Afondar na nosa historia, traballar polo noso futuro

Afondar na nosa historia, traballar polo noso futuro

Na batalha de Uclés (1108) em que foi derrotado pelos Mouros, Afonso VI, o conquistador de Toledo, rei de Leao e de Castela, perdeu um filho querido. A crónica latina em que é narrado este acontecemento interrompe o texto latino para reproduzir a lamentaçao do rei na sua própria lingua materna: "Ay meu fillo! ay meu fillo, alegria do meu coraçon e lume dos meus ollos, solaz de mia velhece! Ay meu espello en que me soía veer e con quen tomaba gran prazer! Ay meu herdeiro mor. Cavaleiros, u me lo deixastes? Dádeme o meu fillo, Condes!"

Qualquer leitor entende que o rei de Leao e Castela se estava queixando em galego, que era a sua lingua, a sua lingua de criaçao. Este rei era avô de Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal.

Deste xeito comeza a súa moi difundida Iniciaçao na Literatura Portuguesa o estudoso portugués Antonio José Saraiva. Son de recoñecer as súas palabras por canto, aínda reparando nunha obviedade, sitúan o foco nunha cuestión pouco explicada desde o ámbito da historia e da literatura nos territorios ibéricos. Por suposto no caso galego, afeitos á asunción acrítica do discurso histórico que a este respecto nos inculcaron como neutral e incuestionábel desde a escola, rara vez reparamos en moitos deles e nos porqués subxacentes que os explican.

Unha destas cuestións é, por exemplo, a das cantigas medievais, o riquísimo corpus literario que conforman as cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer das que temos constancia a través dos Cancioneiros. ¿É críbel que o galego puidese acadar un grao de relevancia tal que o fixese ser lingua de expresión e de creación dos reis propios -que nos son transmitidos sempre como de León ou Asturias- e mesmo dos alleos -casteláns como Afonso X o Sabio, que tiña a súa Corte en Toledo- sen que houbese unha correspondencia a esa relevancia no plano político e económico, isto é, un contexto socioeconómico e sociopolítico que nos dese as chaves de por que o galego e por que a Galiza daquel tempo eran un foco de cultura de tal importancia?

Non convén proxectar na historia a realidade actual nin substituír uns mitos por outros, e xustamente por iso débese esixir honestidade e rigorosidade a este respecto. De o facermos, non queda outra que cuestionar abertamente a propagandística e españolísima historia que, como ferramenta lexitimadora dunha vontade política unitarista de longa tradición filolóxica e historiográfica, pretendeu vertebrar España á forza nas nosas cabezas de alumnos e alumnas dos diferentes sistemas educativos.

Só deste xeito poderemos achegarnos e explicarnos, á marxe da mera ideoloxía, o nacemento de Portugal como reino a partir do vello espazo histórico da Gallaecia, ou as continuas referencias nas fontes árabes a Jalikiah como termo que designaba o conxunto de territorios cristiáns do noroeste (traducido sorprendentemente pola historiografía española como Reino de León, a pesar do cristalino do seu significado), ou por que é en Compostela onde se acorda facer "aparecer" o sepulcro do Apóstolo Santiago, ou por que os reis -aínda tendo a Corte en León- criaban aos seus fillos nas principais casas da Galiza -os Traba, primeiro, e os Castro, despois- e se rodeaban de nobres desta procedencia.

Forzar a historia e facérnola pasar por neutra, por obxectiva e científica, resultou tarefa longa mais de innegábeis froitos para a ideoloxía castelanista que estivo no cerne do proxecto estatal español. Os seus efectos mantéñense hoxe vivos, teñen consecuencias nos nosos comportamentos identitarios e psicosociais e están a ser premeditadamente reforzados. Vémolo coa intensa produción e difusión de materiais ideolóxicos españolistas (Hispanias televisivas, repasos en clave persoal á modélica Transición, uso político dos éxitos deportivos, ...), ou no descaro con que a oligarquía senta sen disfrace co presidente do Goberno e lle solicita a involución do modelo do Estado das autonomías.

Nun contexto tal revélase de vital importancia sermos quen de defender os nosos símbolos de identidade e a nosa propia historia como pobo e, neste sentido, adquirirmos unha mínima consciencia e coñecemento do que foi o Reino de Galiza non é cuestión menor. Materiais para facelo hainos, e bos. Hai arredor dun ano a Fundación Bautista Álvarez celebrou sobre a época medieval galega unhas moi suxestivas e interesantes xornadas no Museo do Pobo Galego, que poden ser vistas nesta mesma web do Terra e Tempo dixital. Ao mesmo tempo, son sempre de salientar traballos de investigación como os imprescindíbeis (Anselmo López Carreira, A Nosa Terra) e O Reino Medieval de Galicia (Anselmo López Carreira), Lingua galega, normalidade e conflito (Xosé Ramón Freixeiro Mato, Laiovento), ou ensaios como o exitoso e ameno Otra idea de Galicia (Miguel Anxo Murado, Debate). Cada un no seu campo (histórico, filolóxico e literario-xornalístico) deitan luz sobre o proceso ideolóxico que construíu unha historia oficial á medida da España unitarista e contribúen a deixar en evidencia os mitos e lecturas interesadas que a sustentan.