A vixencia de Cantares gallegos

Nota.- O que a seguir figura correspóndese coa intervención da nosa colaboradora María Pilar García Negro nos actos de recordación do aniversario de Rosalía de Castro organizados pola Fundación que leva o seu nome, no 15 de Xullo de 2013, na Casa da Matanza (Padrón).
Hai 128 anos, na casa contigua, moi perto de onde nos achamos, falecía Rosalía de Castro. A casa era alugada -nunca tivo morada de seu, nunca foi proprietaria das vivendas que a acolleron. En vida, non se lle tributou homenaxe nengunha, por moito que entre os cataláns admiradores da súa obra houbese peticións directas de agasallala como a estatura do seu valor merecía e por moito que contase co fervor incondicional dunha minoría de galegos conscientes do alcance da súa empresa patriótica e do seu enorme talento artístico. Igualmente, a moitos km. ou millas da Galiza, na outra beira do Atlántico, a emigración galega rendeu tributo de admiración e de recoñecemento á súa principal valedora, porque tal foi, unha Valedora do Povo avant la lettre, cando estes termos podían ter o seu sentido verdadeiro, por fóra e por riba da burocracia actual. De modo e maneira que, hoxe, 150 anos despois de publicada a súa obra proel -como a denominou Bouza Brei-, a súa obra auroral, as persoas aquí reunidas estamos non só a colocar no altar dos nosos afectos e na bandeira do noso combate político unha muller coma ela, senón que tamén estamos a desagraviar un pasado que non a tratou, colectivamente, politicamente, á altura do seu valor e da transcendencia da súa obra. Non habendo descendencia biolóxica coñecida da parella Rosalía-Murguía, ben nos podemos considerar, as galegas e os galegos de hoxe, os seus descendentes e os seus legatarios. Mereceremos tal honra sempre e cando non falsificarmos a potencia da súa mensaxe, a elocuencia que, a respeito de cuestións clave -a patria galega, a lingua galega, a dignificación do seu povo, a elevación das súas mulleres, a radical igualdade de todos os seres humanos, o dereito irrenunciábel da Galiza a construír o seu futuro- a elocuencia, digo, con que ela se manifestou nestes macrotemas ao longo de toda a súa produción literaria, nunha vida mortal que só durou 48 anos e que coñeceu a publicación de dez libros, ensaios, artigos, contos, poemas soltos e outros moitos materiais escritos mais desaparecidos á súa morte.
Todo isto, claro está, é fillo dunha vocación artística definida desde a súa primeira mocidade e mais dunha vontade de intervención social a través do instrumento permitido daquela a unha muller, a literatura. É hora xa de recordarmos, máis unha vez, que estamos ante unha escritora que fixo da escrita literaria a súa profisión, por moito que, dado o seu carácter contestatario, patriótico e feminista, non pudese viver dela coa dignidade precisa. De certo, estamos ante unha muller que non formou parte nunca dos círculos cortesaos, que non dedicou os seus libros a nengún membro da aristocracia reinante, que non se amosou nunca indulxente cos poderes económicos, eclesiásticos ou gobernamentais do seu tempo e que, polo mesmo, nunca se apontou á práctica dunha literatura compracente, admitida como hobby para o sexo feminino ou ben organicamente dependente das terminais editorais e mediáticas do sistema español e das súas delegacións galegas. É hora xa de reiterarmos como Rosalía de Castro cultivou todos os xéneros: poesía, narrativa, teatro, ensaio, conto, crónica, xornalismo..., como é hora de considerala a pedra angular dunha literatura galega que renace no século XIX, que ten valiosos antecedentes, mais que ela elevou á categoría definitiva: a consagración inequívoca da lingua galega como recipiente artístico total, á altura dun povo digno de contar coa súa propria superestrutura cultural, co seu específico universo de representacións.
Advirto decontado que todas estas afirmacións non se afilian ao ditirambo nen tampouco á devoción por unha muller que quizabes soubo máis de todos nós, galegas e galegos, e da humanidade no seu conxunto, do que nós cheguemos nunca a saber dela. Todos e cada un dos xuízos que mencionei poden ser documentados -un após outro- na leitura atenta da súa obra e mais no estudo do momento histórico en que ela viveu, particularmente crítico para a Galiza e para a Humanidade. Por iso, vou tratar de resumir en só dúas palabras a significación profunda da súa obra primicial, Cantares gallegos, publicada, como sabemos, en 1863. Estas dúas palabras son: resposta e alternativa.
