A violinista dos dedos máxicos

A violinista dos dedos máxicos
Anne-Sophie ase o violín coa naturalidade de quen leva desde o cinco anos a voltas coa música. O arco semella unha extremidade máis do seu corpo. Os finos dedos inconscientes esvaran polo mastro a unha velocidade frenética.

Anne-Sophie Mutter (1963, Alemaña) non é unha violinista corrente. Amante da alta costura, hai pouco máis dun mes pisou un escenario galego por vez primeira. Longo vestido cor turquesa e o seu inseparábel Stradivarius de case trescentos anos de antigüidade, único instrumento co que mantén «relacións musicais», -segundo ela mesma ten declarado-, desde que Herbert von Karajan lle suxerira xubilar o seu outro compañeiro, un Emiliani de 1703. O famoso director de orquestra descubriuna no Festival de Lucerna, onde a violinista debutara en 1976. Pouco despois, con só catorce anos de idade, Mutter actuaba como solista baixo a dirección do músico austríaco nos concertos de Pentecoste de Salzburgo. Era o inicio dunha brillante carreira que a levaría a ser aclamada como a mellor violinista do mundo.

Na súa actuación no Teatro Colón coruñés, desde a primeira nota do Allegro vivo da Sonata en Sol menor de Debussy, decatámonos de que a velada musical ía ser excepcional. Anne-Sophie ase o violín coa naturalidade de quen leva desde o cinco anos a voltas coa música. O arco semella unha extremidade máis do seu corpo. Os finos dedos inconscientes esvaran polo mastro a unha velocidade frenética. Nunha sorte de danza primitiva, o seu corpo de top model abanéase con elegancia. Ao piano, un vello amigo, Lambert Orkis, sabedor de que a súa interpretación, -aínda que tamén excelente-, ficará eclipsada pola mestría de Mutter. O concerto continúa coa Sonata en Fa maior de Mendelssohn, a Sonata número 3 en Re menor de Brahms e, finalmente, a Fantasía de Carmen sobre un tema de Georges Bizet, de Pablo Sarasate, sen dúbida a máis esperada e celebrada do programa.

A execución é tan limpa e perfecta que corta a respiración. Simplemente máxica. A violinista alemá semella unha actriz clásica do celuloide, cunha imaxe que ten moito de fashionable, o que explica a constante aparición en revistas de moda. Xa se sabe que, hoxe en día, o márketin todo o pode, aínda que neste caso o talento prima sobre calquera estratexia de mercado.

Mutter recibiu innúmeros galardóns, como o Erns von Siemens Music Prize, dotado con 200.000 euros, do que dedicou unha suculenta cantidade á promoción de novos talentos. En 2010, a xira da artista pasou ou pasará por Asia, Europa e Norteamerica e por primeira vez tocará en Xapón, Canadá e Rusia. Igualmente, Galiza foi privilexiada por poder contar coa violinista nunha das nosas cidades. Mais non houbo revenda de billetes. Nin milleiros de melómanos amoreados ás portas do teatro para ver nunha gran pantalla a interpretación. Porque nin tan sequera foron vendidas todas as localidades (ou se cadra mal xestionadas)!.

Malia a crise, o que si se merca son milleiros de camisetas da selección española e insignia vermellas e amarelas, orgullosamente lucidas nas xanelas e por toda a parte. Un meu veciño, -tal vez por suplir algunha carencia persoal relacionada con cuestións de tamaño-, deitou pola fachada do edificio unha bandeira máis grande que a da madrileña praza de Colón. E mestres isto acontece, grandes xenios da música pasean a súa arte polos nosos teatros, con butacas baleiras e sen grandes honores.