A marxinación de Galiza

A marxinación de Galiza

Intentan facernos crer a miúdo que Galiza é un país pobre. En consecuencia, é natural pensarmos que a situación de subdesenvolvemento é debida á fraxilidade da nosa base material, á carencia de recursos, ás nosas limitadas forzas produtivas, á incapacidade para xestionar o aforro propio..., unidos á falta de coraxe xeneralizada para saír da situación de atraso. Dirase que vivimos ben subsidiados, nunha especie de éxtase parasitario do Estado español, primeiramente, e a seguir da Unión europea. A realidade ten outras caras!

Con frecuencia temos que afrontar este debate ou algunha das súas faces con mozos e mozas que reparan nas dificultades do seu futuro laboral nunha Galiza que pouco ou nada lles pode ofertar e que os aboca a procurar traballo noutros lugares. Asúmese así, con lóxica, con escepticismo, cun individualismo feroz, sen amosar rebeldía xuvenil nin os mínimos sinais de insubmisión.

Pouco valor temos e teremos se non somos conscientes do papel que temos cumprido e cumprimos no Estado español e na Unión europea, se non somos conscientes de que Galiza ten potencialidades latentes e evidentes para chegar ao desenvolvemento, superando os factores causantes do seu empobrecemento. Con este punto de partida, e malia todas as dificultades, non hai situación económica que se configure como irreversíbel. De nada serve instalarse no escepticismo ou descargar culpas deste fado sobre un pobo que, se por algo se caracterizou, é por sobrepoñerse ás adversidades e resistir.

Repasando estes días a obra de Valentín Paz-Andrade, chegou ás miñas mans unha das monografía da súa autoría, que analiza a situación socioeconómica de Galiza e que resulta moi esclarecedora, non só por reafirmar as teses de que partimos, senón tamén pola súa visión integral desta problemática e pola súa vixencia. La marginación económica de Galicia foi rematada en Vigo en 1969 e publicouse un ano despois en Siglo XXI de españa editores, SA. Inscríbese na sección de estudos económicos e demográficos e, escrita en español, parece dirixirse a un público máis amplo que o galego, do Estado e mesmo de América, malia a tiraxe ser tan só de 3000 exemplares. A capa do libro vén ilustrada cunha imaxe de Castelao tirada do álbum Nós, mais sen o pertinente pé: En Galiza non se pide nada; emígrase.

A xulgarmos pola evolución da obra do autor, temos que considerala unha das principais da súa madurez, resultado equilibrado dunha preocupación crecente por analizar os problemas claves da realidade galega desde unha óptica multidisciplinar, moi enriquecedora do tema a tratar. De feito, segue a estela doutra, se ben superándoa en todos os enfoques, publicada dez anos antes en B. Aires, Galicia como tarea.

,Na que aquí nos ocupa, partindo dunha fonda convicción das posibilidades do pobo galego, analízase un período cheo de expectativas para o país, os anos sesenta, mais tamén se fan retrospectivas á procura das causalidades históricas dunha "marxinación secular". Tanto é así que -para alén da vixencia dos datos estatísticos- mesmo tería validez nas cuestións esenciais para os anos trinta ou para os noventa. O enfoque plural abrangue unha combinatoria das dimensións económica, sociolóxica e cultural interrelacionadas. O empeño responde ao espírito dun "rico polimorfismo" intelectual que anunciaba Vicente Risco nas Verbas limiares da revista Nós en 1920. Non en balde, as visións do xurista de profesión, compleméntanse coas do político vocacional, coas do analista económico ou o experto en programas de desenvolvemento, coas do artista escritor (ensaísta, narrador, poeta...). Cunha mestura de contrastes, de precisión analítica, retórica encubridora de certas conviccións ideolóxicas, enerxía dialéctica, a carón de evidentes doses de ponderación, oferécenos un engarce entre o pensamento económico dos nacionalistas do primeiro terzo do século XX (Peña Novo, Bóveda, Castelao...) e a nova xeira dos anos sesenta. Mais a linguaxe xa bebe das fontes actuais, acrecentadas por unha importante bagaxe de lecturas no eido económico e un considerábel aparato erudito.

A preocupación central do ensaio é Galiza; que Galiza teña máis peso económico e político no Estado. Partindo da consideración de dúas tendencias xerais, a que promove un desenvolvemento asimétrico e a do desenvolvemento distributivo e reequilibrante, non é xusto que existan nacións empobrecidas eternamente nin que a prosperidade ou opulencia dunhas se acade a expensas doutras. Esta é a tesitura en que se debateu Galiza desde hai tempo. O obxectivo, daquela, é que os galegos tomemos conciencia do problema, que adquiramos un pensamento lúcido sobre o que representamos e sobre o que queremos/podemos representar. A reivindicación susténtase nun dos máis elementais principios da lexitimidade económica, o do dereito das poboacións sobre os recursos locais do territorio en que viven, concretizado na necesidade de que eses recursos se transformen no mesmo emprazamento, constituíndo a base de instalacións industriais e servindo como fonte de ocupación para as forzas traballadoras do lugar.

