A realidade invertida: o ser contemplativo e interpretado

Habitamos nun teatro planetario no que a vida se interpreta a gran velocidade. É tal o fluxo de persoas e ideas que calquera intento de clasificación esixe dun labor moi meticuloso que pode xerar aínda máis confusión da que xa existe, pois, neste espazo inmenso e cativo a un tempo -a terra- , conviven tendencias antagónicas: a uniformización derivada da globalización por unha banda e, pola outra, a loita na defensa das identidades dos pobos...
Centrarse nunha ou noutra dependerá de múltiples factores. A educación recibida nas casas, por exemplo, é un bastante importante, mais non definitivo, na medida en que outras institucións como a Igrexa, ou o Estado, inflúen na configuración das personalidades que, a súa vez, dependendo da idiosincrasia do lugar e das relacións interpersoais, determinarán as inclinacións propias. Así, ou ben teño unha visión prospectiva ou, pola contra, me inclino ao conservadurismo. Ou, soprendentemente, xunto ambas, elaborando un estraño cóctel que, perfectamente, se adapta ao paradoxo inherente ás sociedades modernas, ou máis exactamente, "sobremodernas", como moi ben apunta Marc Augé.
O caso é que todo parece posíbel nun mundo onde "o fin dos grandes relatos", do que falou Lyotard-, deu paso a esta ensalada de ideas orbitando sobre nós. O afán de liberación postmoderna, nun intento de destruír a inxenuidade da rixidez, empecinouse en aumentar o número de verdades, facendo uso dun intenso labor de relativización, mais no canto de proporcionar outras vías de acción ou modos de vivir ao individuo como pretendía, provocou saturación. Actualmente, o ser sobremoderno é un ser saturado, perdido no medio de múltiples opcións. Eis a orixe da ausencia de criterio e, por ende, da incoherencia, pois son moitas máis as posibilidades que os argumentos. Daquela, parece evidente que en todo comportamento incoherente subxace a falta dun pensamento estruturado que ubique no cerebro a información recibida. Así, canto maior é o coñecemento do social, político, artístico, literario, científico ou natural, maiores cotas de coherencia deberíamos acadar. Aínda así, isto no sucede, daquela, que outro factor incide na aparición da contradición?. Podería ser a relación de insinceridade que mantemos con ese eu que tanto insistimos en silenciar con cada "representación" (ser interpretado)?.
Vexamos algunha mostra disto que reflicta claramente ese saco sen fondo onde todo cabe agás o criterio. Adentrémonos entón nun sector humano minoritario, aínda a día de hoxe tristemente oculto para a maioría das persoas, fixémonos pois no ámbito homosexual. Aceptemos, por un intre, esta separación, para ir ao caso que nos interesa, tendo sempre moi claro que tal segmentación é unha licencia que nos permitiremos para explicar o que se pretende, pois estamos en contra de calquera tipo de caixa absurda que divida as persoas dependendo da súa opción sexual. Unha vez aclarado isto, continuaremos, volveremos ao que estabamos, a ese segmento que decidimos destacar. Teñamos conta entón dese grupo concreto segmentado e da actitude incoherente que algúns dos seus membros homes adoitan manter ao se declararen "de dereitas", por exemplo, e asistir a misa ou pór en valor a figura do Papa, sen deixar por iso de levar unha vida sexual incesante ou convivir coa súa parella. Se o facemos, se prestamos atención a este gay ambiguo, por sobremoderno e conservador a un tempo, comprobaremos que vive nunha constante dualidade da que non parece querer saír.
Así, nunca "sentirá interese" por casar, argumentando que non lle parece necesario -eis o autoengano, pois realmente o que sucede é que intenta evitar, por todos os medios posíbeis, posicionarse publicamente- e aceptará que tal casamento non se entenda como matrimonio. Pode facelo, e de feito faino, porque a contradición, dende o seu "punto de vista", non existe, e, visto o visto, talvez leve razón e non haxa paradoxo algún no seu xeito de pensar e proceder, talvez sexamos nós os que, pola contra, adoptamos posturas "ríxidas" que non se adaptan á realidade actual onde diversidade e fracturación parecen ser sinónimos. E será...
Ironías aparte, non quero imaxinar o decepcionante e molesto que isto ten que ser para os colectivos de gays, lesbianas e transexuais que levan tanto tempo dando a cara para se visibilizaren nunha sociedade hipócrita que, esencialmente, o que ten feito até o de agora é, no mellor dos casos, "toleralos". De todos modos, malia que non serva de consolo, creo que podemos dicir con rotundidade que a incoherencia é actualmente unha constante. Esténdese por toda a esquerda social e demócrata na que podemos descubrir militantes que practican cada día o consumo conspicuo e se afanan en acumular riquezas para situarse no entramado da clase burguesa e achegarse o máis posíbel ao poder.
