A sorte de Os vellos non deben de namorarse. Miserias e incomprensións

A sorte de Os vellos non deben de namorarse. Miserias e incomprensións

De non poucos críticos e teóricos teatrais teño lido e oído varias veces, cando analizan a evolución do teatro galego, que esta obra de Castelao foi excesiva e case inxustamente agraciada polas representacións dentro do panorama escénico galego. Como se vivise artificiosamente do favor que lle outorga a proxección doutras vertentes máis popularizadas do autor, nomeadamente a política e a gráfica e non tivese valor per se para figurar nos anais da literatura galega. Non é de estrañar: parecido ocorre, se nos paramos a pensar, con outras obras e autores do noso mundo literario. Está claro que en calquera cultura normalizada os autores e autoras máis importantes non son sometidos a este tipo de consideracións, case gratuítas. Neste caso que nos ocupa, -non sabemos a partir de que criterios da modernidade!- téimase pouco máis ou menos que en pasar páxina, pedir a súa relegación ou retirada do canon dos clásicos galegos. Desde logo, chama atención que estes críticos e teóricos se asombren por uns éxitos, comparativamente relevantes si, mais nada do outro mundo dentro da estreita marxe do noso mundo cultural.

En primeiro lugar, eles mesmos, que son tan devotos das estéticas da recepción na teoría literaria, teñen á man a resposta máis directa ou se quixermos máis pragmática. Veñen a ser os lectores/espectadores o mellor dos índices para regularmos os resultados da oferta e da demanda, para estabelecermos vixencias e permanencias. De balde, pois, a preocupación por unha obra que aínda suscita, mesmo entre a mocidade, interese a súa lectura e que tivo considerábeis éxitos como espectáculo, malia non representarse nas condicións óptimas a maior parte das veces. Pobres Vellos e pobre Castelao!

En segundo lugar -lamentábel paradoxo-, non parecen fundados os motivos de alarma sobre o suposto exceso. Nada máis lonxe da realidade! Acabamos de pasar o ano en que se tiña que conmemorar o 175º aniversario do nacemento de Castelao. Grande parte do ben artístico que nos deixou en herdo a todos os galegos e galegas segue diseminado, agardando algunha iniciativa protectora. Desde o Goberno da Xunta séguese coa idea de consideralo "patrimonio inmaterial"...; nos tempos de Fraga e Pérez Varela a consigna era "Castelao non é patrimonio de ninguén". Nin máis nin menos!No caso de Os vellos, seguramente todos os materiais, no amplo sentido da palabra, relativos ás primeiras postas en escena no exilio (a de Bos Aires e a de Montevideo), aínda seguen a día de hoxe sen seren recollidos e expostos aos ollos de todos nós. Certo que calquera momento é propicio para reivindicarmos a obra de Castelao, mesmo fuxindo do ritual das datas..., mais, se a memoria non me falla, desde a representación realizada polo CDG o ano 2.000, estreada en Compostela o 28 de febreiro, non volveu a programarse outra de carácter oficial.

Este 2011 que pasamos, e aínda este 2012, debería terse lembrado e celebrado, con xira do espectáculo por todas as comarcas do país, a estrea en Galiza da única obra teatral de Castelao. Tal efeméride tivo lugar o 25 de xullo de 1961, nunha praza da Quintana á que acudiron arredor de 7.000 persoas. Como non podía ser doutro xeito, houbo daquela grandes dificultades e a obra non se puido representar en todas as cidades galegas. Velaí que se cumprían agora os cincuenta anos. Mais -curiosa coincidencia!- tamén se cumpriron os setenta da primeira posta en escena de Os vellos (Bos Aires, 1941), aquela representación que promoveu e seguiu en vivo o propio Castelao até o último detalle. E a segunda, en Montevideo, en 1942... Por se quixermos seguir coas coincidencias, asociadas aos inicios de década, en 1931, cando se funda tamén o Partido Galeguista, Castelao acaba de escribir o Lance III da obra, o protagonizado pola moza Pimpinela; e en 1921, hai noventa anos, realiza a viaxe de estudos por Europa e comeza as reflexións sobre o noso movemento dramático nacional e anota no Diario.1921 os primeiros esbozos teatrais. Cavilacións que non abandonará, logo da grata impresión que lle causaron os coros ucraínos e o Teatro de Arte moscovita. Trátase, na liña das reflexións recollidas na revista Nós, de unir tradición e innovación, procurando a especificidade da arte galega a partir da estilización do popular e sen caer no pintoresquismo.