Os grandes apartados en que se organiza o libro analizan a poboación, a marxinación da lingua, a marxinación do capital, a depresión do rural, o desenvolvemento da pesca e o eixo da marxinación. Este último, ademais do seu carácter conclusivo, incide nos factores de orde esóxena e oferece as alternativas políticas.

A respecto do problema demográfico, Paz-Andrade considera de principio a Galiza como "rexión económica superpoboada", o que constitúe unha premisa imprescindíbel para o desenvolvemento. Esfórzase en compararnos con países europeos de extensión semellante (Bélxica, Holanda...), mais que se viron favorecidos por outro desenvolvemento. A análise de causas e consecuencias da emigración ocupa lugar relevante como "macrofenómeno social", que non se explica sinxelamente polo principio de mobilidade da man de obra. Persistiu mantendo indefinidamente o atraso estrutural e afastando o estoupido das respostas conflitivas, en palabras do autor. Os datos que achega, detalladamente, sobre a emigración transoceánica do período que vai de 1900 a 1950 son dunha grande magnitude: 1.241.377 emigrados, só cun pequeno baixón na década dos trinta. Esta partida masiva, non ten contrapartida posíbel! É unha auténtica servidume e demostra que non se logrou reabsorber a desocupación encuberta que Galiza vén padecendo: "Cando a emigración chega a converterse nunha marea de séculos, cuxo nivel flutúa, pero cuxa resaca non cesa, é inútil buscarlle contrapartida". A resaca vívese aínda hoxe en carne propia, á luz dos datos que nos oferecen as axencias a comezos deste 2012: Galiza terá na vindeira década 113.000 habitantes menos; nas comarcas interiores a poboación maior triplica a poboación moza; máis da metade do noso territorio sofre unha situación crónica de subpoboamento...

Velaí o paradoxo de considerarnos "rexión centroeuropea", beneficiaria do Gulf Stream, esa líquida árbore térmica de correntes atlánticas que desembocan aquí, e que nos fan máis sensíbeis, máis melancólicos e máis creativos. Non se consola quen non quer!

No tocante á lingua, ao igual que nos outros apartados, non se oferece unha visión pesimista. A causa do idioma, que non se pode separar do contexto socioeconómico, ten sólidas razóns ao seu favor. Existe unha capacidade de rehabilitación, aínda que permaneza aletargada, subxacente. Esta potencialidade chámalle moito a atención ao estudoso que, nunha visión plurisecular, a define como "coeficiente de resistencia ao descastamento" e sentencia: "o pobo foi consciente de que a fronteira da súa personalidade está na fala e de que na resistencia estaba a salvación". A sorte dun pobo e da súa lingua resultan reciprocamente condicionadas. A colonización produce marxinación e frustración e, aínda que os métodos de asimilación, non conseguiron matar o idioma, si contribuíron a un empobrecemento económico e cultural irreparábel. En paralelo epifenómeno, a mesma marxinación e silenciamento que se proxecta desde fóra sobre figuras como Rosalía -pioneira na causa do idioma- ou Maragall en Catalunya. A meirande virtualidade que se lle concede a lingua é a súa proxección transcontinental, a magnitude das posibilidades comunicativas dentro da área lusófona, subestimada até o momento mesmo como oportunidade no plano económico.

Aínda que ás veces larvado e outras disfrazado dunha certa retórica, hai un nacionalismo palpitante ou, se quixermos, un patriotismo evidente na postura de Paz-Andrade. Polas circunstancias en que se expresa, é comprensíbel eludir unha radicalidade maior contra o poder imperial, o que el chama "corsé administrativo" do centralismo ou a crítica de Madrid como metonimia do sistema fronte á contrafigura de Galiza, plataforma natural e unidade económica potencial. Porén, non ten reparos en asumir, cara ao final do libro, a terminoloxía de Robert Lafont sobre a colonización interior, cualificando a nosa inserción no Estado español como colonial. O termo nación fica solapado por outros como "país" ou "rexión económica", habilitado para estes estudos. Acredita nunha posibilidade de reestruturación ibérica, nun posicionamento integrador fundado no diálogo, na convivencia, non na marxinación ou no illamento, no respecto polos feitos diferenciais. Pode loar virtudes teóricas do capitalismo como a suposta "flexibilidade", mais na práctica corrobora que produce desigualdade, desequilibrio e parece ideado para favorecer rexións a costa doutras empobrecidas.

