A pulverización da conciencia no sistema capitalista
Defínese o 15 M como un movemento cidadán que nace en España o 15 de maio deste ano coa intención de promover unha democracia máis participativa, fóra do bipartidismo PP-PSOE. O lema é este: "Democracia real ¡YA! No somos mercancía en manos de políticos y banqueros." Conformado por "parados, mileuristas, amas de casa, inmigrantes y ciudadanos en general" -tal e como explica a prezada wikipedia- pretende levar á práctica "a insurrección pacífica na contra dos medios de comunicación de masas que non propoñan como horizonte para a xente nova outras cousas que non sexan o consumo en masa, o desprezo polos máis débiles e pola cultura, a amnesia xeneralizada e a competición excesiva de todos contra todos..." (Indignádevos. Stéphane Hessel). Soa ben. É máis, mesmo chega a traer aos nosos corazóns atribulados un atisbo de confianza no futuro, unha confianza que, a día de hoxe, é máis unha cuestión de fe. Así é que, nun principio, indignadas estamos todas -e indignados, claro-.
Parécenos xusto reclamar a igualdade entre as persoas, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sostibilidade ecolóxica, o benestar e a felicidade das persoas. Comprendemos a indignación colectiva ante un sistema corrupto que se deixa ver na vergonzosa escena política televisada día tras día. Eis o asunto dos traxes de Camps. O caso Gürtell. As acusacións veladas e non tan veladas entre os membros dos dous partidos políticos principais -Rita Barberá acusou a Zapatero de suborno por aceptar unhas latas do presidente cántabro- e a tensión interna vivida nos últimos tempos entre Rubalcaba e Chacon.
Como non sentir raiba ante o bochorno dun Estado xestionado por auténticos depredadores políticos, desideoloxizados e arrastrados pola ambición, a cobiza e a vaidade? É inevitábel. Calquera que teña un mínimo de humanidade, ha desprezar este ideario capitalista que tende a almacenarnos en stocks, na medida en que somos bens posuídos por "empresas fiancieiras" e, polo tanto, susceptíbeis de explotación.
Entendemos tamén que se denuncie a situación dramática daquelas persoas que, ou ben carecen dunha vivenda, ou a perderon por non poder asumir a hipoteca. Subscribimos entón estas peticións de xustiza social do 15 M. Súmamonos á protesta e sentimos unha grande ledicia ao comprobarmos que algo bule na sociedade. Algo vibrante que nos gustaría que puidese acadar a categoría de revolucionario. Radical. Que fose quen de remover e conmover. Que obrigase á clase política, non só a mirarse por dentro, mais a mudar o sistema de valores e, por ende, o seu modus operandi, ou sexa, que abandonase o "continuismo burocrático" anestesiante e se desistematizase. Sería marabilloso algo así, como na tómbola de Marisol, cadaquén con cadanseu boleto da sorte, unha sorte dormida, ou, mellor dito, inexistente, pois non hai máis sorte que a autoxestión do propio destino .
Aquí, neste país sen Estado, hai moito máis que unha tómbola que distribúe a felicidade arbitrariamente. O que temos diante nosa é un auténtico vodevil, co seu drama interiorizado -colonización imparábel, e, xa que logo, desapego polo idioma, posturas patriarcais ben asumidas (tanto por parte dalgúns sectores da cidadanía como por parte das institucións públicas), desemprego, presión hipotecaria, obsolescencia programada e idiotizante, opinión pública controlada (Propaganda, de Bernays), inutilidade irónica do estudo pragmático que foi deseñado para a nova sociedade e que só agora parece ser captada, abuso laboral, particularmente coas inmigrantes, etc etc.- e cos seus toques de humor cuxo obxectivo é sempre a evasión: aí temos a Alfredo -agora Rubalcaba prefire que lle chamen así...-, e o seu percorrido na procura de apoios entre os "socialistas", un percorrido que, segundo el mesmo afirma, faino sentir coma un corredor na pista de atletismo... E todo isto sucede paralelamente ás manifestacións masivas en Barcelona, Madrid, Coruña ou Santiago. Dúas realidades opostas nun mesmo cadro. Suficiencia política e indignación. Intento de caos e orde policial. Liberdade de expresión e circunscrición da mesma nun cadro controlado e controlábel...
