A Porta Faxeira ao servizo da mantenza calorífica da cidade medieval

A Porta Faxeira ao servizo da mantenza calorífica da cidade medieval

Interpretar os antigos nomes dunha cidade medieval como Compostela é mergullarse nas fonduras do tempo e traer á tona os xeitos de vida daquelas recuadas idades.

PORTA DE FAJARIIS, así reza nos vellos pergamiños o nome dunha das entradas da cidade que levaba directo ao VICUS FAGARIUM, nome que non podemos menos que relacionar coa RÚA FAJA do bairro vello de Cangas do Morrazo.

A primeira interpretación á que tivemos acceso fala da Porta de Fagis, onde se entende referida á "fagus", que é o xeito latino de nomear ás "faias". Sería pois, unha porta abondosa desa árbore ou feita desa madeira. Non nos convence esta interpretación pois sería difícil de explicar desde o punto de vista das reguas da gramática histórica; até podería dar en "faieira", pero difícilmente se chegaría á "faxeira" de hoxe.

Encetemos outro camiño!

No noso método de estudo dos topónimos sempre nos dá moi bo resultado o uso da nosa "Portugal Connection".

Reparar na nosa lingua común, na nosa parella historia así como nos nosos semellantes usos sociais é sempre fonte de bos indicios para calquera investigación. Nas nosas pasadas andanzas polo Brasil temos escoitado moitas veces a palabra faxineira ao falarmos da señora que fai a limpeza ou mesmo á criada da casa.

Sempre se nos pareceron moito as dúas palabras: a galega faxeira e a portuguesa faxineira, máis... que relación podería haber entre o nome da luminosa porta compostelana e o oficio de servir nunha casa? Aínda nos confundía máis a palabra escoitada nos cuarteis ao nomearse toque de fagina cando se chamaba á tropa para comer. Tería que haber unha relación entre as tres palabras que designan cousas aparentemente tan diferentes!

Nunha longa viaxe de tren mercamos, para pasarmos o tempo, a revista "Historia y Vida", onde demos de fronte cunha lectura histórica onde se narraba o cerco que os Tercios de Flandes fixeran sobre a fortaleza da hoxe tan soada cidade de Maastricht. Alí atopamos a chave da relación entre todas esas verbas e de esguello a explicación que aquí presentamos da orixe do nome da célebre porta compostelana.

Describía o cronista español das penalidades sufridas polo exército no citado cerco.

Ao estar a terra do contorno enlamada non había xeito de abrir paso cos carros e demais impedimenta; compría enxugar o terreo para poder pasar e aí foi onde os zapadores militares comezaron a deitar (segundo a expresión do cronista ), fajina, e posteriormente colocar táboas por onde xa puideron transitar os cabalos, canóns e demais aparellos. Coa palabra fajina describía o cronista militar nin mais nin menos que os feixes de leña que usaban para estrar nos lugares alagados ou nas terras de moita lentura co fin de facelos enxoitos e de poder atravesalos.

Método, por certo, ben semellante ao dos nosos paisanos cando as congrostras e os camiños das aldeas estaban lamacentos, pois daquela deitaban feixes de toxo e xestas até que se podía pasar por riba ben enxoitos. Aí foi onde se nos acendeu a luz capaz de explicar todo! Estabamos a falar de feixes de leña ou de mato!

A faxineira brasileira era nas súas orixes a muller que tiña por encomenda ter acesa a lareira ou fogón da casa para o que debía carrexar os feixes ou fajariis que deron nome ao seu oficio. A fajina do cuartel era pois, unha referencia á cociña ou lar; tocar á fajina era como chamar ao xantar e á quentura, é dicir, ao fogón aceso.

Agora fica claro como a nosa PORTA FAXEIRA sería o punto da cidade por onde os labregos traían nos seus carros o combustible que mantiña acesas as lareiras compostelás.

Os campeiros pousarían estes feixes de leña no veciño VICUS FAGARIUM ou Rúa dos Feixes, que non dubidamos en ubicar no que hoxe é o aparcamento instalado entre o Instituto Rosalía Castro e a Comisaría de Policía e que aínda hoxe os nativos composteláns chaman, O Campo da Leña.

Estamos pois, diante da Porta Faxeira, Porta dos Feixes ou Porta da Leña, que nos exemplifica como o pobo usa o seu idioma dun xeito utilitario, para resolver as necesidades máis corriqueiras pero fundamentais da vida, neste caso quentarse e manter acesas as lareiras da cidade medieval.

Na Pontevedra antiga temos a fermosa Praza da Leña cumprindo a mesma agarimosa e fogareira función.