A muralla de Lugo na Idade Contemporánea
Con este artigo remato a miña visión como historiador e como lucense da muralla romana de Lugo que fixen en catro artigos a petición dun lector que quería saber algo máis sobre este monumento que aínda hoxe segue impresionando pola súa fortaleza como construción, pois ten máis de mil setecentos anos, e sobre todo por ser a mostra máis evidente do pasado romano de Lvcvs Avgvsti.
Pero o mérito da súa permanencia non só é dos formidables métodos construtivos dos romanos, senón tamén porque sempre houbo lucenses que defenderon a conservación deste grandioso monumento, especialmente a partir do século XIX en que se puxo de moda derrubar as murallas que protexían as cidades, e que un progresismo mal entendido, consideraban que era un cinto que as oprimía impedindo o seu crecemento.
Murallistas e antimurallistas
Desde a o levantamento irmandiño de 1467, Lugo non tivo ningún episodio bélico, e por tanto a muralla, como elemento defensivo non recuperou o seu orixinario papel ata o século XIX, no que sufriu as consecuencias de varios episodios militares, como a Guerra da Independencia en 1809, o Trienio Liberal (1820-1823), a I Guerra Carlista (1833-1840), e o alzamento do coronel Miguel Solis en 1846.
A conservación ou derruba da muralla serviu para que polemizasen os lucenses desde dous bandos, ou dúas opinións contrapostas, o idealismo da xente culta (murallistas), contra o materialismo dos negociantes (antimurallistas). Os primeiros defendían os valores do monumento, e os segundos, vían nel un signo de vinculación cun pasado pouco brillante e un impedimento para o desenvolvemento urbanístico moderno.
O crecemento urbano e a hixiene pública, demandaba a derriba das murallas. Estes eran os falaces argumentos dos antimurallistas. Por contra, o interese arqueolóxico e histórico era aducido para a súa conservación por unha parte moi selecta e minoritaria dos lucenses.
Todos os informes técnicos feitos no século XIX e comezos do XX, concluíron que a muralla se debía conservar. Os murallistas rendían así o merecido respecto aos monumentos da antigüidade que profesaran os seus antepasados, como unha lección viva e permanente da historia.
O 8 de abril de 1905, un murallista, o veterinario Juan Rof Codina, publicaba no xornal local La Idea Moderna, un artigo titulado "Una cuenta alrededor de la muralla", cuxos argumentos intentaban facer desistir aos antimurallistas da súa atrevida empresa.
Para facer desaparecer a muralla era preciso transportar 1.573.900 carros de entullo. Supondo que se sacasen cen carros ao día traballando douscentos días ao ano, daba vinte mil carros ao ano, facendo falta máis de setenta e oito anos para a desaparición total da muralla, unha empresa que consideraba máis grande que as forzas do municipio e dos maiores contratistas.
Dos anos despois, en 1907, o que era bispo de Jaca, Antolín López Peláez que fora coengo en Lugo, dicía no libro De la diócesis del Sacramento, impreso en Barcelona:
Quizá no hay ya en España un par de ciudades que estén completamente rodeadas de muralla en perfecto estado de conservación. Lugo ha tenido la suerte de conservar hasta nuestros días un antiquísimo monumento que testifica el poder y genio de los romanos.
Pero a pesar destas recomendacións, os antimurallistas, segundo se dicía, "algún refuxiado no despacho da alcaldía", posiblemente referíndose a don Ángel López Pérez, seguiron atentando contra o monumento. Os murallistas traballaron para conseguir a súa protección legal, para impedir a construción de novos edificios apegados ao monumento e o derrubamento de cubos. O diario local La Voz de la Verdad, publicaba o 15 de maio de 1923 un artigo titulado "Nuestras murallas y ABC", respondendo ao publicado no diario de Madrid, polo crítico de arte e académico, natural de Monforte, Antonio Méndez Casal:
...estamos seguros que si algún día llegara a realizarse la quimera del derribo de las murallas -aparte de que sería tan obra de romanos como construirla- se avergonzarían de sí mismos los que tal herejía proclaman. Sobre no responder a nada útil, a nada eficaz, se cometería la irreverencia monstruosa de borrar para siempre el sello típico que distingue a nuestro pueblo, que lo singulariza, ya que el propio señor Méndez Casal reconoce que las murallas de Lugo son las mejores del mundo.
Monumento Nacional
O 6 de xuño de 1912, aceptouse no Congreso dos Deputados unha proposición de lei para que a muralla fose declarada Monumento Nacional. Froito desta proposición foi a real Orde do 11 de xullo de 1913, que tentaba protexela, na que se recoñece o seu valor:
Las murallas de la antigua Lucus Augusti, a pesar de las reparaciones hechas en ella a través de los tiempos, constituyen un ejemplo característico y raro de los escasos recintos defensivos que conservan en nuestra patria su circuito de época romana y material de laja, de indiscutible valor arqueológico e histórico, que debe de mantenerse aislado y exento de construcción o aditamento extraño que lo desvirtúe de toda su integridad en provecho de la riqueza artística de la Nación, como imán, para el fomento del turismo, máxime cuando no existe razón alguna que aconseje lo contrario, ni siquiera por motivos de conveniencia del ensanche de dicha ciudad, a la cual importa a buen seguro muy mucho ostentar tan hermoso monumento, construido, según el común sentir de notables organizadores bajo el mando de Trajano, dadas las numerosas inscripciones esculpidas en sillares de su fábrica, unas al descubierto y otras retiradas al hacer excavaciones a causa de trabajos de reparación.
A pesar desta disposición, a declaración efectiva non se fixo ata 1921, declaración cun punto cómico xa que o expediente iniciouse pola denuncia de cinco veciños que nunca existiron, pero cos seus nomes e apelidos, aos que o Consello de Ministros lles deu oficialmente as grazas por cumprir co seu deber cidadán.
Éntrase nunha etapa que se vai caracterizar polos intentos de eliminar as casas apegadas, que se inicia en 1953 e termina coa súa desaparición total en 1972, grazas a Ramón Falcón, alto funcionario do ministerio de Educación natural de Castro de Rei, que era subdirector xeral de Bellas Artes.
O recoñecemento do seu mérito, defendido ao longo dos séculos polos murallistas, veuse recompensado coa declaración pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade o 30 de novembro do ano 2000 en Cairns (Australia).