Tendo conta do panorama, a nosa "impresión" é que nos valoran ben pouco. Infantilízannos como espectadoras da acción dramática programada e como extras asustadas e pasivas desta Democracia Patriarcal Autoritaria e Financiada. Obrígannos, sultilmente, isto é, mediante a persuasión mediática e educativa, a crer que vivimos todas/os nun Estado democrático -España- e plural, sustentado na idea da "tolerancia" e do "respecto". Fermosas palabras, nunha primeira ollada, mais abondo prostituídas, en tanto que, no primeiro caso -o da tolerancia- implica unha certa condescendencia cos/coas diferentes que leva consigo esa silandeira, mais terríbel, violencia estrutural derivada dun racismo disimulado, e, no segundo, unha falta de perspectiva, pois como falar de "respecto" se o que existe é "desafecto" e desinterese? Hai respecto nunha sociedade que oprime ás mulleres, as/aos inmigrantes e á clase traballadora en xeral? Haino, aquí, na Galiza, a pesar da invasión do territorio nacional, a causa do AVE, e da construción indiscriminada nas nosas costas?.
Visto o visto, habería que mudar a definición de "respecto" no dicionario e substituír "cuidadosa atención" por "desconsideración". Así é que estes "respectuosos/as, tolerantes", educados/as na socialdemocracia, son, realmente, desconsideradas/os, e, o máis grave de todo, descoñecedores/as dunha análise política diverxente. A mentira inoculada nas mentes de moitas persoas participantes neste movemento 15 M, deixa ver os seus froitos, pois están convencidos/as de que o sistema actual pode e debe perfeccionarse.
A ausencia dunha consistencia na conciencia política levounos a crer que a espontaneidade, e simple suma de vontades, á marxe da ideoloxía e da organización, podía dar resultado. A día de hoxe, un mes despois do inicio do movemento, pensamos que esta fe errática infantil, derivada da desestruturación da identidade, é a razón da fatiga e do incipiente desánimo.
Interesa pois centrar ben o asunto. Ter clara a orixe da confusión para que as mobilizacións perdan ese carácter de "berrinche" e dean paso a algo máis serio e consecuente. Ao respecto disto, pareceunos moi interesante a análise de Jorge Paços Meirol, no seu artigo titulado "Sinceridade e confusom nos indignados" (galizalivre.org).
Segundo afirma Paços, existirían tres fontes que determinarían a confusión das/os indignadas/os. A primeira sería inherente ao propio movemento, na medida en que, mesmo a pesar da organización, existe sempre unha certa ambigüidade que deriva das propias dúbidas que nos arrastran. Até certo punto, sen chegarmos ao caos e a desorganización, esta ambigüidade e estas dúbidas, compréndense e, mesmo nalgún momento do proceso, serven para matizar e redifinir, o que deba ser redefinido, nas asembleas.
"A ambiguidade e confusom-explica Jorge Paços- non devessem ser, de partida, anatemizadas polas consciencias mais críticas. A confusom tem fontes diferentes que conviría diferenciar mui cuidadosamente. A primeira fonte aponta á origen do proprio movimiento: quando este é real, e non apenas ideológico, irrompe carregado de todas as hesitaçons, paradoxos e lacunas que arrastra a sociedade organizada. Também muitos movimentos igualitarios começarom falando a linguagem da religión, muitas defesas etnonacionais ergêrom a bandeira de "leis velhas" monárquicas e varios agrarismos quigérom chimpar por cima das cissons da esquerda e da direita".
Así é que, na medida en que os/as indignados/as arrastran carencias de formación política que interesan ás sociedades capitalistas, non se cortan un pelo en mesturar, xuntar, compilar e aglutinar "persoas soltas", sen ningún tipo de militancia política. Deste xeito, teñen convivido na Praza do Obradoiro individuos procedentes da dereita, do centro ou da extrema esquerda. Tamén católicas/os. Feministas. Turistas acopladas/os...
E aos/ás socialdemócratas encantáballes. A educación extremocéntrica dá como resultado a veneración polo punto medio: un centro que ditamina que é correcto e que non. Un centro abisal que nos apreta para quedarmos aí dentro. Quen non se adapta está fóra da circulación sistémica, sexa esta política, económica ou cultural.
