A redor de Compostela e a revirivoltas co Calixtino

A redor de Compostela e a revirivoltas co Calixtino

“Ars longa, vita brevis”, di o latinallo, para lembrarnos que a arte nunca morre, que os que morren son os artistas, como todo bicho vivinte. No último acontecer, afundidos na crise, entre a fanfarra futbolística e sanfermineira, de rúas, estadios e praza de touros, reaparece nun garaxe o Códice Calixtino. Manolo, o electricista da catedral muda a historia a un ano da desaparición do codex. E pese a que se descoñece o que se conta, popularizase unha das xoias do patrimonio cultural de Galiza. Compañeiro nas sombras da caixa forte do arquivo catedralicio doutros tumbos, entre eles o da “Historia Compostelán”. Obras coa súa estética e ética detrás, feitas pra enxalzar ó Apóstolo, facer del adalid imperial e á cidade na que, alá polo 813, din que se atoparon as súas reliquias. E arredor do sartego conformouse a cidade como centro de visitantes e fíxose romaría, feira e festa.

Os últimos feitos, os promovidos por Manolo, o electricista, como si dun “tac” sociocultural se tratará, serviron para radiografar o estado da cuestión deste confín da pel de touro. Unha vez máis a realidade superou á fabulación, que non é pouca no país dos tópicos, das meigas, dos trasgos, dos esperpentos e dos “tonechos”. Manifestacións dunha cultura descoñecida, e o que non se ve, non se ensina, non existe e resulta "misterioso" e "máxico" si se ensina cando lle peta a algún mandarín. Para desgraza do morbo, que tanto vende mediaticamente, a derradeira aventura do Calixtino, nin foi cousa da trama islamista, nin da nacionalista, nin da rede internacional de traficantes de obras de arte... máis ben voltou a ser cousa da picaresca celtibérica remultiplicada. Cousa de acólitos e de sancristáns iniciados na sancristía, entre grolos de viño de misa e obleas e que logo alargan a man ás boetas dos santiños para deixalos a escuras... e mesmo pasan ás arcas e ós arquivos da mesmísima curia compostelá e romana. Algo que pasa nas mellores e peores casas, onde hai servidos e servidores, leais a morte e tamén os traidores, atentos ó descoido para a falcatruada. Pasa na universidade, na administración, na policía, nos partidos políticos e na fiscalía….pásalle a quen está tras o mostrador e nos recunchos dos almacéns…e aínda máis, tras a cruz, baixo ou tras o palio, é por onde máis campa o demo e as súas mafias.

E outra vez xuntaron os tópicos sobre a desaparición dun libro con tópicos. Seguimos afeitos a valorar ás xentes e ó mundo dende as orelleiras e dende o corte e confección “a patrón”. E nesas voltamos a escoitar declaracións que cualifican ó delincuente como “un hombre de carácter, cerrado, oscuro, gallego...” pero nesas mesmas non din que era un de tantos históricos beatos falsos e ladróns.

Non é unha novidade iso dos roubos de obras significativas do patrimonio cultural. Entre moitas outras, lembramos que alá polo 1977 un mozote do Grove, roubaba, nin mais nin menos que na Cámara Santa da Catedral de Oviedo, as cruces de ouro asturianas e a raqueta das ágatas…sacro símbolos do inicio do principado que ía de don Pelaio a don Paco. Perseguido e atrapado na fronteira portuguesa ourensán de Ponte Barxas, desprendeuse da bolsa onde levaba machucadas as pezas de ouro, filigrana e camafeos romanos, as que logo, pacientemente houbo que reconstruír. Pola contra nunca máis se soubo daquela outra cruz, a doada por Alfonso III á catedral compostelán no 874 e desaparecida no 1906, da que fixeron unha réplica que preside o retablo das Reliquias no Panteón Real. E aquelas dúas táboas de Rubens subtraídas do vello Museo de Belas Artes da Coruña no ano 1985, anos despois descubertas no mercado, así como ó seu autor, un emigrante galego en centroeuropa. Algo antes, aproveitando a noite e un día de feira en Betanzos, Eirk o Belga, dirixe o roubo do retablo flamenco de Santa María do Azougue…para aparecer anos despois, faltando algunha talla. E un listado inmenso de patrimonio compostelá e galego desaparecido ou repartido polo mundo, por coleccións privadas, museos, en almacéns e garaxes: os dous profetas de Mateo que ten a familia Franco, as columnas de S. Paio do altar do Apóstolo no Metroplitano de N.Y e no Arqueolóxico de Madrid... a imaxe do Cristo Gótico da Coruña na Rábida, o do Cebreiro no Museo de Arte de Escultura de Valladolid; os marmóreos leóns do Pasatempo en Covadonga... ás campas xudeas da Coruña en Toledo ou mesmo os manuscritos do "Sempre en Galiza" de Castelo... algún día lembrarémoslle ós parlamentarios o paradoiro de cousas así, ouros prehistóricos, acibeches, imaxes, pinturas, e moitos códices, etc, etc... que mudaron de sitio por arte de birli birloque. Farémoslle ver tamén que en despachos das administracións, en corredores e salas de xuntas móstranse, sen criterios e control museolóxico, obras de creadores que non están representados nos museos públicos.

