A “Nomieira” ou “Lumieira”

A “Nomieira” ou “Lumieira”
Hai pouco recibimos unha mensaxe onde se expuña a necesidade de termos unha “liturxia” laica e galega para cando chegue o intre dun feito tan natural como é o falecemento dunha persoa.

Pareceunos correito non só, o termos un ceremonial para o pasamento, senón que debemos dar alternativas de rituais para o casamento,(cousa que moitas parellas inventan decote), así como para os recén nacidos incluirse como membros da sociedade galega.

Imos contar aquí o que artellamos cando nasceu a nosa filla.

Antes de nada, comentar que non concordamos co tratamento que o cristianismo lle da a unha crianza como portadora dun “pecado orixinal”.
A coitada, sen dicer nen “pío”, xa é merecedora do inferno.

Iste trato debeulle parecer tan esaxerado aos teólogos, que inventaron ise extrano lugar chamado de LIMBO, do que non sabemos se ainda estará vixente.

Tamén nos parece abusivo o que perpretan o xudíos e musulmás co feito da circuncisión; a par da monstruosidade da “ablación “ que se realiza sobre das meniñas.

Atacar a intergridade física dun meniño aproveitando a sua indefensión parécenos unha cobarde agresión. Así llo temos feito saber aos nosos amigos desas relixións , cando nos convidan á celebración dese acto e nos negamos a asistir.

Iles argumentan unhas supostas e sabias razóns hixiénicas, pero parécenos mais atinada a opinión de Freud,(xudío él) , que interpreta tal acto como un “intento de castración “,por parte da sociedade; que non chega a a levarse a cabo físicamente por obvias razóns, ainda que sí intelectualmente, ao longo da vida do rapaz ou rapaza.

As palabras xa o din tudo :

BAPTISMO, quer dicer MERGULLO na auga para limpar o suposto pecado.

CIRCUNCISIÓN , lida con ideas de corte ou castración.

Qué apuro teñen todas as relixións en meter loguiño aos años na grea !

Ainda que non teñan uso de razón xa lle vale,non vaia ser que se llo preguntan aos 18 anos non queiran entrar !

O NOME DO ACTO

Desbotados os chamadeiros clásicos, estamos no brete de termos que inventar un nome para a acción de pertencer un novo membro á sociedade galega.

Escollimos para tal feito o chamadeiro de NOMIEIRA ou LUMIEIRA, e velaí porqué:

Como é un acto de entrada, pensamos nunha PORTA, na porta dunha casa galega , da que sabemos que está formada por: Unha pedra no chan, chamada SOLEIRA , as ANTAS ou pedras laterais, que susteñen á pedra superior, que loce o nome de LUMIEIRA. E de onde virá ise nome de LUMIEIRA ? Pensamos que realmente procede da sua función, cal é ésta ? A LUMIEIRA é a pedra mais nobre da porta, alí usualmente está inscrito o ano de cando se construiu a casa, , o nome do dono ou unha frase piadosa.Xa en Compostela,adoitan a colocar unha vieira do Camiño Entendemos que esa pedra era a que os romanos chamarian a PETRA NOMINARIA ,pois alí se inscribía o nome do posesor da mansión. NOMINARIA > NUMIEIRA e daí a LUMIEIRA de hoxe en día. Así o chamadeiro de NOMIEIRA ou LUMIEIRA para designar a entrada dunha crianza na sua familia e na sua tribu está chea de connotacións positivas: O NOME do meniño /a,a PORTA de entrada,a LUZ do sol,….! Xa que temos o nome do acto, pasemos logo á:

ESCOLLA DO NOME DA MENIÑA

Hai, en España,unha chea de nomes de muller que mais ben parecen insultos ou maldiciós,velaí unha pequena amostra: Se lle poñemos de nome PILAR, haberá que por en consideración a pertinencia como nome ,de outros elementos constructivos como COLUMNA, TRAVE ou ENCOFRADO,… Se escollemos SALETA, por que unha virxe seica se apareceu nunha pequena sala, SALETTE en francés, ou ainda PORTAL, tema que adoitan moitas mulleres de Ribadavia,levaríanos a considerar como nome de meniña o de outras dependencias das casas como ÁTICO, ENTRECHAN ou DORMITORIO,… Qué lle diríamos a nosos amigos ingleses para explicar o apelativo dunha nena que se chame SOCORRO ?

Que o seu nome é HELP !

Para evitar a alarma social que provocaría o chamala en público,un amigo recurreu a berrarlle de,… SOCORRITO !

Mais truculentos son os nomes de DOLORES, ANGUSTIAS ou ESCLAVITUDE (tan venerado éste nos arredores de Padrón ).

Deixamos de lado nomes que xa condicionarían a vida da infante como SOLEDAD ou REMEDIOS, e pensamos en que problema psicoanalítico debe subxacer no fondo dunha relixión para colocar nomes tan macabros ás mulleres, por que os dos homes son mais levadeiros !

Desbotamos os exóticos Jennifer ou Vanessa, pensando que non lle aquecería ben, cando fose vella, o ser chamada de “señora Jenifer” ou “ señora Vanessa”).

Chegados eiquí, escollimos volver á nosa tradición e remeximos nos antigos documentos galegos onde aparecen os nomes das “donas” e fidalgas daquiles tempos.

Había un que nos engaiolaba, era OURODONNA ou OUROANA, ou sexa unha DONA OURO, que lembraba aquel nome da xornalista italiana ORIANA Falacci .

Pero decidimos recuar aos antigos nomes suevos que ainda locen polas nosas aldeas.

Así reparamos nunha muller conocida que levaba o nome de ILDA. Gostamos dél e engadímoslle un -H- por se algún día a meniña quere que sexa pronunciado coa aspiración galega, lembrando á sonada GILDA do filme.

Iste nome teñoo escoitado no Brasil, seguramente levado por portugueses do Norte, onde se escoita bastante ao mesmo tempo que no Sul da Galiza.

Tamén é o nome dunha sonada confeitaría coruñesa e traenos lembranzas xermánicas da HILDEGARTEN ferrolán.

Como xa temos o nome que lle imos dar ao acto de recepción na sociedade galega, NOMIEIRA; e o nome da infante, HILDA; só nos falta como armar a liturxia ou ceremonial, que deixamos para outro día.