A relación entre baixada na asistencia de visitantes aos museos e a carencia dunha política cultural

A relación entre baixada na asistencia de visitantes aos museos e a carencia dunha política cultural

O dia que enviei a colaboración do mes de abril para Terra e Tempo lin nos xornais que o Consello da Cultura Galega viña de publicar un informe sobre os museos. Vou á web desta institución para ver o Informe coa intención de atopar nel unha análise ou radiografía da situación actual dos museos no noso país. Pero o que atopo é simplemente a presentación duns datos tirados dunha enquisa que, cada certo tempo, fai o Ministerio de Cultura, neste caso os datos corresponde ao inquérito de 2008. Para iso non é preciso un Observatorio da Cultura Galega.

Da lectura dos datos presentados tíranse algunhas conclusións rápidas: que máis da metade dos museos son de titularidade pública, que case todos dispoñen de ordenador, que algo máis da metade posúen ordenador con acceso a internet, etc. Os datos, máis ou menos, van coincidindo coa media do estado español. Outro dato, e que salientaron os xornais, é o do descenso de visitantes, algo que se presenta como preocupante, e contrasta coa media estatal que si mostra un certo ascenso. No ano 2008 os museos galegos tiveron menos de dous millóns de visitantes, pero desta cifra non sabemos cantos eran de aquí e cantos viñeron de fóra. Mais un agardaba que o Informe analizase, entre outras, as causas deste descenso ou cando menos salientase algúns dos elementos que podían incidir nesa cifra negativa e así ter unhas guías para intentar corrixila.

Quero quedarme con este último dato para achegarme á situación dos museos galegos. En primeiro lugar quero dicir que os museos teñen que servir para o avance da educación do público por medio dunha representación comprensiva das artes, ciencias, industrias e patrimonio cultural de Galiza ou relevantes para a cultura que se fai en Galiza. O museo, dixera o ministro de cultura do Brasil Gilberto Gil, é un baúl aberto da memoria afectiva da sociedade, da subxectividade do país. Por iso o museo ten que ter cheiro de vida, e como nas nosas vidas precisamos de alimentarnos todos os días, os museos tamén precisan ser alimentados para facerse e refacerse constantemente. Para iso precísase unha política clara e que opte pola súa revitalización, mais a revitalización dos nosos museos non semella ser unha prioridade para a política cultural da Xunta, mesmo nin parece que estea na súa axenda e o Conselleiro de Cultura nin sequera coñece os museos referenciais galegos, e o que é máis grave, despois dun ano non dou sinais de que lle interese coñecelos. Serán museos ensimesmados!.

Hoxe un museo ten que seguir sendo un centro que debe cumprir diversas funcións, entre elas a de garda dunha parte do noso patrimonio cultural, pero tamén de mostrar ese patrimonio e, a ser posible, facelo dun xeito atractivo. E dentro desa serie de funcións que deben cumprir hai que buscar o equilibrio entre todas, non darlle prioridade a unha sobre as outras, non dándolle máis importancia a aquela que xera rendas inmediatas en visitantes e ante a opinión pública, infravalorando así outras funcións como o proceso de documentación e investigación dos seus fondos, que si terán que dar rendas a longo prazo.

Este é un proceso que leva o seu tempo e que non se traduce nunha repercusión inmediata no público, por iso se deixa de lado e se busca o titular fácil. Mais este proceso axudará a dar ao museo a propia personalidade, a buscar a súa identidade peculiar que o sitúe e o singularice no mapa museístico. Un museo ten que consolidar o seu propio proxecto, sen el non hai proxecto de futuro nin identidade propia. E o futuro constrúese desde o presente e os museos teñen que facelo partindo das súas propias coleccións e mostrándoas ao público para que este atope nese legado cultural de sempre respostas ás inquietudes e problemas de hoxe.

E é aquí onde, penso, os museos non cumpren a súa función e vaise estendendo a crenza de que a investigación nos museos sobra, que é unha sobremesa superflua da que se pode prescindir e, de feito, a Consellería de Cultura cortou esa billa. Pero a investigación ten que servir para facer chegar á sociedade os novos avances no coñecemento do noso patrimonio e a sociedade agradecerao acudindo aos museos. Investigar non é pecharse nunha torre de marfil, é afondar no coñecemento para servir á sociedade a que te debes. Investigar nos museos non é un luxo, é unha obriga. Mais investigar leva tempo e precisa medios, e as políticas non van por aí e os museos non investigan. Ademais a relación entre o museo e o mundo da investigación académica cortouse e así, por poñer un exemplo, hai museos saturados de material arqueolóxico, procedente das chamadas escavacións de urxencia, que leva anos gardado en caixas porque non teñen medios para investigalo e cando a investigación tería que ser o final dun proceso. Agora ese final é a caixa pechada no almacén.

É máis fácil entrar nunha rede de exposicións que veñen feitas e que xa están metidas no mercado consumista, que traballar sobre os propios fondos e temas de actualidade e presentar eses resultados dun xeito atractivo que poidan servir para aumentar o coñecemento.

Pero a política museística semella estar condicionada polo papel mediático dalgúns centros. Na sociedade na que vivimos todo se vende e se compra, pero vender cultura non é o mesmo que vender unha lavadora. Son museos que funcionan como centros de lecer e distracción ou como marcas urbanas pola súa arquitectura, pola súa envoltura externa, que serven para chamar a atención, para atraer visitantes ávidos de consumir o que se anuncia na prensa internacional. Son debedores do que se denomina efecto McGuggenheim ou BascoDisney. O museo ten agora un significado relevante na crecente economía terciaria e nas actividades económicas ao lecer e á venda de imaxes e produtos culturais. E isto leva a que a súa actividade se centre na función difusora e producir exposicións que poidan encaixar nese mercado global e con imaxes consumibles nese mercado mediático.

Ante este panorama o protagonismo cae sobre o chamado patrimonio histórico e artístico, máis susceptibles para a mercantilización, mentres o denominado "patrimonio menor", é dicir, aquel ligado ás culturas populares e aos espazos vinculados ás culturas do traballo, é esquecido. Aquel é enaltecido, este segue sendo marxinado e as xentes que se senten representados nese patrimonio non acoden aos museos porque non se senten representados neles.