Como parte dunha vella e íntima arela, a obra percorreu os avatares da peripecia vital do último Castelao até que a deu rematado en Nova York a comezos do inverno de 1939. Pospúxose nos tempos de máxima efervescencia política, previos a 1936; pasou polo desterro de Badaxoz; por Barcelona, entre bombardeo e bombardeo na Guerra do 36; seguiu tomando forma nos vaivéns dun vapor polo Báltico; París, Cuba, e finalmente, Norteamérica. Algo terá de importancia, para o autor e para nós, unha obra que nunca chegou a abandonarse. O empeño de Castelao, seguro que con non poucas dificultades, fixo que, unha vez rematada, se puidese tamén representar en Bos Aires e que na literatura galega dispoñamos dunha peza senlleira para o teatro galego e para a liña de continuidade da literatura galega. As palabras do propio Castelao en 1939 semellan premonitorias sobre a sorte que podía agardar á súa obra: Cicais esta farsa non chegue nunca ao seu destino nin produza máis ben que o que a min me prestou ao recriala; pero fica rematada de vez e disposta para o que Deus quixer.

Desde calquera punto de vista que a ollemos, non é un caso á parte na produción literaria e no pensamento do autor; non é allea ás preocupacións tan galegas e tan humanas que mostran outras obras súas como Cousas, Os dous de sempre ou Sempre en Galiza. É máis, podemos considerar unha mágoa que o escritor e outros escritores non deixasen para o noso acervo teatral máis obras cunha configuración interartística como esta, verdadeira regalía para os sentidos. Non idealizaba Castelao o mundo popular nin no terreo político nin no artístico; pensaba que os propios defectos, para se trocaren en virtudes, debían ser amosados. Na súa obra é notorio o esforzo por facer subir ao escenario a cultura popular galega. Aí están, se non, modalidades do noso folclore, de grande aproveitamento dramático: a representación carnavalesca, o parrafeo amoroso, as rexoubas públicas en fiadas, lavadeiros..., a función catártica do pranto fúnebre, a relación e explicación do Alén a través das aparicións, a integración co mundo natural, o simbolismo dos animais que falan, a filosofía e expresividade que encerra a fraseoloxía popular; as formas do humor, a sátira, o maldicir, a ironía...

Capítulo á parte merece a inevitábel polémica, sempre palpitante e viva, sobre o sentido e a intención da obra. Podo entender incomprensións do público lector que se aproxima á obra por primeira vez -aínda así non é fenómeno xeneralizado- ou que a xulga a partir do título superficialmente. O que me segue parecendo aberrante e inaudito é o lastre con que nos ten cangado parte da crítica literaria galega, á que se lle podía aplicar aquela viñeta do propio Castelao sobre o cego e o xordo. Non hai peores cegos...; non hai peores xordos...!

Aquela "crítica teatral", algunha adubiada con moito aparato erudito, outra "progre" e fachendosa, fixo avaliacións que pretendían condenar a obra ao ostracismo e á excomuñón dentro da órbita do nacionalismo. Na publicación editada polo IGAEM con motivo da representación do ano 2.000, a incontinencia foi de tal magnitude que o propio escenógrafo (A. F. Simón) nos deleitou con afirmacións deste teor: "Castelao legounos un texto "ñoño", conservador, retrógrado e mesmo antifeminista";..."un non sei que interior rebuliu en min para me dar noxo só con ler ou escoitar o título da peza"; "quero pensar que Castelao na súa peza teatral fala da soidade, do sometemento, da paternidade frustrada, do tempo perdido..."; "...senón a que andaban e/ou andan Lot, Borges, Picasso, Saramago, Papandreu, Alberti, Neruda... e milleiros e milleiros de confortables anciáns anónimos casados don respectables mulleres anónimas?".

Non é o momento de detallar o sentido de Os vellos, polo demais dabondo evidente para lectores atentos e que profunden o preciso e manexen as claves da obra de Castelao. Queremos reafirmarnos no exposto en 1991 nas nosas análises da obra literaria de Castelao e aconsellar tamén a máis que lúcida interpretación que fai Pilar García Negro no seu ensaio "O que Os vellos non deben de namorarse amostran", recollido no volume Arredor de Castelao, publicado en 2.001.