A muralla de Lugo da idade media

A muralla de Lugo da idade media

Na Alta Idade Media temos moi poucas noticias certas e algunhas referencias indirectas. O primeiro documento que cita a muralla é un epígrafe, o coñecido como Acróstico de Odoario, do último terzo do século VIII, posiblemente o seu epitafio sepulcral, que referíndose ao bispo restaurador da cidade e diocese, di que estaba asentado na soada sé e nobre basílica "desta preclara cidade fortificada" (oppidi).

A outra referencia esta escrita nun pergameo. É o testamento do bispo don Pelaio de 998, que di que fixo a igrexa do Salvador "xunto aos muros", é dicir, ao pé da Muralla. Esta igrexa posiblemente é a basílica que apareceu nunha escavación no ano 2005, entre o antigo Seminario de San Lourenzo e o Círculos de las Artes.

Protagonista na lenda


Nas lendas modernas a muralla tamén tivo o seu protagonismo por parte dos que querían dar lustre a súa linaxe. Parece que en 713 prodúcese a primeira incursión dos árabes coa presenza de Muza. A lenda di que a cidade foi asediada e que resistiu. Varias familias nobres xustifican as súas armas en proezas ou episodios desta época. Os Bolaño, din que estando a cidade cercada polos árabes, pediron protección á Virxe do Rosario e o cabaleiro lanzou desde unha torre da muralla un bolo de pan e un año. O inimigo entendeu con aquel xesto fachendoso que tiñan capacidade para resistir e os árabes levantaron o cerco.

Compre advertir que o milagre non se pode atribuír á Virxe do Rosario porque esta advocación non existía naquela época. Débese a santo Domingo de Guzmán que a creou en 1208. De Bolo e Ano tampouco vén Bolaño. San Martiño de Volanio xa aparece no testamento de Odoario (século VIII).

Outras lendas falan de que o cabaleiro tirou un atado de centeo. A man agarrando un feixe de espigas son as armas dos Lugo, Taboada, Gaioso, Pallares, Montenegro e Baamonde.

Lugo capital de Galicia

Lugo foi capital da Gallaecia, e posiblemente tamén doutra entidade territorial máis reducida, que é Galicia. Hai unha cartela sobre o arco exterior da Porta Falsa que contén unha inscrición moi desgastada e pouco lexible, que parece que fai referencia a que a cidade de Lugo foi capital do reino. Como non se pode ler ben non sabemos a que época se refire. Sabemos que Lvcvs Augvsti foi capital do convento xurídico lucense e posiblemente dunha provincia que se denominaría Hispania Superior Gallaecia, e que tería a súa orixe nunha segregación dos territorios da Hispania Citerior, dividida por Antonino Caracalla (211-217), dando orixe a unha nova provincia, que dependía directamente de Roma.

Lugo volveu ser a capital da gran provincia creada no século IV, con máis territorio que a anterior, que abarcaba o norte de Portugal, Asturias, Cantabria e o País Vasco, ata Soria e Segovia, aínda que isto está sen confirmar. Así que non sabemos se esta inscrición fai referencia á época romana ou á Alta Idade Media, porque os suevos estableceron aquí a capital do seu reino na segunda metade do século V.

Tamén se di que Afonso I (739-737). Estableceu a súa corte en Lugo e que de aquí saíu para liberar Tui, Braga e O Porto.

O conde Nepociano, que se rebelou contra Ramiro I (791-850) disputándolle o trono, din que asediou a cidade, e Ordoño II (914-924), escolleu Lugo como capital do seu estado, obrigando aos nobres a residir nela.

O Castelo do bispo


Estaba construído sobre a mesma muralla, era un dos símbolos do señorío episcopal e menciónase a principios do século XI. En 1034, Bermudo III e varios condes, xuran ao bispo don Pedro I (1022-1058), que non porán alcaide no castelo sen a súa autorización. De maneira que debía de existir no século X. Tiña barbacá polo exterior e polo interior. Debeu de aparecer co Burgo Novo. Á torre da homenaxe, que era unha da muralla, chámaselle a Torre de Augusto. Debeu ser contemporáneo ao de León, levantado en tempos de Afonso V (999-1028) sobre catro torres da muralla romana.

A Prta Castelli debeu de ser unha porta orixinal romana, que debido á súa localización sería a que comunicaba co cardo máximo que conducía ao foro. Esta porta reconstruíuse en 1583 seguindo as instrucións do mestre Gaspar de Arce Solórzano. Tiña ponte levadizo para pasar o foso. Foi tapiada con pedra e barro e en 1662 mándase que se faga con pedra e morteiro de cal para evitar que se abrise para pasar mercadorías sen tributar por elas.

No levantamento irmandiño de 1467, derrubouse unha parte que foi reconstruída sendo bispo don García de Baamonde na súa segunda etapa (1447-1475). O meiriño Fernán Pérez Parragués, chamou aos vasalos para que axudasen a levantala, segundo testemuñas do preito Tabera-Fonseca, que tamén din que lle impuxo unha multa de 70.000 maravedis ao rexedor Lopo Afonso do Campo "por certo roido que houbo", e que con ese diñeiro fixo unha torre da muralla "con sus almenas ata cima".

Á morte de Sancho IV, o seu fillo o infante don Felipe recuperou o señorío da cidade e construíu unha fortaleza con dúas torres sobre a porta de San Pedro, da que se recoñeceu posuidor o 13 de marzo de 1327. Encargou ao alcaide Rui Márquez, que á súa morte lla entregase ao bispo.

Enrique de Trastámara, irmán bastardo de Pedro I o Cruel, cercou a Fernando de Castro que era o seu adiantado ou gobernador para as terras de Galicia e León, durante dous meses.

Outro cerco soado foi o que lle puxo o conde de Lemos e señor de Ponferrada, don Pedro Osorio, que tiña por afronta que o gobernador dos Reis Católicos no Reino de Galicia, Fernando de Acuña, que tiña orde de reter no seu poder todos os castelos dependentes dos prelados, retivese o do seu irmán o bispo de Lugo don Alonso Enríquez ou de Lemos (1476-1495).