A muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade

A muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade

Pedíronme que falase da Muralla de Lugo, aínda que non é posible resumir nun artigo 1.700 anos de historia. Non en tanto tratarei de dar unha breve información sobre as súas características máis destacadas.

O Bureau do Patrimonio Mundial da Unesco, reunido en París no mes de xuño de 2000, cualificou a candidatura da Muralla romana de Lugo como "o mellor exemplo vivo das fortificacións militares romanas da última época", e recomendaba ao Comité do Patrimonio Mundial (CPM) a inscrición na lista de Patrimonio da Humanidade en base ao coñecido como criterio IV, que di:

"O ben representa un exemplo sobresaliente dun tipo de edificio ou de conxunto arquitectónico ou tecnolóxico, ou de paisaxe, que ilustra unha etapa significativa, ou etapas significativas, da historia da humanidade".

De maneira que a muralla non só é o monumento máis singular de Lugo, senón de fortificación da época romana. Construída posiblemente entre os anos 270 e 330, foi ao longo da súa existencia elemento defensivo, demostración da antigüidade de Lugo como cidade, eficaz tornaventos e un extraordinario paseo público desde o século XVIII. A súa construción afectou por primeira vez ao conxunto urbano dado que deixou unha parte de Lvcvs Augvsti fóra do seu perímetro, como a zona de Recatelo, cortou domus, como a do mitreo no vicerreitorado, e calzadas.

Foi declarada Monumento Nacional en 1921, e, de acordo coa lei do Patrimonio Histórico Artístico Español de 1985, é Ben de Interese Cultural. O 30 de novembro de 2000 a UNESCO incluíuna na Lista do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural. É monumento Patrimonio da Humanidade.

Características


O recinto é de planta cuadrangular, cos lados oblongos e os ángulos redondeados, incluíndo unha superficie dunhas 30 hectáreas. Ten un perímetro exterior de 2.678 metros, o interior é de 2.209 metros e polo eixo mide 2.266 metros. Os paramentos teñen unha altura variable, entre 8 e 12 metros pola parte exterior, debido á topografía, aos desmontes e recheos.

A anchura do adarve oscila entre os 4,50 e os 7 metros. Na Alta Idade Media construíron un castelo sobre o adarve que interrompeu o paso, que quedou aberto en1837 ao facer un bastión angular, o Reduto de Cristina, para a defensa da praza con canóns en plena guerra carlista.

Está formada por un núcleo de formigón hidráulico, similar ao opus caementicium, revestido con laxa de lousa, ao que se encostaron as oitenta e cinco torres que tivo, utilizando bloques de granito para as que gornecen as portas.

As torres e os accesos

O elemento fundamental de defensa eran torres de dous e tres pisos, dunha altura duns 3 metros cada un. Consérvanse sesenta e seis semicirculares, tres de sección rectangular de orixe baixa medieval e tres de época moderna. Faltan trece. A planta é semicircular, con catro ventás en cada un ou forinsecos, situados lateralmente para poder efectuar a defensa dos paramentos ou lenzos existentes entre elas mediante balestas, arcos e armas arreboladizas en sistema de fogo cruzado. Consérvanse dous na zona da Mosqueira, entre o Reduto de Cristina e a porta de San Pedro.

Para acceder ás torres, os soldados dispuñan polo interior dunha escaleira de dobre á, ou de dous tramos que desembocaban en cada unha delas. Nun momento que non coñecemos foron clausuradas tapiando a entrada e enchendo o oco con cascallos. Parten dunha determinada cota, que no seu nivel orixinal debía ser parecida pero hoxe debido aos estratos acumulados é variable.

Descoñécese como era o sistema de acceso ata a embocadura, aínda que por referencias documentais e arqueolóxicas sabemos que na época moderna facíase mediante unha escaleira que se desenvolvía apegada ao muro interior, pero en época romana parece que era un rampla, como nas murallas de Roma, segundo se acaba de descubrir nas inmediacións da Porta Miñá.

A entrada das escaleiras ten unha anchura que oscila entre os 2,25 metros e os 2,50 metros. O chan esta recuberto por grandes lastras de lousa regulares con lixeira pendente cara ao exterior. Ao fondo arrinca unha escaleira para cada lado, cuxo número de banzos varia segundo a altura que teñen que salvar. O ancho tamén oscila entre 1 metro e 1,50 metros. No ano 2000 descubriuse unha tipoloxía distinta de acceso, de tramo único, consistente en chanzos que parten desde a mesma embocadura ata o adarve.

Os accesos romanos non son utilizables polo público mostrándose como elementos arqueolóxicos do monumento. Actualmente para subir ao adarve utilízanse seis escaleiras e dúas ramplas, que adoitan estar nas inmediacións das portas, aínda que ata o século XIX usáronse algunhas das escaleiras orixinais.