Achegarse á figura de Diego Xelmírez
Ven de pechar estes días unha exposición que, co titulo Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, estaba centrada na axitada vida deste personaxe clave na nosa historia medieval.
Era esta a "gran exposición" que nos prometeu o Xacobeo para este ano. Sen estar mal de todo está lonxe doutras exposicións realizadas con motivo dun ano xubilar, por exemplo da titulada Santiago. Camiño de Europa, baixo o comisariado de Serafín Moralejo, de quen o comisario da de Xelmírez, Manuel Castiñeiras, é discípulo. Pero os tempos de crise recortaron o orzamento, ademais ao estar pensada para ser itinerante, pois a exposición estivo en París e Roma, aconsellaba reducir o número de pezas e o tamaño da mesma.
Para empezar pode chamar a atención que a exposición se centre preferentemente nas viaxes de Xelmírez por Europa e menos na súa faceta construtiva, pois podemos considerar a este bispo como o impulsor das obras que cambiaron definitivamente a faciana da catedral compostelá e da cidade mesma. Pero as viaxes de Xelmírez tamén teñen que ver con esta faceta, pois nelas viu o que nese momento se estaba facendo por aí adiante, en lugares que tiñan unha actividade artística maior e, tamén, un prestixio xa recoñecido a un nivel máis amplo que ía máis alá dun marco estritamente local. E Xelmírez visita eses centros artísticos e culturais -Toulouse, Limoges, Conques, Cluny-, olla o que se fai alí, elixe o que quer e tráeo para Santiago de Compostela, onde adquirirá unha nova faciana nun novo contexto para acabar converténdose nun referente universal. Xelmírez estaba articulando o local nas redes do global do seu tempo.
Compostela viña sendo entón unha cidade aberta e cosmopolita, onde a presenza do relixioso, sendo constante, non sobordaba ao secular. Son facetas que van reivindicar a xente da xeración Nós que ven na Compostela do tempo de Xelmírez unha cidade vital e activa, organizada politicamente e capaz de converterse no eixo sobre o que xira todo un país, unha cidade universal desde a que se proxecta a nosa lingua e a nosa cultura cara a Europa, cara ao mundo, cara a fóra. Nós éramos nós, pero tamén éramos Europa e estabamos nas orixes da chamada cultura europea. E o tempo de Diego Xelmírez era un tempo considerado como de reactivación de Galiza, un tempo na que esta tiña un papel destacado, un tempo no que a comunicación con ese mundo europeo era directa, sen desvíos, un camiño que unía Galiza co resto do mundo civilizado, como dixera Castelao, camiño que remataba ou abría a súa porta na portada mateana. Diego Xelmírez será entón unha reivindicación de Murguía ou de Otero Pedrayo, porque entendían era alguén que cría no reino de Galiza. Este tempo e estes feitos forman parte da nosa historia e da nosa cultura, forman parte da nosa identidade, porque a necesidade de ser e do propio tamén se pode mirar polos ollos dos símbolos e das mitoloxías, estes forman parte do noso patrimonio común, axudan a crear un colectivo, unhas identidades.
As viaxes de Diego Xelmírez, a Portugal e a Roma dúas veces atravesando o territorio francés e facendo o Camiño ao revés, teñen que ver coa súa ansia persoal de poder. A de Portugal, co roubo das reliquias en Braga, incidirá dalgún xeito na separación das terras ao sur do Miño. Pero ambas teñen que ver coa ansia de pór a Compostela, cidade da que el era bispo, no mapa das grandes peregrinacións da cristiandade, de emparentala politicamente con Roma e de ofrecer Santiago como un lugar máis seguro para peregrinar, pois a capital romana pasaba por momentos de inestabilidade.
Pero a exposición non ofrece, ao meu entender, unha visión clara do contexto galego, de que Xelmirez vivía nun país chamado Galiza que buscaba situarse no contexto do seu tempo. Si hai referencias ás Terras de Compostela e á reivindicación do personaxe de Diego Xelmírez. Pero seguimos repetindo tópicos de sempre. Por exemplo se di que as viaxes de Xelmírez ilustran os frutíferos intercambios entre "a Península e o resto de Europa". Que península? A do Morrazo? A de Dingle ou a Escandinava? A presenza do galego é circunstancial, como nas xornadas "camiño ao andar", chamadas de reflexión e diálogo, e onde a lingua galega só aparece no título. Aparecemos diluídos nunha realidade "peninsular", polo que hoxe, como onte, segue sendo difícil manter viva a chama dunha cultura como dereito colectivo e identitario, resulta politicamente difícil administrar esta diversidade e seguimos recibindo elementos culturais externos e non potenciando os internos.
Indirectamente a exposición incide na historia da igrexa como institución e recalca o papel desta e da relixión católica nun momento no que Europa se estaba formando contra os "outros". Entón pode dicirse que certos sectores recalcitrantes reivindiquen esta exposición como que afonda nas raíces cristiáns dunha determinada idea de Europa nas vésperas da visita do Papa.