A revista Nós e a nación-cultura galega do PP
Segundo parece, á vista do sucedido este pasado 30 de outubro (noventa aniversario da publicación en Ourense da revista Nós), anda a dereita ourensá preocupada por reivindicar o labor dos intelectuais da Xeración Nós e por conmemorar a efeméride da saída pública da revista do mesmo nome. Á vista do sucedido e das declaracións feitas este pasado sábado, estase preparando unha grande celebración, que coincidirá co centenario da revista en 2020 e coa posibilidade de que Ourense sexa declarada Cidade Europea da Cultura. Benvidos sexan todos os esforzos en favor da nosa cultura!
Mais, o feito de J.L. Baltar, presidente da Deputación, declarar o 30 de outubro como "Día de Nós" e "Día da nación-cultura galega" non deixa de ser un caso máis de "apropiación indebida". Un hipócrita intento de extorsión das ideas, dos valores e da práctica dunha Xeración e da revista homónima, que non deixará de consumarse se o nacionalismo permanece inactivo e na indefinición. Trátase, nin máis nin menos, de apropiarse da memoria e do legado dos fundadores do nacionalismo galego e dos seus primeiros teorizadores, de proclamarse continuadores deles, desde o poder que detentan. Non haberá a este paso nin lugar para reclamármonos herdeiros e seguidores dos fundadores das Irmandades da Fala. Porque, tras a fundación do nacionalismo tomando como bandeira a reivindicación do idioma, unha das primeiras materializacións deste foi a revista Nós. Malia todas as evidencias, é demasiada tentación para o populismo ourensanista, polo que ten de localismo, posibilidade de adulteración culturalista, de afondamento en imaxes distorsionadas e instrumentalizadas politicamente. De momento, todo comeza adubiado con fermosas proclamas oportunistas, do tipo "orgullosos de ser Nós". Cómpre sabermos ben ou podermos supor xa de que cultura e de que galeguidade se fala. Imos ver, pois, aínda que sexa superficialmente, a intencionalidade e o significado do proxecto Nós.
En primeiro lugar, chama a atención -noventa anos despois da súa aparición- a singularidade e a calidade dunha publicación como a revista Nós. Obedece ao grande esforzo feito por un grupo de intelectuais por crearen e actualizaren a cultura galega, desde unha óptica nidiamente nacionalista e, por suposto, sen contaren con apoio de ningún tipo por parte dos poderes oficiais e afrontando moitos problemas, a comezar polos económicos. Talmente como segue a suceder na actualidade con todo o que ten a ver co galego e coa difusión das principais figuras da literatura galega. Trátase dunha revista escrita integramente en galego nos seus cento corenta e cinco números, dun referente claro no nacionalismo galego, aínda que sexa nunha fase culturalista.
Xunto co Seminario de Estudos Galegos (e en sintonía), que se fundará en 1923, representa a vontade por recuperar o noso, a nosa historia (Otero Pedrayo, Cuevillas), a nosa arte (Castelao) e os valores que distinguen o noso pobo e que estaban sendo borrados e esmagados pola imposición dunha cultura allea, a española. Exprésao moi graficamente o propio Vicente Risco, cando no artigo "Nós, os inadaptados" (1933) describe a aleccionadora evolución do Grupo e a súa realización humana na entrega á causa galega:
"viñemos dar na sorprendente descoberta de que Galiza, a nosa Terra, oculta ao noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, coma os que andabamos a procurar por aí adiante".
Sintomática evolución desde o elitismo aristocrático, o individualismo dandi e extravagante, a introversión esteticista, a evasión da realidade... Mais esta desalienación, sumamente curiosa por ser desde o refinamento e o culturalismo autodidacta, pouco ten a ver coa práctica diaria de forzas españolistas como o PP. Coas salvidades que marcan os tempos e a procedencia de cadaquén, somos nós os que máis podemos recoñecernos nas "descobertas" dos homes de Nós. E tamén somos nós os que temos que recoñecer a relevancia da revista Nós, por ser dos primeiros proxectos colectivos e dos máis senlleiros do nacionalismo galego de todos os tempos. Órgano de expresión aglutinante dun grupo de voces autorizadas e engado motivador para outros máis novos (Carvalho Calero, Bouza Brei, Blanco Amor...). Símbolo dunha etapa. Mágoa que, ao igual que outros empeños patrióticos, se truncase e fanase definitivamente en 1936.
