A situación do noso idioma: o fondo da cuestión

A situación do noso idioma: o fondo da cuestión

Por máis que é gastado, repetido e esperábel, non me acabo de habituar á hipocrisía e ao cinismo de quen, mantendo unha posición de hostilidade obxectiva contra o idioma do país ou simplemente dedicándose a marear a perdiz, a través do confusionismo verbo da situación lingüística na Galiza, aparentan estar conmovidos, sorprendidos ou preocupados cando a correspondente enquisa, neste caso do IGE, pon en evidencia o acelerado retroceso de usos do galego nos últimos anos, en particular. Especialmente irritantes foron as ladaíñas, que supuraban ao mesmo tempo unha dose descomunal de desvergoña e incuria intelectual, do presidente da Xunta, do Conselleiro de Educación, do Secretario Xeral de Política Lingüística e do Presidente da Real Academia Galega. Parece como se os dados nada tiveran que ver coas políticas que, desde as institucións, se encargan de promover con saña inusitada, até o extremo de privar o noso idioma do osíxeno que unha administración pública autonómica, minimamente identificada co país, debería fornecerlle. Non son precisamente esas políticas, de protección e amparo para os seus usos, como idioma oficial que teoricamente é, senón de acoso e derrubo, de marxinación absoluta, mesmo no sistema educativo, un dos servizos públicos considerado normalmente como lugar privilexiado para dotar de competencia lingüística na lingua propia e para restaurar o seu uso nas novas xeracións. Non imos describir a penosa hexemonía do español como lingua docente real en todos os chanzos educativos, sexa cal for a lingua familiar ou social do alumnado, nin imos denunciar a nula, por proscrita, desautorizada e reprimida, política favorábel a posibilitar a restauración de usos do noso idioma en todas as funcións e en todos os ambientes. Nunha sociedade onde a Administración de Xustiza é a primeira en pasarse polo forro os dereitos lingüísticos dos utentes conscientes do galego, que se lle recoñecen a un estranxeiro en relación co seu idioma, nun proceso xudicial, non cabe confusión sobre o que pasa. Mesmo esa Administración pode, paradoxalmente, violar con contumacia a legalidade en materia de toponimia, nas súas sentenzas xudiciais, deixando claro quen manda e a súa disposición intransixente a españolizar todo, sen que quede oco para a diversidade orixinaria sequera como unha pegada. Non vou falar do que pasa na vida social e, moi en particular, das posibilidades de procurar traballo: como norma, non hai empresa mediana ou grande onde a pretensión, xa de por si épica pola súa escaseza, de achalo sen agachar o galego, sexa verificábel. Quen fixo ou fai uso do noso idioma en todos os ambientes e para todas as funcións é consciente da súa exclusión, do seu desamparo e da potencial conflitividade que debe asumir en moitos contextos. Só non ve esta realidade quen non a vive porque non o usa ou limita o seu uso a situacións coñecidas, controladas e sen interrogantes.

Comezarei por unha aseveración que, non por contundente e brutal, deixa de ser certa. Malia ser certa, como se mostra crúa e política, no sentido máis fondo e complexo da palabra, custa aceitar ou asumir pois, normalmente, a tendencia é a fuxir das realidades conflitivas, alén de a percepción das conexións do individual e do colectivo estar sempre dificultada para o suxeito que as expresa na súa conduta, neste caso lingüística, por motivos moi diversos de carácter psicolóxico e ideolóxico. Desde logo, o poder político antigalego, as forzas que exercen o seu dominio sobre a sociedade galega, téñeno claro: a política lingüística que favorece a restauración de usos e a presenza do galego en todos os ambientes e para todas as funcións está contraindicada co papel que Galiza cumpre dentro de España; é unha conduta que discute a hexemonía do español dentro de Galiza, que aspira a ocupar espazos que reducen a subordinación ao idioma do Estado e o seu dominio. Nunha palabra, é un instrumento para a mudanza da conciencia colectiva que atinxe á realidade global, a dunha estrutura estatal xerarquizada, onde só cabe a subordinación cultural e lingüística, corolario doutro tipo de subordinacións. Velaí o porque da política lingüística levada a cabo en máis de trinta anos de marco autonómico, agás algún curto período de lixeira rectificación. Contra este tímido intento desataron os poderes reais unha artillaría pesada que chegou mesmo á debuxar unha realidade invertida: o galego é unha lingua de imposición. A esta manipulación colaboraron medios de comunicación, axentes económicos e sociais e partidos políticos que serven á dependencia e á subordinación de Galiza. O máis beneficiado eleitoralmente foi quen está agora no goberno da Xunta e de España. Nunca foi tan clara a aplicación dun deseño que non deixa espazo para a normalidade das linguas que non sexan o español. Resulta letal, se, como no caso de Galiza, se executa ademais, non xa sen resistencia, senón con entusiasmo, desde o interior, desde a Administración Autonómica. Á luz deste proceso e desta dialéctica, pódense esperar outros resultados nas enquisas sobre a evolución de usos do galego a nivel xeracional, territorial e funcional? De dárense, sería un milagre que chocaría coa dinámica dos fenómenos sociais e a súa causalidade material. Un imposíbel. Con outra política lingüística, favorábel ao galego, dentro do actual marco político, cultural e económico, o idioma resistiría mellor, dificultaríamos a asimilación, teríamos máis utentes conscientes, produciríase máis transmisión xeracional, a presenza social do galego tería máis amparo. Porén, unha restauración idiomática plena, necesita dun marco legal diferente, alén dunha mudanza da dependencia económica e política, unha quebra da subordinación de Galiza.