Din que o Calixtino volverá á escuridade, a estar baixo as sete chaves das caixas fortes catedralicias. Na cidade universitaria, pese a que se imparte nas aulas a materia, ignórase que a Museoloxía é a ciencia que trata da xestión dos recursos do patrimonio cultural, da súa seguridade, da conservación e da súa posta en valor. Práctica ausente en catedrais, mosteiros, parlamentos, universidades, concellos... Do que se trata é de profesionalizar a xestión dun legado identitario.
O Calixtino, de 225 folios de pergameo, está feito para catequizar, utilizando como un cabaleiro carolinxio ó Apóstolo, para difundir os intereses feudais, imperiais galos dun tempo, fronte á tradicional igrexa hispana, de herdos litúrxicos visigodos. O que se trataba, unha vez máis era de mover Roma con Santiago. E velaí que unha carta de presentación do Papa Calixto II, quen denantes fora abade de Cluny, avala a obra e dálle nome ó libro. Pontífice romano que era irmán do Conde de Galicia, Raimundo de Borgoña, casado con Dona Urraca, filla de Alfonso VI, país do que sería Alfonso VII, difusor do camiño e do Cister... Momentos nos que Alfonso Enriquez, o fillo de dona Tareixa, a outra filla do rei casada con Enrique de Borgoña, comeza a independizar Portugal.... Tempos decisivos, nos que Galiza ten vía directa coa Borgoña e a Provenza e no que os intereses imperialistas dos descendentes de Carlomagno fanse notar. Hai outras copias, entre as máis interesantes a do Arquivo da Coroa de Aragón, feita en Compostela no ano 1173 polo monxe Arnaldo de Ripio. Libro de cinco libros: I sobre os sermóns e a liturxia do Apóstolo; o II sobre os milagres de Santiago, o III sobre a translación do seu corpo, o IV o sobre a grandeza de Carlomagno e a quinta é o “Liber peregrinationis” ou guía a Compostela. Segue a ser motivo de estudo o seu autor, a data, a composición e a intencionalidade. E sendo varios libros así mesmo caben varios autores e quizais un compilador, que, polos xuízos que da, acae sobre un monxe cluniacense de Poitou, Aymeric Picaud, capelán en Vezelay e chanceler de Calixto II, o ano o 1160. Datos que parecen confirmarse no epílogo do quinto libro, atribuído ó Papa Inocencio II e no que cita a Aimeric Picadus e á súa compañeira Gilberta Fandrensis, a mensaxeira que trae o Codex a Compostela.

Na viaxe de inspección, que por orde de Felipe II realiza no 1572 Ambrosio de Morales polo Reino de Galiza, di do autor do Calixtino que “puso allí cosas tan deshonestas y feas, que valiera harto mas no haberlas escrito”... incluso recomenda ós canónicos que non deberan ter alí aquilo. Quizais polas referencias que fai ós navarros e vascos, os que non saen nada ben parados. Tirria con orixe, pois en Roncesvalles, os vascóns, frustraron a empresa imperial carolinxia, coa derrota e morte do seu sobriño Roldán. Nin tan sequera as referencias ós casteláns son positivas, si acaso seduce ós galegos, “o pobo, que entre os demais pobos incultos de España, máis se asemellan a nosa nación gala, se non fora por ser iracundos e litigantes”. Libro traducido no 1951 por don Abelardo Moralejo, Camilo Torres e J.Feo e a partir do 1971 con varias edicións, facsimiles e estudos en varias universidades do mundo.

Posto de manifesto “urbi et orbi” o interese deste “Liber sancti Iacobi”, deberíanse retomar deberes non feitos, como incoar expediente, por vía de urxencia, pra incluílo no listado de B.I.C. Libro que merece musealizarse, pois ofrece o fío argumental, ó estilo do Museo do Libro en Xerusalén, do libro de Kells en Dublín, ou do Tapiz da Raíña Matilde na normanda Bayeux... Motivos e fotos como as destes días, haber hainas. E moitos máis códices e moitos máis recursos, dentro e fora da catedral, pra avaliar que Galiza e a "cidade venera" de Compostela sempre abriu camiños, foi capaz de abrir coa arte tradicional dos canteiros o Pórtico da Gloria e de inspirar un canto de esperanza no "Alba" de Castelao e de Bóveda.