Allariz, beleza que inspira
Un ano máis aproveito o espazo de Terra e Tempo para dar conta dunha nova edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que naceu no 2010 co obxectivo de recuperar un amplo espazo a carón do río Arnoia para uso e disfrute dos veciños de Allariz, contribuír á dinamización económica e á potenciación do paisaxismo e a xardinería como valores asociados a Allariz.
Sen dúbida, o Festival Internacional de Xardíns de Allariz é, en si mesmo, un bo exemplo da imaxinación, da creatividade que a beleza de Allariz inspira.
Nesta 4º edición as propostas seleccionadas polo xurado, presidido por Francisco Caldeira Cabral, ofrecen a visión de Allariz como espazo propicio para a creatividade, a inspiración, a imaxinación... Allariz é unha terra rica en iniciativas e proxectos imaxinativos que, sen dúbida, teñen que ver coa harmonía, coa beleza que Allariz posúe e que actúa como fonte de inspiración. Propostas chegadas de Galiza, Francia, Holanda, Euskadi, Canarias, Austria, Portugal e España ofrecen a visión da beleza e inspiración que Allariz suxire.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz estase a consolidar, tamén, como un grande atractivo turístico, incentivando a economía local, congregando a múltiples profesionais do sector da xardinería e o paisaxismo. Nesta edición incorpóranse, unindo arte e natureza, unha mostra de esculturas que permite que os artistas poidan utilizar este espazo privilexiado como escenario para mostrar as súas obras.
Álvaro de la Vega, Juan Lomarti, Manuel Buciños, Francisco Escudero, Manuel Patinho, Acisclo novo, Marcos Escudero e Xosé Lois Carreira participarán nesta edición.
O concurso para a edición 2014 terá como tema “XARDÍNS DA ABUNDANCIA”. Ata o 15 de novembro poderán presentarse as propostas que evoquen a abundancia de sensacións que os xardíns suxiren como lugares de repouso, benestar, lugares propicios para a relaxación do corpo e a alma, para a contemplación, a imaxinación... tamén como antídoto para a crise socioeconómica que padecemos e queremos combater cunha crítica á austeridade contra o estado de benestar.
Por iso quero convidarvos a gozar, un ano máis, do noso Festival Internacional de Xardíns, da beleza de Allariz que inspira e esperta a imaxinación e os sentidos.
Citando, unha vez máis, ao noso grande poeta Manuel María, “ando a pedirlle á vida: luz, beleza, delicadeza xentil, unha canción, a virxinal tempestade da paixón, o dereito á dignidade e á enteireza”