A realidade contundente e brutal consiste en que hai unha subordinación de Galiza respecto do Estado, de todos os seus poderes e instrumentos, que soportan materialmente a idea de España. Naturalmente o seu dominio e a nosa subordinación transmítense nunha estrutura organizativa social básica do país, que é o idioma, no seu estado e na súa forma de manifestárense os seus uso individuais. Os usos do noso idioma están determinados e configurados socialmente polo dominio do español. Existe unha estrutura do dominio lingüístico que se pode definir e describir. Nela o galego ocupa un papel subordinado, como dominado, discriminado e marxinado, xa que é símbolo dunha realidade nacional propia, estigmatizada como se quedase ancorada nunha sociedade agraria desvalorizada, atrasada, mesmo non existindo esta xa, con significativa magnitude. Todo isto sábeno moi ben, os poderes políticos e económicos que controlan Galiza, os gobernantes como Feixóo. Para eles é vital, pois están ao servizo dun deseño alleo, que a estrutura do dominio non mude. Por iso empeñáronse, de forma agresiva, en escorrentar calquera tímido intento de impulso do noso idioma na práctica, chegando mesmo á inversión da realidade tamén no terreo teórico, mudando o oprimido en opresor, nos seus discursos políticos. Causa estupor e rabia escoitar estes tipo de personaxes argumentando, á luz dos negativos dados sobre a saúde social do galego, que non hai que facer política coa lingua...

Teremos que insistir máis unha vez en que, nunha estrutura de dominio e opresión lingüística, as opcións individuais do uso dos idiomas en relación de dominante/dominado non poden ser consideradas como libres, no sentido de expresaren sempre unha vontade de actuación consciente e non condicionada por circunstancias sociais. Nestes contextos non se escolle entre modelos con valores do mesmo rango e igual xerarquía nin á marxe do que fai o interlocutor. Ocorre que o idioma propio non está favorecido polas tendencias sociais e colectivas promovidas e impulsadas desde todos os poderes estatais e desde os poderes fácticos que o sustentan. Quedou fóra, á marxe, do acceso á modernidade da denominada sociedade capitalista industrializada, dos dereitos e deberes cidadáns que o Estado define. A sociedade galega, o pobo galego, como dependente, foi organizada en base a un idioma alleo de rango e xerarquía política superior. Atribuír o abandono do idioma propio á liberdade de opción é unha mistificación. Nunca, e agora tampouco, existiu a posibilidade de integración, de acceso á xerarquía e ao rango superiores, á normalidade social e política, se non se fai renuncia explícita práctica á lingua propia do país, en maior ou menor medida. Ela non simbolizou nin simboliza ningún poder en ascenso. Apanda con todos os estigmas do rango inferior, subordinado e dominado. A renuncia responde, pois, a unha corrente de imposición, esta si, histórica e de dominio social. O Estado español basea a súa lexitimidade nunha lingua, cultura, nacionalidade e historia únicas. Polo tanto, sen procesos de exclusión non hai abandonos lingüísticos, e para que haxa exclusión ten que haber discriminación, desigualdade, ocultación.