Nós, "Boletín mensual da cultura galega", representa a vontade inequívoca de ser dunha terra e dun tempo. A vontade de creación e posta ao día da nosa cultura como realización particular mais con proxección universal. Desde o primeiro momento, exprésase a convicción de que a rexeneración, a vida, chegou a Galiza con esta xeración que confía na súa patria e no seu futuro. Así nolo transmiten as "Primeiras verbas" de Risco, que encabezan e serven de presentación ao primeiro número, iso si cun certo pouso esencialista, de tradición perdurábel que non traiciona os valores propios, afastado do ruralismo ou do tipismo: "a ansia que hoxe sente Galiza de vivir de novo, de voltar ó seu ser verdadeiro e inmorrente", "a nosa orixinalidade específica, a nosa capacidade de creación, o noso autóctono dinamismo mental".
Outra das características salientábel desde o primeiro número é a vontade de ser un órgano de expresión da pluralidade ideolóxica existente no eido cultural da Galiza de comezos do século XX. Un "rico polimorfismo", un esforzo de integración de elementos moi variados, de tendencias diversas, que se pon de manifesto nesta mesma declaración fundacional, na que se admite que os colaboradores poden ser de diferentes orientacións ideolóxicas. Porén, han de poñer "por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos". Baixo esta filosofía integradora vanse sumando personalidades moi variadas, como é o caso de A. Noguerol, Xulio Gallego ou Primitivo L. Sanjurjo, antigos participantes de La Centuria, neosófica e españolista; Xavier Prado, en calidade de redactor-xefe, como representante de "tempos pasados"; e mesmo algunhas pouco frutíferas e chocantes adhesións como a de Wenceslao Fernández Flórez, tal e como sinala Carvalho Calero. Entre a nómina de colaboradores, axiña ampliada, figura tan só unha muller, Francisca Herrera Garrido (1922).
Os piares da publicación están, con todo, nos membros do Grupo Nós ou no chamado cenáculo ourensán, nomeadamente Vicente Risco, que foi o Director literario, mais tamén en Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, figura aínda non ben valorada dentro da súa especialidade. Todos eles, mais o propio Castelao, teñen o mérito de ser tamén os fundadores da moderna prosa galega, que logra un grao de madurez e consolidación moi relevantes. De xustiza tamén é recoñecer un labor menos público, mais de grande eficacia, como é o que realizou o editor Ánxel Casal, sobre todo desde o momento que pasou a editarse na Coruña e en Compostela.
Fronte á idea sostida por Beramendi de que o nome da revista sería da autoría de Lousada Diéguez, Carvalho Calero, -testemuña de primeira orde- afirma que o nome foi tomado dos álbumes de debuxos de Castelao, quen tamén fixera unha cabeceira similar para o suplemento do xornal coruñés Noroeste. O certo é que a pegada de Castelao percorre todos os números, desde a humilde cabeceira do primeiro número, coa predela que acompaña o editorial de Risco (inspirada en motivos do Pórtico da Gloria), as letras capitulares, as enxeñosas filigranas, os anuncios publicitarios (como os das augas de Mondariz), ilustracións variadas e outros moitos motivos gráficos de singular manufactura. Até chegar á magnífica portada barroca do nº 10, presidida polo santo grial e con seis figuras populares, tres mulleres e tres homes. A partir do nº 17 figurará xa como Director artístico.
Desde a óptica da actualidade, Nós é tamén un testemuño de grande valor para determinarmos as principais referencias da ideoloxía nacionalista do momento. É certo que ten un carácter marcadamente culturalista, científico e artístico, se se quer, complementario ao máis político de A Nosa Terra, vinculada ao sector coruñés do nacionalismo. Hai que contextualizalo, desde logo, nas dificultades do momento, en boa medida, e nas limitacións do propio movemento galeguista. Mais non se pode negar, lendo as súas páxinas, que existía unha preocupación pola aproximación entre os mundos galego e portugués, preocupación tamén máis propia dun nacionalista que de membros doutras organizacións. A información que se ofrece do mundo literario e cultural portugués, as colaboracións poéticas, a presenza de colaboradores fixos, como Teixeira de Pascoaes, as análises feitas en múltiplos artigos, por exemplo en "Portugal e Galizia" de Risco, así o evidencian. Igualmente, nas referencias de identificación, procúrase a vinculación cos fisterras atlánticos (celtismo, neoatlantismo), especialmente Irlanda, á que alude Cabanillas como a "Irmanciña adourada que pasachel-o mar!". Son moitas as referencias a figuras irlandesas, tanto literarias como políticas; Risco escrebe tamén o artigo "Irlanda e Galiza".
Son, en definitiva, moitos os camiños da cultura que explorou a revista Nós, os ámbitos científicos e humanísticos que se reflectiron nas súas páxinas. Sirvan os exemplos precedentes unicamente como unha pequena mostra.