Abertos ao galego
Nestas últimas semanas andamos a reformular na Mesa o proxecto Abertos ao Galego (www.amesanl.org/abertosaogalego), que ten o obxectivo de dinamizar a lingua galega no ámbito empresarial. Abertos ao Galego é unha idea que nace do proxecto basco Bai Euskarari (http://www.baieuskarari.org/?lang=es&op=1) e consiste na creación dun certificado de calidade para a lingua. O proxecto basco ten a idea de conseguir compromisos por parte de todo tipo de empresas, comercios e entidades, coa normalización do euskera. Hoxe, hai 1.450 empresas posuidoras do certificado Bai Euskarari e desde decembro de 2009 a entidade que promove este certificado está a editar unha revista trimestral.
,
En Galiza, hoxe Abertos ao Galego conta con 60 empresas, e precisamente o traballo posto en marcha nas últimas semanas ten o obxectivo de aumentar o número de empresas participantes e facer que o certificado teña unha maior presenza pública.
Dentro destes traballos, estamos a falar con varios empresarios e empresarias de moi diversos ámbitos, xeográficos e de traballo, sobre as potencialidades do certificado e sobre a situación da nosa lingua en xeral. A primeira conclusión destas semanas é que en Galiza existe un colectivo de pequenos empresarios e empresarias extremadamente comprometidos coa nosa lingua e a nosa cultura, que levan a cabo un traballo imprescindíbel para a pervivencia do idioma, con apenas recoñecemento e si con grandes doses de voluntarismo e esforzo persoal.
Nun país cunha situación normal, parecería unha loucura asumirmos que o empresario que elixe visibilizar a súa opción lingüística está asumindo tamén unha perda de clientes. Parece incríbel, mais en determinados sectores da nosa sociedade aínda é impensábel facer explícita esta opción. Quizais asumamos con máis naturalidade que unha libraría faga de axente normalizador, mais cando é un dentista ou unha xestoría pensamos que se trata dun acto de militancia lingüística. En realidade, todas as persoas coas que falamos estes días nos din que a súa elección lingüística empresarial é un feito totalmente natural, relacionado coa súa propia elección persoal. Tan simple como iso.
O galego é unha elección natural
Reclaman estes empresarios e empresarias tamén máis naturalidade diante deles. Un argumento moi repetido é o de que o ideal sería que iniciativas como Abertos ao Galego non fosen precisas. Mais recoñecen tamén a necesidade de que unha rede como esta, que nace co obxectivo de pór en comunicación os dous pólos do consumo en galego, existan e se reforcen canto máis mellor. Falamos de que hai un colectivo importante de persoas que están (estamos) decididos a consumir na nosa lingua, que de termos a opción e información sobre ela, elixiriamos sen dubidar unha empresa que se dirixa a nós en galego e non poña problemas nin nos fose cobrar máis por preferir unha das dúas linguas oficiais. Lembremos aquí o caso da imprenta coruñesa que pretendía cobrar máis por uns recordatorios só polo feito de estaren en galego. Este tipo de iniciativas pretenden que teñamos máis fácil evitar este tipo de situacións.
Consumo reflexivo
Porén, algúns destes empresarios falan sobre a necesidade do consumo reflexivo. Non só falando de lingua, claro. Moitas veces resúltanos máis fácil teorizar do que levar as teorías á práctica. E fago eu a primeira o propósito de emenda. Mais é verdade que, traendo de novo o exemplo do libro, da literatura que se vende en galego, o desexábel sería que a porcentaxe das vendas fose parar a esas empresas que o defenden, o protexen e o miman, non ás grandes superficies. Igualmente sucede con calquera outro servizo. Moitas veces nin nos cuestionamos que temos a opción da nosa lingua cando contratamos certos servizos. Hai uns anos, cando organizamos unhas xornadas sobre Cabo Verde desde a Fundación Via Galego, toleamos para atopar un restaurante na Coruña que tivese a carta en galego. O ideal sería que todos tivesen esa opción, mais entretanto, eu prefiro saber cales son eses poucos que a teñen e se vou comer pola Coruña irei a eses.
Quizais este sexa un exemplo un tanto extremo, mais vén ao caso pola elección e polo excesivo protagonismo que o consumo ten nas nosas vidas. Calquera que se achegue por un dos moitos centros comerciais das cidades do país pode comprobar que son o xeito de desfrutar o ocio que teñen os máis novos, e non só. Ir a un deses centros con cinema (por outra banda, en moitas cidades galegas non é fácil ou mesmo posíbel ir ao cinema sen pasar por un centro comercial) un sábado á tarde-noite é constatar os referentes da sociedade do futuro: non hai ocio sen Inditex e semellantes, nin sen comida rápida ou cocacola. E falando de Inditex, acae perfectamente o exemplo das bromas que ocasionou o seu Zara Home, cando moitos dubidamos por segundos que Amancio Ortega decidira por fin, ser profeta na súa terra e nomear as súas tendas en galego.
Supoño que por moitos Abertos ao Galego que haxa, eu seguirei de cando en cando comprando roupa en Zara, mais xa vin que a súa nova páxina de venda en liña (tamén) está en galego e o primeiro que fixen foi mandarlles un correo electrónico para agradecerlles que, por fin, comecen a dar pasos nesa liña.