Parece pois evidente que, deste tipo de ambigüidades comentadas, infiramos unha ética ancha e confusa: a ética do interese. Xa que logo, ser bo ou boa, son conceptos obsoletos, como o de humildade. O que si "está de actualidade" é ser é bos/as cidadáns/ás por inhibición, isto é, por autocensura de condutas que nos comprometan públicamente: estética da ética exhibicionista. Deste xeito, xorde a bondade a partir da negación: como non roubo, non mato, nin son descortés, podo dicir de min que non son malo, e, se non son malo, son bo. O "boísmo" é un territorio do afábel que acocha polo baixo dese manto brillante de educación e boas maneiras, a auténtica perfidia: un egoísmo cruel que induce á deslealdade, á competitividade e, finalmente, á envexa.
É ben triste, mais isto parece ser o leit motiv das sociedades neoliberais. O negativo trasládase ao campo do positivo. Somos comprensivos/as co egoísmo e mesmo desculparmos a envexa!. Para o facer, só se precisa do autoengano, que, conxunturalmente, nos ofrece escusas que xustifican practicamente todo. A idea da que se parte é sempre a mesma: bastante ten cada un co seu!. Deste xeito, nós propios/as reforzamos as condutas destestábeis coa nosa particular aquiescencia: o silencio. Cómpre pois non autoenganarse, o espírito mesquiño alimentámolo entre todos/as.
As fracturas que disto derivan son inevitábeis. O ser sobremoderno é un ser fracturado e confuso, incapaz de xenerosidade, na medida en que pasa o seu tempo ocupado en si mesmo, en acadar esas areladas metas que considera, inxenuamente, o paso previo para a felicidade. Neste punto é onde se sitúa a maior invención de todas: a do ser humano feliz. Satisfeito. Podemos dicir que é unha invención, dado o seu carácter irreal, pois ningún ser humano poderá selo nun mundo onde as metas son infinitas. Non poderemos acadalas todas. A frustración chegará co primeiro "fracaso". A vida do ser contemplativo, atento ao espectáculo, é tan só unha vida interpretada porque copia, repite modelos doutros/as que, segundo el/ela entende, triunfaron. Tal imitación non sempre o conducirá a aquilo que pretende, por iso a felicidade latexará ao seu redor sen poder case nunca tocala. Eis a causa de que poida experimentar certa tranquilidade ao comprobar que hai outros/as que están en peor situación. Neste punto é onde se visibiliza o peor da natureza humana: os complexos e o odio encuberto, base sólida de calquera espírito mesquiño.
Tendo conta disto, parece claro que a cobiza ten múltiples efectos colaterais que inciden na convivencia entre as persoas. Acumúlanse os/as inimigos/as. Aumentan os proxectos. Medran os esforzos... Proporcionalmente a isto, diminuirán o asombro, a empatía, a xenerosidade e, inevitabelmente, a espontaneidade. Así é que o ser contemplativo e interpretado tende a ter consciencia excesiva de si mesmo e cae con facilidade nas gadoupas da falsidade que adoita esplicitarse no finximento e nunha certa densidade opaca e absurda que podemos considerar o significante dunha soberbia impostada. O significado: un medo atroz a ser visto como en realidade el/ela propia se concibe: cativo/a ou, no mellor dos casos, mediano/a.
Chegados a este punto, as preguntas non se fan esperar e farémolas sen dubidalo. A primeira é evidente: pódese agardar do ser interpretado, previamente contemplativo, unha mudanza no comportamento modificando a contorna observábel?. É modificábel a contorna sen pasar pola modificación dos hábitos individuais?. Como conciliar individuo e contorna?.
Por outra banda, existen persoas xenerosas nun espazo violento coma este?. De existiren, estarían avocadas ao sufrimento por falta de proxección nun mundo onde a imaxe é prioritaria? Consideraremos entón existente só aquilo que teña carácter público?.
La gente sólo muere cuando la olvidan, escribía Isabel Allende ("Cuentos de Eva Luna") e escribía ben, pois, non é certo que, dalgún xeito, desaparecemos cando deixan de pensarnos?. Son ou non son as intrahistorias unha parte imprescindíbel para a construción dun país?. Vivimos nun mundo constituído, únicamente, por imaxes que transforman o real nun invento aparatoso e degradante, por "espectaculista"?. Son estas invencións iso que Guy Debord denominou espectáculo?. Vivimos sempre fóra de nós, nunha realidade invertida, coma negativos dunha fotografía?. Vemos só sombras?. E moi importante, isto xorde agora ou simplemente vén de vello e acrecentouse co Capitalismo?