É unha verdade incuestionábel que un pobo, en canto organización social e cultural diferenciada, que non conte cos dereitos básicos, que só un Estado propio fornece, un deles a oficialidade real do seu idioma, non pode manter o seu idioma indefinidamente. Forzosamente ten que entrar nun proceso de asimilación lingüística que durará máis ou menos, pero que só se poderá inverter se se rompe o dominio e se promoven mudanzas que alteren as condutas lingüísticas establecidas en función da subordinación e da dependencia. Entendemos entón por que o normal, no sentido do que dita a norma do dominio e da subordinación, é que, se alguén fala español, por moi galego que sexa, a tendencia maioritaria é que se lle responda en español, por moi galegofalante que se sexa na casa, cos familiares ou coñecidos? Explicámonos logo por que moitos utentes do galego nos seus ambientes familiares ou coñecidos prescinden do idioma cando fan algo serio e formal, non coloquial, ou cando entran en contacto con ambientes e interlocutores vinculados ao mundo de rango e xerarquía superiores? Decatámonos de que xa é moi normal o hibridismo lingüístico en cartaces e folletos de festas populares, como se o noso idioma, de usalo por escrito, non debéramos facelo en exclusiva? Sempre a dependencia e a subordinación está detrás.

Todos os analistas recoñecen que a diferenza cultural é universal. A maioría admiten que a globalización implica a destrución ou redución da diferenza cultural por aniquilación de moitas linguas e culturas. Moitos consideran o nacionalismo unha reacción á globalización ou ao imperialismo global. Dentro desta reacción política ubican o programa reivindicativo de linguas e culturas propias de pobos sen Estado. Para subsistiren necesitan o instrumento que o Estado político representa, dárenlle elas a lexitimidade, como forma de organización social e nacional, seren fundamento de cidadanía e de dereitos. Reducir a cuestión da lingua á ideoloxía nacionalista é esquematismo, mais prescindir do nacionalismo para explicar, fundamentar ou esclarecer a vitalidade pasada e presente e a perspectiva futura do idioma é unha impostura, unha liquidación contra natura. É máis, o espazo social e cultural da lingua galega está en conexión directa con dous principios básicos do nacionalismo, a autoorganización e a autodeterminación, vistos xa desde unha perspectiva individual, xa desde unha colectiva. A definición consciente de espazos de usos, a forma de organización lingüística social, a vontade de emprego do idioma contra o dominio e a subordinación condúcenos a eses principios.

Mais, vaiamos ao problema da diferenza cultural e lingüística ou, noutros termos, da similitude cultural e lingüística. No caso galego está inzado de graves interferencias que pretenden minorar o conflito existente e mesmo agochar o dominio e a subordinación. Cal é a nosa similitude cultural e lingüística? Houbo unha etapa histórica en que estaba moi claro que había unha similitude lingüística e cultural con base na sociedade agraria. O grave é que a similitude cultural e lingüística para construír Estado, dereitos, modernidade, industrialización, foi estranxeira, estraña. Só asimilándose a ela podíase entrar na cidadanía, nos dereitos que a nova organización social e cultural ofrecía. Este factor de estranxeirízación, de similitude cultural con algo alleo, é unha das vías para a colonización. Unha nova noción de rango e xerarquía era incompatíbel coa similitude cultural e lingüística da propia sociedade, agraria basicamente. Estableceuse así a dicotomía xerarquizada e desigual, a que provocaba o dominio, entre galego e castelán, Galiza/ España, como a antítese atrasado e bárbaro/ moderno e civilizado. Dicotomía que se estableceu tamén internamente no seo da propia sociedade como forma de afastarse e estrañarse das maiorías sociais que se mantiñan na discriminación e na subordinación, coa súa similitude cultural e lingüística como estigmas. Deste xeito debeu comportarse a minoría de axentes locais do Estado ou do Imperio, vinculados aos seus aparatos, á súa estrutura de poder, á lexitimidade política, asimilados para poderen desempeñar estas funcións. Foi precisamente a falta de relevancia social significativa desta discriminación interior como factor ideolóxico e político para decatarse da colonización exterior, estraña, o que impediu que se abrise paso unha conciencia nacionalista. O mundo agrario, labregos e, en parte, sectores da fidalguía mantivéronse como unha poboación autóctona incapaz de pór en valor a súa similitude cultural e lingüística maioritaria. A tendencia foi a ver a minoría asimilada como expresión puramente clasista dunha opresión interna, por máis que representase a un Estado opresor e asimilista. Esta dualidade hoxe sigue viva, con matices moi curiosos, na nosa sociedade, pois non existe xa sociedade agraria no sentido estrito do termo, fronte á denominada sociedade industrial, moderna, do Estado. Porén quedou como un valor simbólico, imaxinario, galego, rural, atrasado/ castelán, urbano, moderno… Galiza/ España. Habería que falar de cómo se insire nesta dicotomía, o relevante hexemonismo global da lingua inglesa e da cultura anglosaxona. En todo caso, antes a mobilidade social expresaba ou exteriorizaba tamén unha mudanza da similitude cultural propia para pasarse a allea; agora esta mudanza da similitude cultural non leva ou comporta mobilidade social xa, polo tanto é máis compensatoria que real. Indica a fonda desvalorización da realidade propia, así como o papel ideolóxico da identificación coa estrutura de poder que o Estado español, por asimilación e intermediación, símbolo do global, significa. Efectivamente podemos falar dun forte anonimato, da falta de relevancia social que ten a mudanza lingüística en curso en relación coa mobilidade social. Desde logo, non ten nada a ver coa mobilidade social que se produce, segundo os sociólogos nas sociedades industriais, que tampouco Galiza é en puridade. Parece claro que, no imaxinario colectivo maioritario, a cidadanía política, a pertenza plena ao Estado e a súa lexitimidade, só pode vir dada por unha lingua e cultura determinada a hexemónica, superior, dominante, a española.

