A orixe do nome de tres ríos galegos: o Masma, o Eume e o Umia

A orixe do nome de tres ríos galegos: o Masma, o Eume e o Umia

Cabe preguntarse se o nome que os ríos toman se debe ao lugar onde nascen, ou ao lugar onde escoan as súas augas?

No caso do MASMA, temos claro que o seu nome se debe ao espazo marítimo onde deita as súas augas; unha MARISMA.

MÁRISMA > MARSMA > MASSMA > MASMA.

Ao tratar do nome do EUME non o temos tan claro.

Andabamos nós matinando en cal sería a orixe do nome do río EUME, sen nos convencer o que liamos na literatura “oficial“ encol do asunto.

Fálase alí, de unha orixe indoeuropea da palabra, que procedería de un radical *um , ou, *wegw, que expresaría a idea de “húmedo” en relación co “umor” latino. Claro que a humidade é unha cualidade ben común a todos os ríos!

Nós preferiamos relacionar o nome do río coa palabra latina VOLUME.

Os romanos plasmaban os seus escritos, en lugar do que hoxe chamamos de,“libros”, nuns rolos envolveitos que precisamente por iso, por estaren enrolados, eran chamados de, VOLUME.

Un VOLUME era o que estaba envolto.

Daí pensamos que non sería difícil tirar a evolución da palabra até o noso EUME de hoxendía.
Pudo ter sido algo así:

Río do VOLUME > UOUME > EUME

Sería pois unha clara referencia ás cincunvoltas que dá o río.

,Nós non sabíamos de como era o río na súa nacenza na serra do Xistral , pois só o tiñamos visto na vila de Pontedeume, e non nos parecía tan revoltado como para merecer o nome de VOLUMOSO.

A luz para a nosa teoría veunos da leitura dun delicioso libro de XERAIS: “CANDO OS ANIMAIS FALABAN” da autoría de Xosé Miranda e Antonio Reigosa e ilustrado por Andrés Meixide.

,Nun texto que reproducimos aquí explica:

¿Por qué o EUME ten curvas?


“No concello das Pontes, na parte alta do EUME,aló pola parroquia de Saomede, hai unha zona onde o rio se vai retorcendo entre as montañas que o apertan dun lado e do outro. Na zona do Preguntadoiro e do Vidueiral aparecen unha serie de oito curvas moi pronunciadas. Hai moito tempo, cando Deus fixo o mundo, traballou arreo durante seis días e cansou. Viña de facer as Rías Baixas, e debruzouse a descansar coas mans cruzadas debaixo do queixo para contemplar a súa obra. Esta é a orixe das curvas, as marcas dos dedos cruzados, polas que foi buscando o río o seu camiño. Ou polo menos así mo contou a min un amigo de Devesos, Ortigueira”


Pensamos que encaixa moi ben a explicación do viciño de Devesos, amigo de Pepe Miranda, coa nosa teoría do VOLUME, ou “río das oito voltas”; e neste caso, a diferenza do MASMA, o nome do río procede das terras da súa orixe.
Nun texto que reproducimos aquí explica:

Entenderedes que para explicar o nome do UMIA, xa nas terras do Salnés, só temos que pensar no “río da VOLUMINA” en clara alusión tamén, ás voltas que o río debuxa polas terras da súa nacenza.

VOLUMINA > VOUMIA > UOUMIA > ÚMIA

E non resistimos a tentación de colocar no mesmo paquete de explicación a orixe do río ULLA , cuns razoamentos que deixamos para outro traballo.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.