Mais, deixemos a enfemidade endocéntrica -e egocéntrica- da nosa sociedade e continuemos coa análise de Paços. Pasemos á segunda fonte da confusión que nos propón: a ausencia de coherencia no pensamento. Non existe un discurso consecuente. Obsérvase un "candor quase idiota das mobilizaçons cívicas recentes." A tecnoloxía, a pesar de multiplicar as posibilidades de difusión, eliminou os espazos onde debater en persoa. Así é que, en opinión de Jorge Paços -opinión que compartimos- "Nem as redes sociais histerizadas, nem as pressas, nem a ánsia de novidades, nem a cultura audiovisual, permitírom unha inteligencia coletiva semelhante á da década dos 30 ou de 70"
A ausencia de espírito crítico e capacidade de análise política das vítimas da educación socialdemócrata determina entón a idiotización constante, o "boísmo extremocéntrico", a falsa solidariedade, o desapego polo idioma e a cultura do país. Daquela, o egoísmo. O individualismo das conciencias pulverizadas polo sistema que conviven sen tocarse. Espertar desa longa noite de pedra é un labor difícil. Moi longo. Un mes non será suficiente para aprender. Talvez si para ser algo máis conscientes do descoñecemento profundo do único mundo que parecemos ter asumido como posíbel. Un mundo que nos manipula e dirixe dentro dun cadro construído polo capital.
Tendo pois conta disto, é lóxico cuestionar a sinceridade dos protagonistas do 15 M -a terceira fonte de confusión que propón Paços- e, consecuentemente, a resistencia do movemento para a consecución duns obxectivos ben definidos. Daquela, preocupa enormemente a fatiga dos/das integrantes da mobilización na medida en que puidesen ser "candidatos a novas elites" cuxa protesta constitúa tan só "a distraçom clásica que ajuda -como no caso do Prestige- a desfogar massivamente umha frustraçom coletiva antes de voltarmos juntinhos à rotina democrática".
Parécennos xustas as reivindicacións do 15 M, mais temos serias dúbidas ao respecto da auténtica concienciación da meirande parte das/dos participantes, e, excluímos disto aos grupos da extrema esquerda, tantas veces denominados "radicais" coa intención de desacreditalos, principalmente porque se sabe que, a día de hoxe, son os principais axentes da loita pola defensa da terra e da lingua que manteñen certa coherencia entre teoría e praxe, na medida en que o seu labor non obedece a intereses pecuniarios e rexeita, cómpre destacalo, calquera tipo de personalismo supérfluo.
Neste punto, parécenos moi atinado o artigo de Carlos Taibo -Los medios y el movimiento 15 M- que se pode ler en lahaine.org ou en kaosenlared.net. Neste artigo, Taibo describe isto mesmo dun xeito ben claro ao criticar os medios progresistas que "En su trabajo lo común es que echen mano de una descripción que considera que el 15 M tiene dos caras: mientras, por un lado, estarían los jóvenes, indignados, siempre pulidos y civilizados, por el otro se hallarían los marginales, violentos y deleznables antisistema de siempre. Al amparo de esta dramática e interesada distorsión de la realidad, se inclinan por ignorar que la única distinción de relieve a la hora de dar cuenta de lo que el movimiento arrastra es la que identifica, de un lado, a los jóvenes indignados -a menudo visiblemente meritocráticos- y, del otro, a un sinfín de activistas de los movimientos sociales críticos. El trato que estos últimos merecen se divide entre el olvido y la demonización franca."
Obviamente, compartimos tamén a visión de Taibo, pois, observamos coma el, a existencia de indignados/as que non cuestionan o actual sistema. É máis, acéptano e mesmo contemplan a posibilidade de melloralo. Isto, en principio lóxico, dada a persuasión educativa e mediática, non deixa de abrumarnos. Segue a ser terríbel, por moito que esteamos concienciadas, comprobar o peso atroz do sistema. A violencia de seu.
En calquera caso, á marxe desta escisión entre indignados/as cívicos/as e antisistema, é evidente que a pretensión de perfeccionar o sistema imperante, amosa que non se entendeu ben o que é unha revolución política, pois, ao noso modo de ver, o que cómpre, non é mellorar o capitalismo -que como se sabe, non serve- mais xerar un cadro novo.