,
Por que se rachan as vestiduras perante o retroceso do idioma propio do punto de vista xeracional e espacial? Teñen vontade de elevar a lingua propia a un rango e xerarquía superiores, aqueles que só se obteñen se esa lingua é oficial do Estado e cumpre todas as funcións na súa sociedade, sendo fonte de dereitos e compromiso de deberes? Están dispostos a apoiar a súa entrada entre aquelas que sosteñen culturas superiores e con aspiracións políticas, a modificar o statu quo actual? Sen esta modificación cualitativa, non hai futuro para a lingua propia.

O proceso histórico cumpriu un importante papel na configuración do dominio. As formas de participación na xerarquía superior desde dentro teñen moita importancia. Na Galiza levamos entregando axentes locais a outra similitude cultural e lingüística, que non é a nosa propia, desde o século XIV, con maior intensidade e intencionalidade desde o XV, e como parte dun deseño cultural e ideolóxico estatal desde o XIX. Xa dixemos que a longura do proceso e a súa progresiva maior intensidade axudou a establecer unha división interna, afastando os axentes locais do Estado do sentimento de pertenza ao endogrupo, a través do uso da lingua allea. Son máis de cinco séculos de dominio e subordinación, que foron ensanchando os axentes da españolización, dialectalizando o idioma, connotándoo de algo coloquial e inculto, sen pasado histórico relevante nin, polo tanto, futuro por si mesmo como arma de cultura, progreso, modernidade e lexitimidade política. Os axentes locais viviron ou simularon vivir como se eles non tiveren nada a ver co mundo galego propio, o da lingua e cultura do país, estrañamento que axudou á onda expansiva e asimilistas da lingua allea contra a propia. Acabou considerándose unha vía para o ascenso e a mobilidade social, no canto de ser unha consecuencia da exclusión do propio idioma e cultura para acceder á cidadanía e aos dereitos. Non é de estrañar que bulise máis en medio século de capitalismo a asimilación do idioma que en cinco de sociedade agraria, do Antigo Réxime, onde a xerarquía e as regras de subordinación aparecían con menos afección social. Eran, pois, menos expansivas e intensivas, deixando a salvo na práctica todo o mundo da oralidade coloquial, agás en casos moi contados, a oligarquía de orixe foránea e algúns cargos políticos do Estado. As formas de lexitimidade eran relativamente pouco incisivas para o corpo social maioritario, que non estaba a elas sometido na vida cotiá.

