A historia non a vasoiran os anos senón o noso olvido
Que les? Un compañeiro dicíame o outro dia, que pergutaba isto, para coñecer as preocupacións que tiñas os seus amigos/as polas cuestións relacionados con Galiza. Boa pergunta. Pois facilítanos o ter certo coñecemento do estado das nosas inquedanzas e preocupacións. Que les? Practiquemos con nós mesmos esta pergunta e, a bon seguro, coñeceremos o noso interese por Galiza.
Aproveito esta pergunta para falarvos sobre as miñas lecturas destes días. Chegou ás miñas maos, un texto, dunha copia dun orixinal, dun escrito de Álvarez Sotelo. A copia está en español, pero teño a dúbida, sobre o idioma do orixinal. Nada coñecía deste home. Ao ir pasando as ringleiras de parágrafos cos meus ollos, a miña atención medra. Perdoade a miña ignorancia, resulta que estou tendo noticias de que Sotelo escribira unha Historia Xeneral do Reino de Galicia, entre os anos 1706-1712.
No que lin desta obra, follas soltas, xa que o manuscrito está, como a maioría da nosa documentación fóra do país. Neste caso hai dúas copias, unha na Real Academia de la Historia e outra na Biblioteca Nacional. Unha copia é do século XVIII e outra do XIX. Por certo, sería bon, que esta documentación estivera na Galiza así como os demais documentos históricos que lle pertencen. Que aínda hoxe, se nos poña impedimentos a ler sobre a nosa historia, por non contar cos documentos perto de nós, é un autentico atropelo.
Os textos da obra, reveláronme coincidencias co noso presente. E mirade que teñen pasado anos. Máis adiante comprobaredes por que digo isto.
Álvarez Sotelo, que era un xesuíta de Monterrei. No arquivo xeral da Compañía de Xesús, consta que o Padre Xoán Álvarez Sotelo naceu en Perrelos, Xinzo de Limia, no 1648, ensinando en Monterrei e Compostela, gramática.
Profesor de Gramática latina. Profesión que con toda seguridade contribuíu dunha maneira importante a lectura do textos en latín e grego, de Estrabón, Plinio, Ptolomeo, Dion Casio, Silio Itálico... que referenciaban a Galiza, e da que da probas na obra que escrebe.
Con toda seguridade as súas indagación sobre Galiza comezan moi pronto. O que lle leva a acumular durante moitos anos, as oportunas notas para logo realizar esa Historia Xeneral do Reino de Galiza, que nos aporta datos interesantes sobre a Galiza antes do 1.500, e a Galiza de despois da doma.
Hai que situar esta obra de Sotelo, nesa época en que se está formando o concepto de nación española, e polo tanto a maior época de falsedades históricas, coa intención de negar todo, agás a España totalitaria e unitaria. Xustificar o inxustificábel. Sotelo non está ao marxe dese tempo e a súa obra é tratada por algúns de apoloxista do patriotismo galego ou de conter graves falsidade.
Refutase, é cualificada de enganosa, por afirmar, que case a totalidade da nobreza da península é orixinaria da Galiza, ou por manifestar que fomos o primeiro reino. Tamén por defender que a Galiza chegaron personaxes vidos da Troia, logo da súa destrución, ou que se sempre permaneceron os régulos preromanos, xa que nin os suevos nin os romanos, destruíron na súa totalidade a estes. Igualmente por expresar que en Galiza e onde nace o idioma Portugués. Hoxe sabemos que hai cousas da súa obra certas e documentadas, outras terán que ser investigadas.
Ao meu entender, teñen grande importancia os escritos que mais próximos estean do ano 1.500, xa que con toda seguridade, os que os elaboran, dunha maneira obxectiva, están mais influenciados pola realidade ao tempo que reteñen mais fresca na memoria os detalles da sociedade e dos feitos acaecidos.
As inquedanza de Sotelo, as súas preocupación, abarcan todo o relacionado con Galiza: idioma, economía, xeografía, ou o comportamento psicolóxico dos galegos aparecen na súa obra.
Cando fala do idioma, expresase desta maneira.
Teñen daquela -en referencia a grega- moitísimos vocábulos (máis de seis centos (…) e a maioría dos nomes de montes, vales, ríos, cidades arruinadas, cuxos solos conservan o nome, castelos e casas solarengas antiquísimas (…). No se atopa pura senón entre os plebeus que nunca saíron do ámbito da súa aldea, nin leron libros españois, por que os nobres falan a castelán como predominante na España e os que saíron de Galiza, ou saben ler, mesclan vocábulos casteláns e estragan a pronunciación galega.
