A voltas co nome de Galiza

O nome do noso país é moi antigo; polo tanto desvendar o seu significado é una tarefa difícil, debe ser mais penoso que explicar os nomes de CASTELA ou CATALUNYA, que son medievais.
Acéitase que o nome de GALIZA procede do apelativo dunha antiga tribu, a dos GALAICOS, coa que se atoparon os gregos e romanos, instalada nas terras que irían dende Braga até o monte Medulio.
Imos tratar aquí do motivo que levou a chamar a esas xentes de galaicos e á sua terra de, GALLAECIA.
É curiosa a opinión que sobre o nome de GALEGOS aporta S. Isídoro, no seu sonado libro das ETIMOLOXÍAS, vexamos:
“… Aos galegos chámase-lle así pola sua brancura; por iso tamen se lles chama de “galos”. Son, efectivamente mais brancos que os restantes pobos da Hispania. Iles aseguran que a sua orixe é grega e por iso gozan dun carácter inxenioso…..”
Isto é o que escrebe Isídoro sobor dos galegos, ben antes da chegada dos musulmáns, estamos falando dos anos 560 d.c.
As etimoloxías de Isídoro están moi cuestionadas, e semella que niste caso, está actuando na sua mente a palabra grega “galactos” para referirse á albura do leite.
GALACTO > GALO > GALAICO e daí GALLAETIA, ou terra dos "brancuchos".
Na miña estadía no Brasil puiden constatar como esta idea sobor dos galegos, está asentada popularmente alén do Atlántico.
No Brasil, a palabra GALEGO, é usada popularmente para designar a unha persoa de ollos e pele crara.
Hoxe estase a usar tamén como sinónimo a verba “alemao”, que sería equivalente á de “galego”.
O anterior presidente brasileiro LULA, chamaba familiarmente á sua muller de, “A MINHA GALEGA”. A sua muller nada tiña a ver co noso pais; o que si era….,branquiña e de cabelo loiro.
Puiden constatar o mesmo cando, viaxado polo Nordeste brasileiro tivemos un problema no carro; tiñamos un “pneu” furado!
Ao preguntar para resolver a incidencia, un “cara” aconsellounos de acudir ao, “borracheiro GALEGO da esquina”.
Xa sabedes que “a borracha”, no Brasil, é a goma ou neumático da roda, e o “borracheiro” é o que lida cos problemas nas rodas dos autos. Ao entender que o “borracheiro” era galego, xa entrei cheo de confianza.
Ei paisano!; eu son do Carballiño. E logo ti de onde es? Como chegache ao Nordeste?
O “cara”, non compendia nen a miña familiaridade, nen a que me estaba referindo. Il, nada tiña a ver coa Galiza, simplesmente era chamado de “galego” por ter a pela crara e os ollos azuis!
Cómo chegou ao Brasil esta idea sobre como é un “galego”, coincidente coa idea que expón o visigodo ISÍDORO?
Diríamos que ao traveso dos portugueses, mas eu nunca puiden apreciar esta consideración sobor dos galegos por parte dos portugueses da Europa.
Os varios nomes de pobos castelás que locen o apelido de GALLEGOS, xa sabemos que é debido á baixa de moitos coterráneos que ian poboar as novas póboas que se fundaban logo das conquistas aos mouros.
Pensamos que a palabra GALEGO, na alta idade média, debeu ser sinónimo de Cristián ou, non musulmán.
Nos escritos dos mouros, nen se fala de Asturias, nen de León, nen de Castela como o fai a historografia española.
Para os mouros estaban os de HISPANIA, que eran iles, e os outros que eran os da GALYQUIA, ou galegos, herdeiros do antigo reino suevo.
“Perros galegos, politeístas”.
E politeístas porqué? preguntaba un bispo galego.
Por causa da Santísima Trindade, sua Eminencia!, que era vista polos musulmás como tres deuses diferentes, amén da moitedume de deuses menores ou santos e vírxens; velaí o pago que tivo que facer o monoteísmo ao politeísmo romano para alcanzar o poder!
Mais difícil é explicar o nome de GALEGOS, que locen moitos lugares da Galiza.
Un topónimo debe ser definidor, ou sexa, carectizador, e non se entende que como se pode chamar un lugar de, GALEGOS, cando todos os lugares do arredor están habitados por os mesmos galegos.
Cómo explicar tamaño paradoxo?
Hai, na parte de Cáceres, na vila de Hervás, un rio chamdo de RIO DE GALLEGOS.
Pensamos que neste caso como o nome non se refire a un lugar habitado senón a un corrente fluvial, iste nome nada tería a ver coa baixa de galegos cara as terras do Sul.
A faciana da paisaxe alí é dun rio cheo de enormes pedrolos, até semellan restos dunha antiga morrena glacial.
Nosa idea é que aquí, o nome de GALLEGOS, refírese a esas pedras que caracterizan o curso do rio.
Ises gallegos serían os CALLAUS ou “CALLIEUX”, como din os franceses ao referirse aos pelouros graníticos que marcan a paisaxe.
Mesmo a personaxe infantil dos videos franceses de CAILLOU, deberíamolo traducir ao galego como PELOURO, pois isa é a faciana da cabeza do meniño protagonista.
Á mesma conclusión nos leva repara no pedregoso aspeito do pirenaico río chamado de GÁLLEGO, en contraste co barrento Ebro a onde vai deitar as súas águas.
Cremos pois, que o nome do noso Pais, e o da tribu que lle deu nome, refírese á surpresa que debeu ser para gregos e romanos ao atopar unas terras tremendamente penedías en contraste coas chairas do Sul.
Desde esta mesma prespeitiva deberíamos focalizar o nome das masa pétreas do monte vigués do GALIÑEIRO, ou CALLINARIO, onde moitas antigas casas viguesas foron feitas coa “flor da pedra de Chan de Brito”.
As dolorosas pedras nos riles son chamadas de “CÁLCULOS”, e con pelouros, nos ábacos, comenzou a ciencia de CALCULAR.
As tribus dos CALLAUS, ou homes CALLAIKUS, os dos penedos, é a nosa Terra CALLAETIA!. A PENEDÍA!
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.