentación, en ton alegre, que lle ía trocar o apelido de “ríos” polo de “mares” nunha clara alusión ao que contaba antes, ao constante movemento de fluxo e voces que saen en cada verso, e aí radica a presenza do éxito como formula maxistral de recoñecemento da vida e das súas vicisitudes. Cando collemos un libro albiscamos o entorno, quizais a orixe, o xerme que nos vai traducindo as batallas dende un muro alto no que a perspectiva non se deforma, mais tampouco o asumimos como totalmente real. En Anamnese é imposible, as orixes son hemorraxias propias que furan na conciencia e buscan interminablemente nese subconsciente esa partenoxénese caprichosa e selectiva que nos aparta dos regos torcidos. As palabras como suxeitos anónimos na presenza espiritual, como verdadeiras alquimias catalizadoras de líquidos expansivos como forma de apresarnos na orixe cognoscitiva, na esencia do consciente.
Doen as memorias como duras son as transicións pero forman parte da existencia ou da convivencia coa intelixencia emocional. Podemos pechar os ollos e non “lembrar nada”, meternos nos zapatos e voar sobre a humidade, dentro da aparencia. Pero...quen nos impide vivir así?
Anamnese explora nas indiferenzas dende o celme da presenza virtual facéndose eco da máxima de que dúas negacións equivalen a unha afirmación. E que, realmente, non hai outra estrada para reconstruír a intensidade.
De todo, Eli achéganos unha obra maxistral que non dá descanso, onde se perde a tranquilidade e onde se derruba continuamente ese muro que comentaba anteriormente facéndonos fértiles como lectores, trocándonos a protagonistas de principio a fin, coas súas innumerables diccións baixo unha linguaxe acolledora, algo que sempre é de agradecer.
Só me queda darlle os parabéns a Eli Ríos por este fermoso libro que non pode deixar a ninguén indiferente e que recomendo dende estas liñas.
Anamnese de Eli Ríos está publicada pola editorial Sotelo Blanco.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.