Aceituna galega
Hai uns cantos anos –poucos– que está en marcha unha interesante iniciativa de produción de aceite galego. Con todo acerto preséntase como algo máis que a posta en marcha dunha empresa económica, posto que, alén diso, trátase tamén (tal como teñen afirmado os seus promotores) da recuperación dunha actividade que foi propia de Galicia e que se perdeu, e por tal motivo contén unha indubidable carga cultural e identitaria.
A presenza de aceite galego no mercado é aínda extremadamente restrinxida. De momento diríxese a un público minoritario, mais non pasa desapercibido e coido que hoxe somos xa moitos os que sabemos da súa existencia. A maiores, eu ben comprobara hai anos dabondo que na Idade Media a produción de aceite era común en varias zonas do país, particularmente no sur.
Con todo, non puido deixar de sorprenderme (unha das escasas sorpresas gratas destes tempos; nese momento aínda non se recuperara o Códice) o que fun descubrir no Algarve, onde son asiduo desde hai máis de vinte anos (dito sexa de paso e sen apenas vir a conto). El foi que lendo as etiquetas dun par de botellas de aceite portugués algarvío, de calidade gourmet, infórmome por unha delas de que o tal produto ofrece un sabor e aroma frutados que lhe advém da variedade de azeitona “galega”, con este textual resalte en negriña que me deixou un tanto estupefacto. A segunda garrafa (pois eran distintas) acrecenta que é um azeite delicado e de superior qualidade. Um aroma suave e fresco a amêndoa, característica própria da variedade «galega». Ou sexa, unha aceituna espantosa.
Os meus coñecementos sobre a historia do aceite en Galicia son ínfimos: dou por boa a afirmación (que ademais semella lóxica) de que o cultivo da oliveira debérono introducir os romanos. Desde logo Estrabón asevera que os galaicos non tiñan, e que cociñaban con manteiga; as fritadas con manteiga son aínda tradicionais en moitas zonas do país. Ou érano hai aínda non moito tempo; eu lémbroo.
O feito de en Portugal coñecerse unha variedade especificamente denominada galega coido que permite afirmar o arraigamento e particular adaptación da especie en Galicia, que seguramente había ser a Galicia miñota, tanto na marxe lucense como na bracarense.
O que sen lugar a dúbidas se pode asegurar é que a documentación baixomedieval permite reconstruír paisaxes do sur de Galicia cheas de oliveiras. Nas ribeiras do Sil (por Quiroga e Valdeorras) nunca deixaron de cultivarse nin de producirse aceite autóctono, ao abeiro dos factores climatolóxicos mediterráneos que por ese val se introducen nos dominios oceánicos.
Pero na comarca de Ourense, onde actualmente non fica oliveira ningunha, ata o século XV a paisaxe agraria dominante estaba constituída por viñedos salferidos de oliveiras. Non eran, por tanto, estraños os contratos de foro que incluían o aceite entre as rendas a pagar, se ben tamén se evidencia na redacción deses documentos que non se trataba dunha produción masiva, destinándose maiormente para o autoconsumo.
Mais é evidente que desde algún momento posterior a esas datas e ata hoxe mesmo Galicia xa non destaca por ser produtora de aceite. Cando e como se produciu ese cambio eu non o podo asegurar. Está estendida a idea de que os Reis Católicos ordenaron talar as oliveiras galegas en beneficio das zonas produtoras andaluzas, pero eu non coñezo o tal decreto. Non digo que non exista. Durante moito tempo pareceume que algo tan explícito era improbable, pero vistos os usos da Unión Europea (co leite, coa pesca, etc.) agora xa me parece perfectamente crible. Sería desde logo unha mostra do máis descarnado colonialismo, pero para afirmalo cómpre demostralo.
Díxose tamén que no século XVII o conde-duque de Olivares impuxo unha taxa por oliveira, o cal remataría por arruínar a produción galega, non destinada á exportación a distancia. Este sistema favorecedor de monopolios por medios impositivos en prexuízo dos pequenos produtores é algo común, mais tampouco coñezo documentación que o confirme.
En fin, o caso é que Galicia produciu aceite durante séculos, ata o punto de contar cunha variedade autóctona. A recuperación do país é un proceso integral, no que a restitución ecolóxica (entendida como dialéctica harmónica do ser humano coa natureza) constitúe un elemento primordial.