,CG é resposta directa á pesada lousa de xenofobia proxectada sobre e contra a Galiza e os galegos, nunha racista tradición española cuxa existencia se remonta a varios séculos atrás. É a resposta a unha burla e caricatura inclemente da nosa lingua e dos seus falantes. É, en fin, a resposta a tanto autodesprezo inoculado no corpo social galego, que precisaba urxentemente dun antídoto poderoso de autoestima e de dignidade. Ela alzou a voz pra desir [...] ós que sin razón nin conocemento algún nos despresan, que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que, a desir verdade (por máis que esta sea dura), demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que pode facer unha provincia a outra provincia irmán por probe que esta sea.
Estas palabras, como se sabe, pertencen ao prólogo de CG, que ten toda a traza dun ensaio, dun discurso organizado para a defensa da súa patria, a Galiza, e de todos os seus signos, naturais e culturais. Reparemos nos topónimos que aparecen neste manifesto, á parte de “Galicia”, claro está: Castilla, Estremadura, a Mancha, Alicante, Murcia, Italia, Suíza, España, Franza. Os primeiros mostran o contraste entre un ofensor seco e monótono e a feracidade galega; os segundos, elevan á Galiza á mesma condición de Estados constituídos como tais e representantes dunha hexemonía indiscutida. Non, non é paisaxismo o que pinta a escritora: é directa apoloxía ecolóxico-económica; é clara paixón política, nun tempo esperanzado onde cumpría facer falar por si mesma a nosa nación, a Galiza, despois de tanto tempo de silenciamento ou de ventriloquía falsificada.
E a súa obra, como dixemos, é tamén alternativa. Alternativa a unha Galiza condenada a fornecer mao de obra barata, carne de cañón para as absurdas empresas coloniais españolas e carne de emigración en Ultramar. Rosalía de Castro toma partido claramente, e faino elevando a clase social que considera epónima da Galiza toda, as clases populares, as clases traballadoras, e con elas o seu signo principal, a súa lingua, a súa cultura e os seus usos. Esta é a base sobre a que edifica unha alternativa que non obvia nen oculta elementos da crise: a emigración, a dependencia de España, o maltrato inflixido polos contratadores castellanos.
Ora ben, o patriotismo aceso da escritora non sería suficiente para compor unha obra artística de valor. E é aquí onde se funden afortunadamente intelixencia creativa, coñecemento da cultura popular galega, grande cultura formal ou ilustrada e unha acreditada destreza no manexo dos recursos poéticos. Practica unha fusión consciente: a da “meniña gaiteira” coa súa propria vontade autorial. O protagonismo feminino é claro, e del e de toda a súa pesada ocultación derivará esa comprensión para outras marxinacións de protagonista masculino, sexa o emigrante angustiado, sexa o traballador galego desprezado pola fidalga castellana. A visibilización das mulleres, das rapazas galegas, non ten parangón en nengunha obra contemporánea. Delas coñeceremos os seus sentimentos amorosos; a repre(n)sión dos mesmos polos elementos eclesiásticos; a discordia erótica face ao amante acaparador e posesivo; os traballos da campesina; o brado da súa voz que compón esa xoia, mistura de elexía e de cantiga de maldizer, que é “Castellanos de Castilla”, primeirísima vez en que unha muller é quen de definir o agresor, o causante, por maltrato, da morte do seu mozo; novidade absoluta: non só un discurso de autodefensa, senón de definición do ofensor, chanzo superior do exercicio da autoestima. Velaquí unha das benévolas coplas castellanas ás que tamén responde este poema: Venga el gallego a segar / miserable jornalero / que los hombres de Castilla / tienen el trabajo a menos. Resposta-alternativa da galega: ¡Castellanos de Castilla, / tendes corazón de aceiro, / alma como as penas dura, / e sin entrañas o peito! / En trós de palla sentados, / sin fundamentos, soberbos, / pensás que os nosos filliños / para servirvos naceron. / E nunca tan torpe idea, / tan criminal pensamento / coupo en máis fatuas cabezas / nin en máis fatuos sentimentos.
CG non é un libro que inmobilice o ser galego. Moito polo contrario, é un libro que reflicte agudamente, no positivo e no negativo, o ser galego histórico naquela súa sincronía. Por isto conviven nel o retrato dunha cultura propria, dunha socioloxía peculiar, coas marcas máis profundas da crise: o drama da emigración e a lousa da dependencia política dunha España desprezadora e promotora da marxinación da Galiza. Por iso, na resposta ao poema “La gaita gallega”, de Ventura Ruiz de Aguilera, escritor salmantino que se pergunta se a gaita galega canta ou chora, a autora, abandonando toda ambigüidade ou todo eclecticismo, proclama abertamente: Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, /que España de ti se olvida / cando eres, ¡ai!, tan hermosa. / Cal si na infamia naceras, / torpe, de ti se avergonza, / i a nai que un fillo despresa / nai sin corasón se noma. / Naide por que te levantes / che alarga a man bondadosa; / naide os teus prantos enxuga, / i homilde choras e choras. / Galicia, ti non tes patria, / ti vives no mundo soia, / i a prole fecunda túa / se espalla en errantes hordas, / mentras triste e solitaria / tendida na verde alfombra / ó mar esperanzas pides, / de Dios a esperanza imploras. / Por eso anque en son de festa / alegre a gaitiña se oia, / eu podo decirche: / non canta, que chora.