,No terreo das realidades, non podía atopar exemplos máis ilustrativos que Galiza. O capital e as altas finanzas públicas e privadas só se acordaran dela para encher os seus ríos de encoros e "muxir os ubres do clima, convertendo a chuvia en kilowatios-hora". Un país que, malia ter esta riqueza, ficara á marxe dos procesos de industrialización e que vía como, con estes beneficios, se promovía unha industrialización extrarrexional en zonas xa industrializadas. Consideraba grotesco que, a carón dunha das principais aortas da produción agropecuaria de Galiza, o río Miño, coexistise indecorosamente a pobreza, a emigración en masa, cando puidera ter sido como as concas do Ródano ou do Rin. Funcionaba, iso si, o "milagre hidroeléctrico", mais con nulas repercusións positivas pois a mesma tarificación unificada prexudicaba as zonas produtoras favorecendo as consumidoras. O sacrificio de aldeas enteiras cos seus predios..., aínda non tivo compensación. Algo similar sucedía coas vetas de cuarzo, caolín, arxilas, feldespatos..., coa siderurxia malograda, coa minaría... Porén non é partidario dunha industrialización unilateral que descoide o desenvolvemento simultáneo da agricultura; non se pode manter unhas masas campesiñas marxinadas en condicións precapitalistas. Tampouco tiña reparo en criticar o que chamaba "olimpo das finanzas", formado pola transmigración de aforro das zonas de economía servente cara ás de economía dominante, onde se formaban os oligogrupos financeiros. A economía galega víase así privada do beneficio do que el consideraba unha sorprendentemente elevada taxa de acumulación de aforro privado.

No caso da pesca, constata que o dinamismo do sector non foi debido a "estímulos externos", senón ás potencialidades, á coraxe e aos sacrificios propios. Neste ámbito, Galiza é "a varanda de Europa mellor emprazada para a estratexia industrial" e debe aspirar a unha primacía case absoluta. Este dinamismo, porén, choca cun conxunto de problemas que o autor analiza polo miúdo: a decadencia das ostreiras, os atrancos da industria conserveira e de conxelados, a crise da sardiña, os problemas de mercado ou o baixo consumo de peixe.

En definitiva, os datos que achega, tanto deste sector como do agropecuario, converten Galiza na máis caudalosa fonte da despensa española e sostén que, en condicións semellantes, ningunha outra zona do Estado supera a nosa oferta, a nosa calidade e a nosa produtividade. Sen dúbida ningunha, para el Galiza é a despensa de España. E isto malia o proceso de desintegración da economía agraria, a mingua crecente de poboación activa no sector e os atrancos que teñen que afrontar a produción agrícola, gandeira (a única que se incrementa por estas datas) e forestal. É neste importante nivel da nosa economía produtiva onde Paz-Andrade atopa as maiores dificultades e problemas de cara ao futuro, abordándoo sen incorrer en tópicos ou simplificacións. O asunto daría para moito... Partindo do paradoxo que se produce, en palabras do autor, ao contar Galiza con condicións que non teñen, sen ir máis lonxe, outras partes do Estado, a salientarmos pluviosidade suficiente, temperatura benigna e calidade dos solos..., potenciais claramente desaproveitados. Xa Murguía censuraba, cen anos antes, que se condenara a agricultura, pese a ser Galiza un país eminentemente agrícola. No caso que nos ocupa son moi ilustrativas as comparacións con países que apostaron polo sector e tiveron un desenvolvemento a tempo (Holanda, Suíza, Dinamarca...). Entre os factores regresivos do agro galego, non considera determinante a dimensión dos predios e das explotacións, mais si a capitalización insuficiente e a falta de planificación técnica. Achega o exemplo de Xapón, un país que até a última Guerra mundial tiña unha agricultura tan primitiva como a nosa e cunha estrutura agraria de predios dos máis pequenos do mundo, que soubo facer unha aposta clara polo sector e logrou a diversificación da produción.

Sorprende, en definitiva, o pensamento dun home que viviu as diferentes etapas do século XX e que sabe analizar tan "friamente", no sentido positivo do termo, a realidade galega. A evidencia dunha Galiza rica, mais que vive pobremente, prostrada pola sangría continua de recursos humanos e económicos. A crítica sen paliativos da monarquía e do réxime autonómico, que considera mediatizado por un aparello unitario e centralista (gobernos civís, delegado de goberno, deputacións...) e que non pode satisfacer nin admitir ningún nacionalista.

Sempre puxo de relevo a súa admiración polo que chamaba "índice de resistencia do pobo". Nos días e meses previos á súa última hora (morre no hospital de Vigo o 19 de maio de 1987), o pobo galego saía á rúa por medio de tractoradas manifestándose contra as agresivas decisión do Mercado Común Europeo.