A Xeración dos 80
Pór límites e determinar as características comúns que teñen uns autores e autoras para pertenceren a unha xeración é sempre problemático. No caso da xeración dos 80 é máis difícil pois estamos a falar de autores/as contemporáneos/as. É innegábel que a finais dos 70 prodúcese un cambio na poesía galega. Por un lado, ao mudaren as circunstancias históricas e políticas a temática social e reivindicativa perdeu importancia ao non considerarse tan prioritaria. Por outro lado, os novos autores e autoras teñen unha formación académica ou vivencias persoais comúns entre eles mais moi diferentes dos membros das xeracións anteriores polo que á hora de escribir poesía aparecen as diferenzas.
Os 80 na poesía galega son unha época de esplendor. Danse a coñecer moitos poetas que publican nalgúns casos varias obras que os consagran. Foron anos de grande actividade, con recitais, participación en revistas como Nordés, Coordenadas, Dorna, Escrita, Festa da palabra silenciada, Luzes de Galiza que dan idea do dinamismo da poesía nesta época.
Ao falarmos da poesía galega dos anos 80 adóitase distinguir entre o grupo de Vigo e o grupo da Coruña. Esta clasificación non responde a diferenzas profundas ou rivalidades senón que simplemente é a concentración neses espazos de determinados autores/as. No caso do grupo da Coruña úneos participaren en publicacións antolóxicas como De amor e desamor. Moitos tamén participaron en Alén ou Cravo Fondo na súa estadía en Santiago de Compostela.
A poesía desta época caracterízase pola variedade temática con predominio dunha liña culturalista. A poesía aparece ao lado do cine ou da música. Os temas que máis predominan nos poemarios é a terra, o amor (erotismo, sensualidade, sexo), a inquietude polo paso do tempo, a morte ou a nostalxia polos tempos e lugares pasados e perdidos.
Son moitos os nomes que se poden incluír dentro dos integrantes da Xeración dos 80 que fai desta xeración un referente na poesía galega. Pilar Pallarés, Eusebio Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez, Anxo Quintela, Lino Braxe, Francisco Salinas Portugal, Lois Pereiro, ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas en 2011, Luís González Tosar, Claudio Rodríguez Fer, Xosé Vázquez Pintor, Román Raña, Xavier Rodríguez Barrio e Xela Arias son algúns dos autores que se deron a coñecer nos 80.
Algúns dos autores e autoras máis significativos desta xeración van recitar os seus poemas en Riotorto o sábado 25 de setembro na festa da cultura. Alí poderemos ver reunidos a oito poetas que coa súa voz farán unha festa da palabra e das letras.
Xosé María Álvarez Cáccamo é un dos autores máis prolíficos da nosa literatura. Pertence a unha familia de varias xeracións de poetas. Entre as súas obras destacan Praia das furnas, Arquitecturas de cinza, Os documentos da sombra, Luminoso lugar de abatimento, A escrita das aves de marzo, Vocabulario das orixes, Ancoradoiro. Obra poética, de 2003 onde recolle toda a súa obra poética anterior, Vilar dos fillos ou Vento de sal de 2008. Nestes momentos pódese visitar a súa exposición Materia metáfora.
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. As súas obras máis destacadas son Antonte das salamántigas, O cántico da fonte, Ortigas da memoria, Mar do fin da terra, Do olvido o río, O rostro da terra ou A escrita do silencio. Antoloxía persoal.
Xulio L. Valcárcel publicou moitas obras entre as que podemos salientar: Véspera do día, Auga de alba sonámbula, Solaina de ausencia, Memoria de agosto, Se envellecemos xuntos ou A melancolía dos corpos, de 2008.
Luísa Castro publicou Baleas e baleas onde o realismo e feminismo é tratado cun ton inxenuo, desenfadado e coloquial. En 2010 volveu ao sistema literario galego cun libro de ensaio, Melancolía de sofá.
Manuel Forcadela destaca polas obras Ferida acústica do río, O regreso das ninfas, O varredor en outono, Profecía, A morte do fadista, Refutación da musa, Lámpada e medusa e en 2008 Música da cinza.
Xavier Seoane ten obra conxunta con Raúl Reguera e Manuel Rivas. Entre as súas obras podemos citar A caluga do paxaro, Iniciación e regreso, Umbral da vida, Don do horizonte, Dársenas do ocaso ou Vagar de amor e sombra.
Miguel Anxo Fernán-Vello destaca como poeta mais tamén como editor. Algunhas das súas obras son: Do desexo en corpo e sombra, Seivas de amor e tránsito, Memorial de brancura, As certezas do clima, Territorio de desaparición, Capital do corpo ou Dicionario do estremecento.
Xavier Rodríguez Baixeras é un dos poetas relevantes da Xeración dos 80. Publicou entre outras obras Fentos no mar, Lembranza do areal, Anos de viaxe (Poesía 1981-1987), Visitantes Nadador, Beira Norte ou O pan da tarde. En 2009 publicou o ensaio Bos tempos para a lírica. A Xeración de 1980. En 2010 ganou o Premio de Poesía Caixanova con Deserto diamantino.
O recital poético de Riotorto é unha homenaxe a unha xeración que marcou a poesía galega mais que continúa hoxe a enriquecer o panorama literario galego.