CG é, pois, a primeira longametraxe galega, se se me permite o anacronismo da analoxía. Como nos mellores filmes da historia da cinematografía, hai neles lirismo; narrativa; diálogos teatrais; movementos corais; a épica dun povo que merece darse a valer por si mesmo..., e coa grande novidade dun indisimulado protagonismo feminino, como xa indicamos. Tamén aquí a escritora inaugura outra novidade absoluta: a de reverter de vez os atributos clásicos da épica tradicional: heroi masculino, cuase divinizado, condutor ou redentor das masas, individuo superior, en suma. A épica que Rosalía constrúe ten como protagonista o proprio povo e, dentro del, coa principalía agora recoñecida por vez primeira, as mulleres. É a marxinación e invisibilidade tradicional delas, agora conxuradas, a que permite alumar tantas outras discriminacións, as dos emigrantes, as dos traballadores do campo sen terras de seu, a da Galiza no seu conxunto como nación oprimida na orde española e europea.
¿Os expedientes que abren os CG teñen vixencia hoxe? Vexamos. A patria galega segue sen ter recoñecemento xurídico-político no marco español-europeu actual. A lingua galega está moi lonxe de ser normal, visíbel e audíbel publicamente no país que a creou e onde debe existir coa normalidade que nunca se lle ralea ou discute á lingua oficial do Estado. Non hai unha soa previsión normalizadora da Lei que cumpre hogano 30 anos, a Lei de Normalización Lingüística, que teña suposto un avanzo merecente de tal nome. A maior abondamento, as autoridades autonómicas actuais emprenderon unha agresiva política de desmantelamento e destrución do pouco conseguido. A rapaza, viúva prematura, de “Castellanos de Castilla”, segue hoxe clamando por un outro lugar para a lingua galega e para os traballadores galegos de toda laia condenados, por enésima vez, a emigraren para albiscar un futuro incerto. Aquel campo fértil e aquel mar abondoso de que falaba Rosalía continúan a loitar para a súa sobrevivencia. As mulleres, de por parte, dispoñen de moitas declaracións nominalmente protectoras, de moita declamación de dereitos, mais a igualdade real -a única que dá sentido ás leis- está lonxe de ter asento social e político, por moito que haxa en abundancia servidoras do sistema que marxina ás súas conxéneres.
En resumo: a vixencia da mensaxe estrutural, da mensaxe de fondo, da escritora non só non caducou senón que mantén toda a súa aplicación ao mundo actual. Rosalía de Castro non cabe certamente no organigrama político actual. Racha todas as costuras dunha comunidade autónoma que, ao contrario do que ela proclamou, afinca a dependencia da Galiza. Mais, face a este recital de submisión á globalización e á españolización, a súa insubornábel voz deixou descendencia. A Galiza actual ten, afortunadamente, contestación firme aos designios neocoloniais, moitas galegas e moitos galegos que non se resignan a unha galeguidade retallada e consentida, senón que o queren ser a tempo total e que aspiran a un dereito humano elementar cal é poder traballar na propria terra, aproveitar os seus recursos e deixar de pagar a prosperidade doutros. Eis a crise en que nos encontramos, eis os pratos dunha balanza abertamente desigual que deberemos inclinar do lado que Rosalía de Castro, coa súa personalidade e a súa obra, levantou.
¿Lembrades aquel barbeiro das Cousas de Castelao que pasaba o tempo profundando? En Rianxo, despois de moito pensar, chegou á seguinte conclusión: O mar, ¿sabes? O mar... ¡é un fenómeno! Imitándoo, nós tamén podemos afirmar humoristicamente: Rosalía de Castro é un fenómeno: profundo e enigmático como o mar, mais tamén elocuente e expresivo coma el: fonte de vida, as tres cuartas partes dun planeta que espera e merece unha outra orde, un outro sentido. Dentro del, a Galiza que Rosalía tan ben representou e defendeu continúa á procura do seu rosto verdadeiro. Como moi ben sentenciou o ilustre rosalianista Ricardo Carvalho Calero, a nosa historia é rectificábel e na nosa man está contribuírmos a que o sexa.
Obrigada pola vosa atención e que o pensamento e o amor da nosa escritora iluminen sempre o camiño das vosas vidas. Moitas grazas.