A prostración, a exclusión e a ocultación do galego non son cousas do pasado. Unha lingua excluída de poder estatal sempre exemplifica o tipo de opresión do pobo co que se identifica como propia. E tamén expresa a conciencia colectiva dese pobo. Así cando aparece a reivindicación de dereitos para a lingua propia é porque existe unha parte do corpo social que defende aspiracións políticas de democratización. É unha afirmación de que o pobo en cuestión existe e ten dereitos que está disposto a defender. Sen esta conciencia é imposíbel que a lingua propia camiñe pola vía da súa redención, uso social, valor cultural, fonte de dereitos e de deberes, como parte inalienábel do pobo que a fala. Se non hai pobo, non hai fala. Se non hai nación, non haberá Estado. Se non hai Estado non haberá cidadanía nin dereitos. Moverémonos no terreo da obxección de conciencia, da permisividade ou da capacidade de persuasión. Pediremos permiso para existir, conforme normas, regras, xerarquías que non tolerarán a ruptura do dominio, da subordinación. A racionalidade da globalización, da xerarquía superior exercida por linguas e culturas estatais hexemónicas, impedirá sempre, se non se discute o dominio, que as propias podan aboiar e avanzar para cubrir todas as funcións. Cumpre a ruptura do dominio para impedir a exclusión. Só así aparecerán os usos que estaban reservados á lingua dominante, imposta secularmente. Esta é a racionalidade do nacionalismo, a de posibilitar un campo de cobertura para a lingua propia, uns dereitos, individuais e colectivos, que só se poden garantir se hai tamén deberes políticos para o Estado. A lingua e a cultura propia teñen que servir de base para a lexitimidade social e política, como un dereito inalienábel colectivo e individual, que nos organiza e identifica. Non é unha imposición, é a creación de condicións que permitan o exercicio libre do dereito a usar o propio idioma, un valor fundamental para toda sociedade consciente dos seus dereitos.

Tense afirmado que hai dúas vías de fuxida para non enfrontar o problema a nivel individual. Unha delas é o desarraigo, tan frecuente na nosa sociedade, precisamente tamén nos sectores populares. Abandónase todo vestixio que lembre o grupo colectivo, a similitude cultural e lingüística propias, o endogrupo. Xa dixemos que hoxe este desarraigo faise xa á marxe da mobilidade social. Hai seguramente máis pobres na Galiza españolfalantes que galegofalantes. Seguramente danse moitos casos de auténtica falta de identificación con Galiza que se guían por unha asimilación mimética a formas de integración compensatoria, falsificada, nunha identidade española-andaluza. Esta vía do desarraigo pon tamén a mirada no mundo anglosaxón, o inglés e a denominada cultura de masas que se promove no capitalismo global. O rango e a xerarquía inferiores atribuídas ao mundo social, cultural e lingüístico galegos, é a causa deste desarraigo promovido, non só e aparentemente procurado libremente por moitos individuos na Galiza. A outra vía é o cosmopolitismo, hoxe adobiado cun presunto plurilingüismo, que se emprega para afogar, aínda máis a presenza do galego no sistema educativo e mesmo para a súa desvalorización torpe como algo inservíbel que non debera ocupar ningún espazo nin atención. A salvación está fóra, polo que é prescindíbel un idioma que non vale máis que para a casa, a familia, no mellor dos casos, e que dista moito de posuír un recoñecemento mesmo como idioma de cultura, non digamos xa político. No mellor dos casos, o cosmopolitismo sirve para crear individuos para unha emigración masiva que nunca accederán colectivamente nun nivel de xerarquía superior nin aos dereitos da lexitimidade estatal dun grupo de similitude cultural e lingüística dominante. Estarán sempre nas marxes, sen integración plena, no desarraigo, en maior ou menor medida. Arduo e moi necesario labor e proceso o que se necesita para decatármonos de que o idioma propio non é a causa da nosa marxinalidade. O seu valor xerárquico inferior é, máis ben, todo un síntoma da prostración, da subordinación do grupo propio, da nosa falta de dereitos como pobo.

