A muller nas peregrinacións a Santiago de Compostela
Cada vez que falamos de peregrinación a Santiago de Compostela ou lemos os relatorios das viaxes que deixaron algúns peregrinos, vemos como a historia da peregrinación pivota sobre a figura do home, do varón. Son poucos, tan poucos que parece que non existen, os relatos que nos falen de mulleres peregrinando soas. A figura da muller aparece vinculada, neste campo das peregrinacións, á do home. Se a muller peregrina é porque acompaña ao pai ou ao marido. Salvo casos moi concretos non hai peregrinacións femininas. Isto débese a que o varón, empregando as institucións eclesiásticas e civís, encargarase de que a muller non poda viaxar soa. Non por medo ao que lle poda pasar a ela en terras alleas senón por medo a que poda coñecer cousas e desexe independizarse. A igrexa e os gobernos estipulan normas que dificulten ou impidan a peregrinación da muller en solitario.
Se consultamos a documentación eclesiástica dos séculos XVII e XVIII veremos como son constantes as referencias e as ordes relativas a que ningunha muller viaxase soa. Como exemplo sérvenos un mandato do bispo mindoniense, frei Rafael Díaz de Cabrera. Trala súa visita o día 4 de maio de 1623 ao hospital de San Sebastián de Ribadeo ordéalle ao mordomo do hospital que manteña a casa "con moita limpeza e curiosidade e que atenda que os peregrinos nin ningunha outra persoa durma con muller algunha sen estar previamente casados". Para poder durmir xuntos deberán presentar a documentación necesaria que acredite que están casados, que debe vir firmada polo cura da súa parroquia natal. O que a igrexa pretende evitar con estas leis é que o Camiño de Santiago se convertera nun camiño de perdición. No relatorio que da súa peregrinación fai o cóengo Nicola Albani (1743) cóntasenos como nun hospital, no que estaba a durmir, dúas mulleres se intentan deitar con el, sabendo como sabían que el era crego, algo que non chegarán a conseguir. Esta anécdota relatada por Albani serve para exemplificar o medo que provocaba tanto no mundo clerical como no civil que a muller puidese viaxar soa.
A muller é o sinónimo do pecado tanto na concepción católica como no mundo clásico. Na relixión católica a causa de tódolos nosos males está no pecado orixinal cometido por Adán. Cometido por Adán si, pero inducido por Eva. Na tradición clásica a guerra de Troia, unha guerra meramente comercial, que buscaba estender o territorio de comercio da Hélade, foi xustificada pola traizón dunha esposa. Se en algo evolucionou o ser humano foi no campo das escusas, hoxe xustificamos as guerras ca busca de armas de destrución masiva.
Hoxe quero falar da pouca ou escasa repercusión que tivo o papel da muller como peregrina. Pensaredes que existe unha infinidade de relatos de peregrinos onde aparecen mulleres, é certo, como tamén o é que sempre aparecen no papel de "esposa de ou nai de". Son raros, moi escasos os casos de mulleres que levaron a cabo unha peregrinación en solitario, ou polo menos iso é o que recolle a documentación, pero que non aparezan recollidas peregrinacións de mulleres non quere dicir que non existisen.
No ano 1989 a doutora Marta González Vázquez escribía un libro titulado "As mulleres na Idade Media e o Camiño de Santiago", editado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública. Neste libro amósase como o papel das mulleres dentro do mundo das peregrinacións é moito máis importante do que se nos dixo.
Así sabemos que no ano 899 chega a Santiago o rei Afonso III para consagrar este novo recinto relixioso, xunto a el ven a súa dona Ximena, como tamén o fará posteriormente a raíña Elvira, primeira das mulleres do rei Ordoño II; ou Urraca, muller de Fruela II. Destacamos a viaxe que fixo en solitario, entendido sen a presenza do rei pero si acompañada de séquito, Fronilde, muller de Ordoño III, no ano 1045. Non é o único caso pois no ano 1065 a raíña Sancha, viaxa a Santiago soamente acompañada polo seu séquito. A finais do século XV a raíña Isabel, xunto co seu marido, o rei Fernando, realizarán esta peregrinación, tal vez para deixar claro, a quen non o tivese, que a independencia do reino de Galiza rematara. Cubriron esta viaxe, de humillación para o pobo galego, co manto da peregrinación ao señor Santiago.
Non so foron raíñas as que viñeron a Galiza polos camiños de Compostela senón que tamén santas. Tal é o caso de Santa Paulina, que peregrina no ano 1112, iso si acompañada de seus pais e do seu marido. Como tamén fará, no ano 1340, Santa Bríxida, a quen acompaña seu marido.
Tal vez o caso máis sobresaínte de santas peregrinas sexa o de Santa Bona de Pisa. Para coñecer esta santa recomendaría a obra de Annunziata Campa "Santa Bona de Pisa e a peregrinatio no século XII". A vida desta peregrina a Santiago ten algúns apartados que non acabamos de ver moi claros, como por exemplo que con 14 anos viaxe soa a Xerusalén a visitar a seu pai que estaba nas cruzadas. O que si se sabe é que no viaxe de volta cae presa dos musulmáns e é vendida como escrava a uns comerciantes pisanos que a devolven á súa patria. Para dar grazas pola esta liberación peregrinará a Compostela e dedicará a súa vida a facer de guía aos grupos de peregrinos italianos.
Quero rematar cas dúas peregrinaciós da raíña Isabel de Portugal. No ano 1325 viaxa a Santiago acompañada dun importante séquito, a cabalo e cargada de presentes para a Igrexa compostelana. Ao meu entender este é unha viaxe de representación política, non unha peregrinación, que si realiza en 1335, cando con un pequeno grupo e vestida de maneira sinxela viaxe a Santiago.
Algunhas mulleres non chegan a peregrinar ao longo da súa vida, pero deixan estipulado nos seus testamentos o desexo de ir a algúns dos centros de veneración. Tal é o caso de Maior Rodríguez, viúva de Pedro López de Mañente: no seu testamento dado o 27 de outubro de 1391 en Viveiro deixa anotadas dúas mandas interesantes "iten mando yr por min en romaria duas veses a Santiago de Espanna porque son sua romina e llo promety. Iten mando yr por min en romaria a Santo Andre de Teixido porque lle tenno prometido et que lle ponna enno seu altar huna candea tanmana commo he huna muller do meu estado".
Algúns poden pensar que non falei para nada de Exeria, aquela inquieta viaxeira galega que marchou cara a Terra Santa, e se non o fixen foi porque non sabemos, documentalmente, que Exeria peregrinase a Santiago de Compostela, aínda que nada nos fai pensar que non o fixera.