Intentemos volver os ollos atrás e atopar algo deste espectáculo de sombras nalgún momento do pasado. Pensemos na aparición de deus e a súa Igrexa. Non formaba parte ese deus do principio-todopoderoso e xusticieiro- tamén parte dun espectáculo relixioso?
Nada tan mediático como aquela emblemática frase pronunciada polo propio Yahvé ante Moisés, "Eu son o que son" (Ex 3, 13-14), na que o alto autoconcepto que deus tiña de seu era transmitido nidiamente nesa proposición explicitada na equivalencia (son = son). Pois ben, dende a devandita frase até o noso ser actual, un ser sen deus, sobremoderno e, ante todo un confuso habitante entre fronteiras, en tanto que auténtica vítima de múltiples fracturas, hai un tramo ben longo...
Para comezar, esta entidade divina, capaz de milagres e fundamental fonte enerxética de creación, era "algo" constante. Nel se concentraban a verdade e a vida. Así é que para o deus de Abraham e Moisés, a esencia precedía a existencia. Existía porque era. Así, este "algo" estrañamente preexistente, presentábase e representábase, dun xeito grandioso e singular que permitía confíar na poetización dunha realidade ben prosaica: somos, inevitabelmente, seres finitos. Era esta identidade divina o núcleo dun inicial sentido do espectáculo que nos deixaba a un lado, como figuras pasivas nin tan sequera dignas de o contemplar?. Talvez si, talvez poidamos considerar a espiritualidade de deus, en tanto que invención, un primeiro achegamento á sociedade da representación occidental e, por ende, á verdade invertida.
Esta verdade consistía, básicamente, en aceptar o mundo como tránsito para acadar a plenitude eterna convertíndonos en submisos contemplativos e dependentes, mais, por riba de todo, en obedientes, algo que as estruturas do poder relixioso se ocuparon ben en potenciar. Resultaba cómodo xerar a idea dun ser superior revestido da ética que máis conviña en cada momento.
De todos modos, aínda que existise certo afán "espectaculista" e querencia pola riqueza, na difusión do catolicismo, cómpre marcar unha diferenza, nese teatro da exposición da fe, a base, polo menos tiña algo de esencia, e precisamente esencia é o que se bota de menos no noso escenario de cartón pedra. Así é que nós, en estado de autoengano permanente, non buscamos nada no espírito, mais evadímonos para non afrontar as propias responsabilidades e descubrir a parte mesquiña acochada no noso interior, alimentada por un sistema capitalista que favorece a confrontración pola competitividade que del deriva pero que, "estrañamente", non se ocupa en formar nin potenciar a intelixencia emocional para desenvolver actitudes positivas.
Por tal razón, non é doado confíar na xenerosidade dun conxunto humano cuxa empatía é mínima na medida en que, indolente, se deixou vitimizar sen sabelo, pola ausencia desta imprescindíbel alfabetización emocional. Por iso, a capacidade de bondade, no sentido máis profundo da palabra, en tanto que implica certa renuncia para entregar o que somos á comunidade e mellorala, sabendo que o feito de dar é un fin en si mesmo, parece estar anulada. Podemos ser sen proxectármonos?. Resistimos á tentación da imaxe como reclamo?.
De observarmos atentamente os distintos grupos sociais, veremos con claridade meridiana que non resistimos, que existe no sistema -que nos mete a todos/as dentro, malia que intentemos evitalo-tendencias antagónicas. Por unha banda, comprobamos a existencia dun desexo de amalgama, na procura da normalidade burguesa, nos ámbitos conservadores e, pola outra, un enorme afán de diferenciación nos sectores progresistas. Ambas tendencias -de amalgama e diferenciación- forman parte de procesos inevitábeis de integración que rematan por excluír do seu seo a aquelas persoas que, por algunha razón, non aceptan a tensión de cada proceso, na medida en que se negan a ser sobre os demais.
Este afán de "ser sobre" -intelectual ou económicamente- é tan grande que pasamos parte do tempo nun meticuloso labor de acumulación. Interesarémonos aquí, especialmente, naquilo que acumula e pretende a burguesía. Así é que, se pensamos na avidez polo diñeiro, acertaremos. No entanto, máis próximos andaremos á verdade se afirmamos que a burguesía acumula, sobre todo, poder.
Poder... Que palabra!. Nela concéntranse verdade e vida -como en Yavéh- mais tales calidades desenvólvense aquí nun contexto socioeconómico neoliberal no que a verdade é o Capital e a vida, os medios de produción. Pasamos da severidade da antiga lei xudaica á tiranía dun sistema capitalista onde o ser se degrada en ter. Os medios de comunicación, pola súa banda, xerarán o espectáculo.