É, pois, pedir peras ao olmo que, nunha situación de tal subordinación e dominio, e con tal falta de dereitos, após séculos de exclusión, e máis de trinta anos sen facer o que se debera, o idioma propio poida ter outra situación. Sen ser compracentes para nada coa propia responsabilidade da sociedade galega, resulta extremadamente cínico argumentar que o problema está na súa falta de compromiso. A sociedade non é un ente abstracto. Hai un sector importante identificado e comprometido co idioma. É o que recibe todos os ataques dun deseño estatal empeñado en que os usos do galego non avancen, neste caso, usando tamén a administración autonómica. Máis inri ten que haxa quen pretenda facelo responsábel da desafección contra o galego. É como cargar contra quen o usa para xustificar aos que castigan, dificultan ou impiden o seu uso. As maneiras lacerantes de escapulirse chegan mesmo ao presidente da RAG. Para desentenderse das causas da mala saúde social do idioma, do retroceso do seu uso, parapétase no papel filolóxico e gramatical que cumpre a institución. Evidencia así a pouca identificación real co obxecto de estudo como algo vivo, do que formamos parte. E non para aí, pois hai que pagar a peaxe do servilismo e da confusión. Opta por colocar no mesmo plano negativo a política da Xunta e unha suposta intolerancia dos defensores nacionalistas do idioma, aos que lles faltaría capacidade de persuasión. E non podía faltar a guinda de quen pretende estar por enriba do ben e do mal, e goza nunha lameira que o emporca. No ton de vulgar demagogo a que nos ten habituados, recorre ao caso do taxista que o transporta ao tren. Este xustificoulle a súa negativa a falar galego así: “Non teño espello onde mirarame, os políticos que saen falando en galego pola televisión e a radio, xa sei que lingua falan cos amigos e na familia”…..Home, xustamente como fixo e seguramente aínda fai en moitas ocasións o Sr. Presidente da RAG. Até tal extremo é demagogo que non se decata de que se está a pór en evidencia con esas anécdotas, pretensamente aclaratorias. A inautenticidade, a impostura ritual, xustamente o que forma parte do confusionismo, mesmo da xustificación dos supostos avances do galego, é utilizada para xustificar a exclusión, o desarraigo, a ocultación e a desafección. Todo vale, nunha atmosfera tan enrarecida e inzada de animadversión real, práctica, contra o idioma propio. Porén non se están a referir, de forma ladina, só ao idioma. No seu trato visualízase á perfección todo o deseño de exclusión, xerarquía, desigualdade, para negar que exista outro calquera pobo ou nación que non sexa a española.

Nas actuais circunstancias, cabería esperar que a mínima lexitimidade dun presidente da Academia o obrigase a esixir da Xunta unha mudanza radical en materia de política lingüística. E de ser consecuente co cargo que ostenta, sabería que hoxe é un calvario pretender facer unha vida pública normal, plena, en lingua galega dentro do propio país. Denunciaría que non se pode seguir considerando os seus utentes como obxectores de conciencia nas administracións públicas, sen o menor amparo. Lembraría o frecuente que é vivir situacións de conflito polo mero feito de expresarse na lingua do país en todas as partes, situación que naturalmente descoñecen os que xa optan por eliminar o seu uso para non pasar por elas. Normalmente, a exclusión do galego é pavorosa, como norma. E como non se encargue o sufrido cliente, usuario ou administrado de provocar a súa presenza, non aparecerá e mesmo así ten moitas probabilidades de non ser atendido polo dependente ou funcionario, correspondido nela, nin sequera considerado con simpatía. Porén, como vai ser doutra maneira, cando nin nas Administracións Públicas nin nas Escolas de Hostalaría, nin nas licencias para abrir negocios de calquera tipo, nin nas concesións de servizos públicos a empresas privadas, nin nas normas de obrigado cumprimento, figura para nada o deber de atender aos usuarios da lingua galega, oralmente e por escrito, nela?

