A memoria e as pedras

Hai uns días a Agrupación Cultural Auriense participaba na organización da presentación da carpeta Homenaxe Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010, unha reprodución da publicada no 1999 pola Asociación O Galo.
Un pretexto, plausíbel, o de recuperar dependencias da casa de Parada para as converter nun centro socio-cultural -inexistente, tamén, no Courel-, na morada final dos versos de Uxío... En definitiva, trátase do ofrecemento para o pobo galego dun legado que agarda acobillarse baixo a Fundación Uxío Novoneyra.
Hai tempo que, unha fundación xa existente, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, procura a recuperación da casa natal do poeta de Outeiro de Rei para a converter en Casa Museo Manuel María: versos, libros e pertenzas requiren o lugar inicial para manter viva unha herdanza de todos os galegos e galegas.
Nun País onde costa recoñecérmonos, nun mundo onde se desacredita calquera elemento diferenciador, é case seguro atoparnos con historias como as anteriores. Exemplificantes as dúas da dificultade que supón -simplemente- habitar, recuperar, darlle vida coa propia vida: pousar os versos que naceron do compromiso con esta nosa Patria e que angueiran só "o dereito á dignidade e á enteireza" (Manuel María).
Coma sempre o labor duns poucos repercutirá -agardemos- positivamente, nun tesouro común. Pouco hai que crear onde tanto existe.
Na terra doutro poeta, a de Curros Enríquez, rexurdiu novamente a idea de trasladar o IES a un novo recinto tras o anuncio feito no mes de setembro polo Conselleiro de Educación. O non novidoso proxecto de construción dun hotel de luxo no Mosteiro, regresaba a Celanova. Foi no 1842 cando o Estado español cedeu ao Concello de Celanova o Mosteiro para uso público. En 1975 o concello cede ao Ministerio de Educación parte do edificio para crear o Instituto de Celanova. Tendo claro que o destino máis nobre que pode desempeñar este edificio é o que se lle viña dando até o de agora é polo que se creou a Plataforma en defensa do uso público do Mosteiro de Celanova.
Porque incluso as pedras chaman por nós para poder ser parte da vida, non hai razóns que xustifiquen retrocesos nos logros colectivos, como tampouco as debería de haber para pór atrancos á creación ou consolidación de proxectos que traspasan a idea individual do artista para se converteren en creacións populares.
Cómpre, pois, alentar aos que con firmeza han facer posíbel que vaiamos, xa por sempre, de Celanova a Outeiro de Rei, de Outeiro de Rei a Parada do Courel por terras liberadas.