A "Nomieira” ou “Lumieira” II

A "Nomieira” ou “Lumieira” II

Anteriormente propuxemos como nome da ceremonia o de NOMIEIRA, ou festa da imposición do nome.

Pensamos que chamar así ao ceremonial aporta connotaciós tan positivas como: nomear, porta de entrada ou luzada; ben mais animadoras que BAPTISMO ou CIRCUNCISIÓN.

Imos contar aquí cos seus erros e acertos, como montamos a festa, para que poida servir de inspiración para outros.

Entendimos todo o ritual no basamento de que un novo membro que entra na comunidade debe ser aceite por ésta nos seus diversos estamentos; por iso a palabras de orden serán: ACEITACIÓN e INTEGRACIÓN.

QUEN DEBE ACOLLER NA CELEBRACIÓN Á PERSOA RECÉN?

Entendimos que os primeiros deben ser a mai e o pai, logo a familila extensa, seguidamente o resto da comunidade.

CANDO FACER A FESTA?

Aquí pensamos que non debemos ter a présa que teñen as demais relixións para facelo loguiño, no noso caso esperamos casi un ano, para que a meniña puidese receber a homenaxe de cada convidado, en forma de colo ou agarimo.

Escollimos tamén o tempo de verán, por obvias razós.

ONDE E COMO?

Xa que era tempo de verán fixemos a festa na carballeira de Astureses, un lugar con certo valor simbólico para a familia.

Escollimos para nós e recomendamos aos convidados de viren vestidos co traxe tradicional.

Locimos as camisas e calzas de liño que compoñían o traxe de verán dos nosos devanceiros labregos, e do que todos deberíamos estar fornecidos para locir en eventos semellantes.

Como o número de convidados chegou a un cento e médio, arranxamos unha pequena megafonía que instalamos no coreto ou palco de pedra que había no campo da festa.

Compría unha persoa que informase aos convidados do sentido do acto, das suas partes e das actuacións que terían lugar.

Iste papel fixémolo os pais da crianza.

Presidía o coreto un cartaz de benvida co nome da meniña.

OS PAIS E PADRIÑOS

Unha vez chegados os convidados, os pais coa meniña no colo, móstranna a todos os presentes e designan aos padriños, que aceitan e acollen á crianza ao longo de todo o ceremonial.

AS FAMILIAS

Para representar ás famílias materna e paterna escollimos aos membros mais antigos, que no noso caso resultaron ser unha bisaboa e unha tía-aboa.

Aí puxemos en valor a idade e a veteranía.

Sobiron ao coreto e lanzaron cadansúa arenga de benvida e benzón da meniña, cousa que resultou moi emotiva.

O GRUPO DE IGUAIS

Unha vez recebida a meniña polos pais, padriños e familia, o seguinte chanzo no grau de intimidade da crianza entendimos que é o seu grupo de iguais máis próximo, esto é outras persoa de pequena idade.

Como, obviamente, unha menina dun ano ainda non ten unha bandiña de amigas ao seu redor, asumiron o papel as súas curmáns e unhas amiguiñas delas, un grupiño de nenas de 4 a 6 anos.

Vestidas de branco e cunhas coroas-guirnaldas de frores da mesma cor ao redor da frente, semellaban as ninfas do bosque que deron a benvida á crianza cun canto galego e un baile en roda ou ciranda, ensaiada previamente por Tamara Cristóbal.

Destacáronse do grupo as dúas curmáns portando señas travesas cubertas cun lenzo de liño, traendo unha delas unha peza de pan de Cea en tamaño infantil e a outra un par de buxainas. Tiñan o simbolismo de desexar á meniña vida farta e amena.

Semellante tamén a un acto de benvida que vivimos nunha vila do leste europeo, onde se recibe ao recén chegado cunha regueifa de pan en sinal de hospitalidade.

Pensamos que os convidados ben poden tamén armar unha ciranda maior contendo a roda das nenas e acompañar a cantiga.

A TRIBU

Entendemos que o que mellor representa o sentir da tribu non é a voz da poesía que é quen de conectar co inconsciente colectivo.

Daí que escollimos ao Vítor Viñal , un coñecido e querido poeta da vila, que exerceu como receptor da crianza na tribu carballiñesa.

A NAZÓN

Para recibir á meniña na nazón galega, tivemos a sorte de contar co inxenio, simpatía e xentileza de Xosé Lois, o autor da coñecida persoaxe do CARRABOUXO, que nos aportou unha cantiga que todos entonamos (previo pase en fotocopia).

Querida Hilda
Preciosa nena Benvida sexas á nosa Terra, Que teñas vida Que teñas pan Nesta nazón de Breogán.

E ainda fixo unha arenga poética de benvida evocando aos devanceiros ao traveso dos nomes dos castros da contorna.

Como peche do acto no palco, Roberto Sobrado cantou o tema de Fuxan, MEU CARRO, baseada no poema do benquerido Manuel María, cousa que moito nos emocionou!

O XANTAR

Foi concebido como unha merenda-cea.

Contratamos a un especialista en feiras e festas que nos aportou as mesas, os bancos corridos e a carpa.

A ementa foi a usual da montaña: Polbo á feira, empanadas, carne ao caldeiro e viño do Ribeiro amén de melindres caseiros.

O ditado popular reza: ” Se non sobrou, faltou!”, mais hai que ter tino para non encomendar un exceso de comida.

A MÚSICA

Desexábamos que a xente se expresase e cantase de seu; e ainda que a chamada á festa e o acto se fixo con gaitas pensamos que para cantar sería mais cordial o acordeón.

Contratamos a unha parella, que vestidos cos traxes tradicionais animaron a festa coas gaitas e o acordeón. A consigna que lle demos foi que non se erixisen en actores e a xente mirando, senón que acompañasen e animasen á xente a cantar e provocasen as cantadurías.

O TRÍPTICO

Como cremos que un acto tal debe deixar unha constancia escrita do seu acontecer, compuxemos un texto de catro páxinas, a base de fotocopiadora, que locía na portada un deseño de Filipe Senén aludindo a unha porta onde aparecía o nome da meniña na lumieira.

Unha paxina cunha breve explicazón do nome e sentido do acto. Outra páxina era unha foto da meniña cos pais e unha frase de benvida ao mundo.

E a páxina final era un sentido poema do noso entrañabel amigo Cesáreeo Sánchez.

En fin, así foi o fermoso recebemento galego que lle fixemos á nosa filliña fóra de baptismos e circuncisiós.