Vaiamos entón ao noso comportamento cotiá. Podemos falar de persuadir cando un ten poder e capacidade para establecer marcos de obrigado cumprimento. Entón funciona a persuasión. Pero cando non se ten, a persuasión é algo etéreo, que acaba por dar, moitas veces, os resultados inversos aos que se perseguen. Seguro que moitos galegos e galegas deixaron de falar en moitas circunstancias galego, persuadidos de que non valía a pena, porque, cando menos, era unha incomodidade. É incómodo falar un idioma que obriga a manter unha actitude de resistencia activa para usalo dentro do país en calquera circunstancia. Esta persuasión relaxa tamén o seu uso familiar: para que pasalo aos fillos?! E acaba por xustificar que se vaia eliminando o seu uso até extremos tan rituais que o fan ridículo, chistoso ou simplemente anecdótico, fóra da circulación da vida real. Entón xa non hai desacougo en aparencia. Por fin vivimos sen problema. Pero a nosa situación como individuos e como pobo, non só non ten mudado, ten empeorado. O criterio de que un fala galego con quen llo fala conduce a unha progresiva eliminación do galego da vida social e pública. En efecto, todos os que potencialmente poderían falalo, esperan a que outro o faga. Como normalmente isto non se produce, desaparecido queda. Pero a xustificación é a educación e a comodidade. Isto é, non verse fóra das regras e da xerarquía da similitude cultural superior, a do Estado. Aínda se dá que, se hai alguén que mantén o galego, os outros manteñen tamén, polo que todo depende da presenza ou non de falantes concienciados ou polo menos non proclives en principio á ocultación. Pero, a día de hoxe, pode haber o detonante e non producirse xa a voadura da subordinación, do dominio, porque os interlocutores asumen pasivamente ou activamente que eles están instalados nunha identidade colectiva distinta, a da españolidade, a racionalidade da xerarquía superior da similitude que ten lexitimidade política, como nación española, sen complexos. Así pois cada vez vai ser máis difícil crear conciencia sobre o idioma, e usos reais, se non se fundamenta tamén na creación de conciencia nacional colectiva, nun proxecto de mudanza que deseñe unha restauración da similitude cultural e lingüística propia, como parte da lexitimidade que aspira a contar con Estado propio e coa existencia do pobo galego como fonte de dereitos. Por iso creo honestamente que, sen avance do nacionalismo, non haberá proceso de restauración de usos. É unha condición necesaria, malia poida non ser suficiente. Até tal extremo o problema do idioma é un problema fondo, dunha mudanza tamén do modelo económico, social e cultural, do papel de Galiza.

Porén, non hai que esperar de brazos cruzados a que se produza. Hai que incentivalo e usar todos os mecanismos culturais, sociais, económicos, de proxección sobre o futuro, para que así sexa. Un idioma non é só unha cuestión política, malia selo en grande maneira. É tamén unha ferramenta de actuación cultural e artística, de intervención e identificación nacional e social, de vehículo para o desenvolvemento económico. É a cobertura social máis relevante que nos define, e a base para o noso desenvolvemento en todos os campos. En todos eles o seu uso resulta determinante. Desde a autonomía de cada campo, e acreditando na súa función como ferramenta de comunicación social, a contribución á causa da súa restauración pode ser enorme. Os logros neste aspecto non son indiferentes. Dito isto, todas estas contribucións acabarán dando os resultados e desencadeando outros, se o proxecto de emancipación nacional, de conciencia de pobo con dereitos, que se autoorganiza e autodetermina, van adiante. Nunha palabra, se Galiza é algo máis que unha palabra que só evoca a familia, a comida e un espazo xeográfico de España. Galiza ten que ser pobo, con vontade de nación, consciente da súa similitude cultural e lingüística, e con afán e disposición de contar con dereitos como tal, e cunha lexitimidade política que avale e ampare a súa diferenza. Ben que me gustaría que a lingua galega non estiver condicionada na súa existencia pola viabilidade dun proxecto político, pero o está en grande maneira, nas circunstancias actuais da globalización. Falareina sempre e desenvolverei toda a miña actividade mental, sentimental, artística nela, toda a miña comunicación, e aspirarei a que se me corresponda. Este instrumento de traballo e comunicación insubstituíbel, o que nós, como pobo e como individuos, temos e creamos, debemos mantelo e desenvolvelo no tempo. Esta práctica necesita cobertura, dereitos, aspiracións de futuro, amparo, lexitimidade. Esta é a cuestión. Tratar o problema como unha cuestión illada, puramente lingüística, ou como algo cuxa resolución é compatíbel co actual marco político, é un contrasentido. Obviar o conflito que subxace na súa situación de lingua oprimida e prescindíbel é un narcótico. Enténdese ben por que o PP fixo causa do acoso e derrubo de calquera política que lle for favorábel, en mínimos. Eles, como todos os saben que o mantemento da lexitimidade excluinte do Estado e da nación española pasa pola negación do pobo galego e da súa forma de comunicación propia, da súa similitude cultural e lingüística, o idioma galego, un símbolo e un síntoma de que debemos e podemos existir como tal pobo con dereitos. A súa asunción é, como diría Castelao, unha proba de dignidade, a de quen se considera capaz de responsabilizarse de si mesmo, de gobernarse, e de aspiración á cidadanía propia, a dos individuos que se recoñecen no seu pobo.