Alfredo Brañas na construción galeguista

Alfredo Brañas na construción galeguista

Dun tempo a esta parte vimos asistindo dende diversos medios, incluído os galeguistas e nacionalistas, a un feroz ataque a obra do carballés Alfredo Brañas (1859-1900). Dende tradicionalista e carlista ata ultramontano. Os adxectivos descalificativos ao autor de El Regionalismo son cando menos superficiais, simplistas e moi tópicos. Claro que hai excepcións como a que brillantemente ven defendendo o profesor Xosé Manuel Beiras dende hai moitos anos. Precisamente acaba de saír a rúa un libro que recolle o traballo de Alfredo Brañas: A crise económica na época presente e a descentralización rexional (Toxosoutos/Unipro Editorial, 2010) que incorpora un prólogo moi lúcido do autor de O atraso económico de Galicia.

A obra e a actividade cívica de Alfredo Brañas é máis poliédrica do que se ten comentado. Tendo como referente sempre a Galicia e a súa causa do autogoberno, a Alfredo Brañas hai que situalo, como a todos, no seu contexto e a do galeguismo que se estaba construíndo tanto a nivel teórico como práctico.

Defendeu con todas as súas forzas a obra e a figura de Rosalía de Castro, batallando pola súa dignificación e recoñecemento.

Á boa memoria de dona
Rosalía Castro de Murguía

Desde que ó pé dos olivos
de Adina enterrar che vin
eu non sei por que me lembro
da miña patria infelís...

Ti na cova, ela esquencida
de todos, ¡triste de min!,
¡cantándoche os teus cantares
choro por ela... e por ti...!

O Panteón de Galegos Ilustres comezou con Rosalía de Castro porque entre outros batallou Alfredo Brañas.

As referencias de Castelao (1886-1950) a Alfredo Brañas son varias no Sempre en Galiza (1944), na que salientamos a seguinte:

O movimento literario sigue avante, eisaltando a persoalidade galega, e de súpeto xurde un home estraordinario: Alfredo Brañas. Este gran patriota dalle á "custión galega" un pulo trascendental co seu libro " El Regionalismo" (1889), no que se concreta, por primeira vez, en doutrina política, xa nacionalista, as vagas aspiracións sentimentaes do povo galego. O mesmo Brañas, n-un discurso de apertura de curso, na Universidade de Sant-Iago (1892), condensa en dezaseis puntos todo un programa de Goberno galego, o máis avanzado que rexistra o movimento autonomista en Hespaña. Compre decir que Alfredo Brañas foi a Barcelona cando Prat de la Riba era ainda un estudante e, según confesión pública dos vellos catalanistas, as conferencias de Brañas abriron luces á "custión catalana".(Sempre en Galiza, 3ªedición Akal, Madrid, 1980, paxs 66-67).

Ramón Cabanillas no seu libro Da terra asoballada (1917), adícalle o seguinte poema :


A BRAÑAS

Dende a praia cambadesa

¡Balcóns floridos! ¡Olmos da "Calzada"!
¡Vellos patíns! ¡Mareiras "Mos de Fora..."
Do teu paso a lembranza ben-amada
enche a viliña homilde e soñadora;

i a enxebre vós, ardente e namorada,
que anuncióu da Rexión a nova aurora,
inda está prisioneira i encantada
nos carballos do monte da "Pastora"!

Cando tecendo ensonos, paseniño,
da veiramar pola deserta rúa
na silenzosa noite me encamiño,
ouso bruar o teu "¡Érguete i anda"!
¡E xurde un pobo que ó craror da lúa
ruxe a estrofa baril "¡Cómo en Irlanda...!"
(Da terra asoballada, 1917)

Outro ilustre galeguista que gaba a obra de Brañas foi Manuel Curros Enríquez:

Correspóndelle ao sr Murguía a honra de ter descoberto no seu gran libro a característica do noso pobo, case fosilizada baixo o pó dos séculos e o esquezo das xeneracións, reconstruindo por un sistema semellante ao de Cuvier, o esquelete da nosa autonomía; e ao señor don Alfredo Brañas, a groria de o ter animado e feito del un organismo, ofrecéndollo á nosa raza como o símbolo no que se conteñen tódalas súas aspiracións de libertade, de xusticia e de progreso.

...Para este labor de propaganda reune Brañas excepcionalísimas e admirables condicións: garrido continente, vasta ilustración, palabra abondosa e persuasiva, imaxinación poderosa, fe e entusiasmo pola causa que defende, incansable vontade...
(Biografías e estudios críticos, en Tierra Gallega, La Habana, 1895)

Diciamos que hai en Brañas un norte que é a defensa de Galicia e a súa personalidade diferenciada. Non podemos xogar ás ucronías, máis digamos que como é sabido morreu moi novo a penas corenta anos. Cal sería a súa evolución de ter vivido os noventa por exemplo de Murguía?

NÓS COMO ELES*

Hai unha terra
lonxe da nosa,
como ela verde,
como ela fermosa
onde os labregos,
cultivadores,
foran escravos
dos seus señores
i agora libres
rexenerados
van en camiño
de ser vingados.

IRLANDA...a isla
pelra dos mares,
é a doce terra
dos meus cantares,
terra de altivos
fortes colonos,
onte inda servos,
hoxe xa donos...
¡Ergue, labrego! ¡Érguete e anda!
¡Coma en Irlanda! ¡Coma en Irlanda!
(Alfredo Brañas)

* Poema en catro cantos, reproducimos o primeiro.