Daquela podo dicir que teño cousas e persoas, pois non é que me gusten as cousas e poida estimar a súa beleza ou utilidade, é que as pretendo practicamente todas. E tampouco diría eu que ame as persoas, quero posuílas, ter dereitos sobre elas, ser exclusivo e excluínte. Que nada rompa as liñas que delimitan o "meu territorio"... Ademais, son moi eficiente na resolución de problemas, así é que non me conformo, supero atrancos. Constantemente. Sobrevivo á marxe das circunstancias.
Entón, se outras persoas non logran asentarse coma min -os inmigrantes, por exemplo- éme indiferente o contexto, obvioo porque só así poderei acusalas de non se esforzar o suficiente, de non se querer integrar...
De todos modos, ademais do ronsel de inxustizas tan evidente e no que tan cómodos nos atopamos, resulta curioso ver como a cobiza se mete nas nosas cabezas e adoitamos ter condutas insolidarias en contextos, digámolo así, máis domésticos... O afán de posesión material -casa, coche, teléfono...- pasa das cousas reais aos seres cousificados. As non-persoas cousifican e déixanse cousificar, na medida en que se presentan representadas por e para a aceptación dos distintos grupos sociais cuxa ideoloxía dominante é a vaidade que se despraza, alternativamente, do egoísmo ao pracer dun xeito case patolóxico.
Estamos, xa que logo, ante un ser contemplativo que, tras observar a estética predominante dun grupo concreto, intenta representarse no contemplado: mimetízase. Pasa, xa que logo, a converterse nun actor que se interpreta a si mesmo modificando aquilo que sexa preciso dependendo da situación.
De todos modos, non sempre resiste a tensión constante que deriva do seu papel dentro dese subconxunto absurdo e, inxenuamente, chega a imaxinarse sobrepensado polo resto... Eis o espectáculo das non-persoas, a importancia precede á existencia. Existen porque importan, porque son visíbeis, porque están claramente representadas e saben mentir e mentirse. Daquela, o autoengano aparece novamente na escena e permite sobrevivir á realidade bocabaixo: nin son importante, nin, posibelmente "mereza" o valor que me teñen dado...
Daquela, o que prevalece, como moi ben indica Guy Debord no seu ensaio "A sociedade do espectáculo", é "(...)unha relación social entre persoas -o que nós denominamos nas liñas precedentes non-persoas en tanto que intérpretes- mediatizados por imaxes". Así é que ser é parecer, estar mostrar, habitar vivir, querer amar, emocionarse sentir, aplaudir valorar e memorizar para citar -proceda ou non- saber... En suma, a nosa existencia pasiva desenvólvese nun escenario de personalidades gaseosas, que adoitan posturas arrogantes para se sentiren seguras. As non-persoas son xa que logo, seres que vacilan, con pánico ante o espello: un televisor privado que non pode manipularse: eu ante min, idiota e egoísta como son...
Daquela cómpre identificar o autoengano como principal causa da culpabilización que a sociedade actual verque naquelas persoas non escintilantes que conservan certa capacidade autocrítica e, aínda a día de hoxe, se negan a fuxir dese eu cativo que se sabe como é, puidendo así aceptar o resto. Sen xulgar. É ese eu cativo e miserento o que cómpre e urxe pulir, liberalo da angustia egoísta da posesión e do afán ridículo de mostrarse. Non é doado de facer porque leva tantos anos oculto que vivimos ignorándoo, coma se por non lembralo puidese desaparecer, e talvez si, talvez o faga, se cadra desaparece de todo. Tristemente podemos velo así, se tomamos por certa esta idea de que la gente sólo muere cuando la olvida,e, nese sentido, teñamos matado aquel ser inicial que desprendía frescura e se emocionaba con asombro ante a verdadeira e única beleza, a de dentro. No entanto, sería desexábel manter certa esperanza na recuperación da identidade destes ardorosos seres que, interpretándose, son interpretados, mediatizados polo finximento dunha realidade inventada, por pequeno que sexa o invento.
Vivir, constantemente, nunha fase estética que se pretende ética converteuse na actitude habitual inherente ao espectáculo. Isto deixa claro que non nos coñecemos ben a nós mesmos, por iso, cando nos mostramos ante os demais (ser interpretado) esquecemos a propia invención, infravalorando ao que temos diante que remata por ser vítima da nosa incoherencia. Decepcionante, mais real.
Que "Todo o que era vivido vivido directamente se aparta nunha representación" (Guy Debord, A sociedade do espectáculo") sabémolo perfectamente. Por iso a conclusión faise evidente. No entanto, incidiremos nela: ningún movemento social será posíbel de non mudar nós propios/as por dentro. O camiño de retorno á sinxeleza é difícil. Queremos realmente facelo ou gústanos manter todo como está, nesa calma tensa e indiferente?.