Como no se imprimen libros nela, por que os escritores españois de todas as nacións que compoñen esta monarquía escriben na castelán, no teñen o curioso por onde facer perfecto delas, mais poderán facer algún pola portuguesa. (…) por que a língua portuguesa é a mesma galega levada á Lusitana polos galegos.
na nosa lingua esquecida
nomais, que por ser galega"
Do potencial económico do país:
(…) ouro, prata, estaño, ferro, mármores, turquesas, xaspes, ametistas, enxofre, (…) e as producións en cereais, froitas, legumes e hortalizas (…)
Os mares Atlántico e Cantábrico crían tantos diversos pescados que fornecen aos máis Reinos de España, porteados por terra e por mar, frescos uns, secos outros e outros escabechados. Terra é –Galiza- para todo, e que necesita menos de outros Reinos que de ela, eles. A fertilidade extraordinario do terreo, ríos e mares de Galiza, non dubido estrañe o prudente lector a pobreza dos labregos e xentes humildes (…). A referencia aos nosos recursos son claras, e como aínda contando cos mesmos, mantémonos nun estado de pobreza. Deste modo describe a colleita de Seda nas Terras de Lemos (…) colleitase bastante seda no país de Valdeorras e en terras de Lemos e con ela se confeccionan finos dobletes, panos e varias outras cousas (…).
As causas deste estado de cousas, son para Sotelo:
1.- Os moitos tributos que pagan frecuentemente a S.M... Porque é ben notorio que contribúen ao Rei moito máis que ningún reino (…).
2.- Os gastos que engaden os arrendadores e as inicuas extorsións con que aos miserábeis molestan e consumen.
3.- As innumerábeis rendas que de todas cousas pagan a Mosteiro é Igrexas, a Señores e Príncipes, así seculares coma eclesiásticos.
4.- A cuarta e máis grave de todas que fai tamén aos fillosdalgo e cabaleiros notabilísimos dano, é estar Galiza desde os anos 1.500 gobernada e tiranizada, así no espiritual coma no temporal por estraños dos que traen a mala ventura deste Reino, a uns con nomes de militares, a outros con títulos de Ministros de Xustiza, a outros con administracións de rendas do Rei e de Príncipes, e a outros en servizo de Bispos e Abades, Monacais e de outras persoas principais, os que recollen inmensos tesouros dos traballos e suores dos galegos e enriquecen con iso ao seus deudos e parentes quedando Galiza exhausta e aniquilada.
Cando fai referencia ao sector maioritario da Galiza da época, os labregos, é contundente.
Van cada ano pola primavera (que no deberan) numerosas cuadrillas aos reinos de Castela, Andalucía e outros, a cultivar os campos, recoller os froitos e ganar (din eles neciamente) moito diñeiro en pouco tempo. Loucura frenética, desatino intolerábel, fuxen de Galiza os seus naturais (…).
Os máis dos labregos e xente humilde viven vida pobre e miserábel por que coma as terras e lugares pola maior parte son das Relixións monacais coma militares, das igrexas e señores, a cada paso con papeis (finxidos ou verdadeiros) quitan a uns as facenduelas, e a outros aumentan as cargas e pensións, de maneira que con todos seus afáns no alcanzan para pagar rendas e tributos.
Mais diranos que esta enfermidade é curábel ( …) a querer os pacientes e os médicos non é de todo incurábel a situación.
Fala dos primeiros mártires de Galiza, os de Pago Sarense.
(Restituto, Evodio, Prisco, Agatón, Crispulo, Orence, Vidal,) perto de Compostela... Deixa ben claro o papel de Ambrosio de Morales, no relacionado coa nosa historia, ao manifestar que na ara do altar maior de San Pedro de Antealtares, hoxe S. Paio había unha inscrición referente a tales feitos. (…) a que quitou o letreiro maliciosa ou neciamente o mortal inimigo das antiguidades de Galiza, Ambrosio de Morales. A inscrición é borrada no 1.601. Acreditan esta escritura varios escritores antigos e modernos. O mosteiro tamén sobre espolio foráneo, así as columnas que tiñan conta do altar maior, atópanse, dúas no museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, e unha terceira no Fogg Museum de Harvard, Cambridge, Masachussets (U.S.A), segundo di María Jose Calvo Martin.
E non podía faltar esa referencia aos aspectos xeográficos e fronteirizos da Galiza. Así se refire a súa visita ao Pico Sacro, ou Cova do Pico, que visitou o 29 de Agosto do 1689 (...) ten dúas bocas ou entradas fabricadas en peñascos durísimos, dos cales mira unha ao Oriente, apartada abaixo da torre máis de sesenta brazas: e a outra ao poente xunto a torre, aínda que está a parte setentrional do castelo en unha parte cara o Norte estende case nada ao monte.
Toma dos textos latinos, dos escritores mencionados neste texto, os suficientes datos para situar os límites da Gallaecia na época. Estes autores que menciona sitúan os límites da Gallaecia no Douro, polo sur e no monte Sospacio polo este.
Os seus escritos dan conta tamén da Lamas de Goá en Lugo, que nos meses de seca deixa ver os restos dunha cidade (...) pedras labradas e outras cousas que mostran a existencia alí de poboación e edificios.
Poño fin aquí, facendo referencia aos que comenta Francisco Elias de Tejada sobre a súa obra ”asombro causa al lector de hoy, habituado a casi tres siglos de menosprecio hacia Galicia clásica, topar con construcciones tan maduras, tan sazonadas de hispanisima galleguía y tan ciertas, si tenemos en cuenta los yerros en que se basó para edificar sus temáticas potentes. El padre Álvarez Sotelo podrá equivocarse en maneras de historiador pero es cabal en las líneas de sus sistematización.