A fraude do “gran pacto” lingüístico

A fraude do “gran pacto” lingüístico

A dignidade do pobo en forma de maré humana emanaba o 17 de maio por cada recuncho de Compostela en defensa da lingua de seu. Unha vez máis, Galiza demostraba que non renunciará ao seu idioma e que non deixará someterse por ninguén. Ao mesmo tempo, no Courel, Alberte Núñez Feixóo vendíalle á sociedade, coa Real Academia Galega de testemuña, "un gran pacto lingüístico" que non foi quen de concretar. Facíao como unha vía de escape ao novo éxito da plataforma cidadá Queremos Galego. Facíao como mostra de que lle proe a actitude combatente que practica a maioría social a prol da lingua.

O PP tenta enganar os galegos e galegas co ofrecemento no 2010 dun acordo de faciana propagandística que non recolle máis que unha lei básica datada do 1981. Para Feixóo, este consenso pasa pola cooficialidade entre o galego e o castelán, pola consideración da lingua galega como propia de Galiza, pola acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e pola aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Este "gran pacto" vén sendo o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, de 1981. Ante o estado de saúde preocupante que sofre o idioma, o Goberno só receita mínimos. No canto de ofrecer pura propaganda con esta proposta que carece de credibilidade, debería fornecerlle á cidadanía todos os resortes necesarios para podermos desenvolver os acordos lingüísticos xa asinados con anterioridade.

Amais de apelar a ese "gran pacto", Feixóo revelaba no mesmo día a súa hipocrisía ao subliñar que "todos os galegos aman a súa lingua, mais non todos o fan do mesmo xeito". Á vez, o PP enviáballes aos medios unha nota que cualificaba a manifestación de "festa da exaltación da imposición". Tamén resulta paradoxal que o mesmo 17 de maio no que Feixóo aseguraba "amar" o idioma, a Consellaría de Educación se limitase a anunciar a suba de axudas para o programa a prol do inglés "The world around us speaks English" -escrito de xeito incorrecto na nota oficial do portal da Xunta-.

Fica claro que nin Feixóo nin o partido que representa senten ningunha caste de afección polo galego, senón o contrario. Ao igual que todo aquel que non defende a lingua, os responsábeis do actual Goberno transmiten un complexo de inferioridade. Amar o galego non significa reprendelo, nin exterminalo, nin abominalo. E menos, desmantelar a súa oficialidade, obxectivo perseguido polo PP desde a Xunta, unha institución que segundo a lei ten o deber de erixirse como principal impulsora da lingua, nunca como a súa principal detractora.

"Ahora Galicia conecta contigo"

Non é necesario recorrer á interminábel listaxe de accións españolizadoras e de menosprezo á cultura do país que emprendeu o Goberno na actual lexislatura. Con camiñar pola rúa é doado bater con algunha desas medidas contra o galego. Mágoa que os medios de comunicación oculten a meirande parte delas e lle dediquen varias columnas ao "gran pacto" de fume proposto por Feixóo. Só unha semana antes da festa da lingua galega, o Executivo do PP amosaba o seu "amor" polo idioma cuns novos valados publicitarios instalados nas cidades nos que se pode ler: "Ahora Galicia conecta contigo", lema elixido para anunciar a Administración electrónica. Deste xeito, o Goberno -que pasará á historia como o primeiro en promover a publicidade en español- tenta facerlle perder ao galego un dos poucos espazos que dominaba en exclusiva, a promoción institucional.

Se Feixóo realmente quixer recuperar a xa de por si escasa lexislación en materia lingüística co "gran pacto" ao que aludiu no Día das Letras, tería que comezar por desistir da súa cruzada contra o galego e por recuperar a unanimidade acadada polo Parlamento de Galiza no 2004 co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A partir de aquí, poderíase negociar. Se realmente quixer rectificar, Feixóo tería que retroceder no amplo abano de accións contrarias á promoción do galego. De pouco serven as verbas se non se dota do mesmo status legal o galego que o castelán. Miles de cidadáns e cidadás vímolo reclamando nas multitudinarias mobilizacións ás que o Goberno de Feixóo tivo que enfrontarse desde o inicio do seu mandato. E seguiremos demostrando o noso civismo na rúa, porque a Galiza non a cala ninguén.