A posíbel orixe de catro apelidos galegos

A posíbel orixe de catro apelidos galegos

Chama a atención a cantidade de persoas que gozan do apelido “VALENCIA” na cidade das Burgas.

Será debido a que en tempos houbo aquí xente levantina ou das outras Valencias que pola penínula abondan?

Ou terá sido de antigos habitantes da VALENÇA miñota?

Pensamos que a orixe vén do veciño lugar da VALENZÁ.

Pensemos como puideron acontecer as cousas.

Estamos nos tempos en que se asentan os baptizados nas igrexas.

Nasce un, digamos Marcos, no veciño lugar ourensá da Valenzá; será asentado no libro de rexistros como “ Marcos da Valenzá”, logo pasa a ser inscrito por algún “eficiente” escribán como, “ Marcos Valenza”, para tirarlle ise -da- delatório da orixe galega do meniño, e sen til, pois é sabido que daquela non se colocaban os acentos.

Co tempo, un escriba máis “espelido”, entende que eso de “VALENZA” debe ser una falta de ortografía que corrixepeficientemente por o correito “VALENCIA”; e xa temos a nomeada do “MARCOS VALENCIA”, para él e os seus descendentes até hoxe.

Fica así desvendado o mistério de haber tantos “Valencias” en Ourense.

Xa o apelido PARÍS, resulta ben chocante na nosa Terra!

Podíamos botar a imaxinación a matinar en antigos poboadores que chegasen aquí procedentes das beiras do Sena.

Aínda algún París teño coñecido que reivindica para o seu chamadeiro una orixe no PÁRIS da guerra de Troia!

Pensamos que a orixe é moito mais natural, e que nos atopamos cun xenitivo do nome de APARICIO que previa a usual perda da primeira A- ficou en PARIÇI e de aí o PARÍS de hoxe que faría referencia a un fillo de alguén que se chamou APARICIO no seu día.

Se o apelido LEITE tivese a súa orixe no albo e nutritivo líquido que leva istes días en cuestión por causa do baixo prezo pago aos productores, cómo pasaría a ser un chamadeiro da xente?

Sería mais ben de esperar o apelido de LEITEIRO /A se fose un tratante do leite, ou LEITOSO se fixese referencia á albura da sua pele ou cabelo; pero un chamadeiro de LEITE , a secas, non cadra no xeito popular de nomear á xente.

Sabemos que este nome é abondoso en Portugal, lembremos ao enorme antropólogo LEITE DE VASCONCELOS, e tamén o temos escoitado por Ourense e polo Morraço; algúns xa o andan castrapeando nun anfibio LETE, para tirarlle ise diptongo -ei- tan delator!

A súa orixe parécenos do mais natural, nada a ver co branco líquido dos mamíferos e todo a ver co antigo e considerado nome de ELECTUS, é dicer, “ o escollido”; nome Cristián do feitío de outros como DEUS-DADO ou BENE-DICTO.

A súa evolución seguiría o máis corriqueiro dos camiños: ELECTI > ELEITI > E-LEITE > LEITE Hai tamén a variante LEITES que procedería dun antigo ELECTIS.

Para o apelido MÍGUEZ funciona usualmentea teoría de que procede do nome de MIGUELEZ.

Pénsase que o-L- intervocálico desaparecería, e ficaría MIGUEEZ e daí o MÍGUEZ de hoxe.

Claro que máis ben, o que ficaría sería , MIGUÉZ e non MÍGUEZ (ollo ao acento ).

E aínda outro problema mais, pois en documentos medievais podemos ler, MIGUELEZ , en tempos en que a queda do -L- xa non era posíbel, (seguramente por proceder dun –LL-).

Así MIGÉL-LEZ deu en MIGÉLEZ e xa non evoluíu mais.

Isto lévanos a pensar que MÍGUEZ debe proceder de un outro nome.

Nós propomos o antigo nome de AMIGO (o do troveiro de Betanços, Pero Amigo de Sevilla).

Se partimos de AMICUS a evolución non tería problemas, velaí:

AMIGUICI > A-MíGUIS > MíGUIS > MÍGUEZ.

Cantos máis apelidos non haberá que a pesares dos afeites e disimulos mostran, ao raspar un pouco, a súa verdadeira e insubornábel procedencia galega!