A falacia na conservación do patrimonio

No mes de setembro do ano pasado, cursei unha solicitude de obra menor ao concello de Baralla para obter o preceptivo permiso de restauración do lousado da casa familiar situada na parroquia de Penarrubia, que xa se encontra deteriorado polo paso do tempo. Pasaron os días e como a resolución demoraba, informeime telefonicamente polas causas. Respondéronme moi amabelmente que, debido a que a casa en cuestión se encontra cerca de determinados edificios catalogados por Patrimonio, era preceptivo o informe previo deste organismo autonómico. Fiquei sorprendido polo feito de que a carón da casa na que pasei a miña infancia existisen edificios catalogados polo seu valor histórico ou artístico e agardei sen maiores présas a que pasase o tempo e chegase a notificación do permiso pois tampouco son bos momentos os de inverno para obrar nos lousados. Ao mesmo, tamén me congratulei da preocupación que constatei nas distintas Administracións que nos gobernan polo coidado con que actúan para preservar a riqueza cultural que é de todos nós.
Por fin, hai poucos días chegou esa resolución e, con ela, o que antes eran en min desexos de saber que elementos histórico-artísticos existían na miña aldea dignos de protección e de recoñecer a preocupación dos nosos gobernantes para evitaren o seu deterioro, coa lectura do informe de Patrimonio que acompañaba a concesión do permiso dinme conta de que a miña confianza na responsabilidade das persoas que rexen os órganos aos lles encomendamos a protección do noso era absolutamente infundada e de que, ao contrario, carecen da menor preocupación por cumpriren medianamente co seu deber. Indícase nese informe que existen edificios relevantes que é preciso ter en conta para respectar o seu valor histórico-artístico: a casa reitoral, a igrexa parroquial e mais unha casa veciñal construída a mediados dos anos cincuenta do século XX. Para chegar a esta conclusión, as dúas administracións con competencias sobre permisos de construción necesitaron catro meses e non tiveron nin a precaución de visitar o lugar afectado, porque se se tivesen molestado en realizar unha breve visita decataríanse de que a casa reitoral non existe desde hai xa uns quince anos, cando se viu reducida a entullos por incuria tanto do propio bispado, o propietario deste ben, como da Consellaría de Cultura correspondente. Era unha harmoniosa edificación do século XVIII na que destacaba no primeiro andar un amplo vestíbulo aberto ao curral sustentado por fermosas columnas. Creo que a única vez que o bispado se preocupou deste ben inmóbel foi cando, xa en estado de ruína total, puxo á venda as valiosas columnas de pedra e mais algún outro elemento arquitectónico reaproveitábel. Non lembro nos máis de sesenta anos transcorridos da miña vida que endexamais se realizase unha obra de conservación deste edificio. Iso si, agora que xa non existe, as administracións encargadas do coidado do noso patrimonio din que queren protexela.
,Outro dos edificios catalogados que se citan no informe de Patrimonio é a igrexa parroquial. Malia ser no seu momento un templo renacentista de harmoniosa composición e constituír un dos poucos exemplos deste estilo no medio rural, desde hai anos tamén se encontra nun estado lamentábel de deturpación e mostra de tal maneira o desleixo das Administracións que se converteu nun auténtico paradigma do feísmo arquitectónico. Dous trazos visíbeis no seu exterior aborrecen a vista de quen se achega a Penarrubia ou de quen simplemente contempla o seu estado nunha fotografía como a que se ofrece canda este texto. ¿Como se permite a colocación na súa torre dun campanario reconstruído hai uns vinte anos e rematado nun chapitel de liñas arquitectónicas totalmente foráneas e coas paredes de tixolo sen recebar? ¿Cómo se explica tamén que treitos dos muros exteriores da capela maior e da torre se manteñan durante anos e anos encalados convivindo con outros de cantería e cachotaría ao descuberto?
O comportamento das Administracións neste caso non constitúe unha excepción e poderíanse recordar outros moitos aínda máis graves. Por citar algúns exemplos, en Betanzos existía unha fermosa casa gótica en estado de total abandono da que só se acordaron os responsábeis de Patrimonio unha vez que foi derrubada; o corazón da cidade de Ferrol contén un 65 por cento dos seus edificios abandonados e en ruínas; as desbrozadoras mecánicas de grande tonelaxe realizan traballos en Campo Lameiro e destrúen un petroglifo…
No albergue da Campa de Fieiró, nos Ancares, pódese contemplar un exemplar da pita do monte disecada que fora cazada nos anos oitenta por Fraga Iribarne, quen, poucos anos despois, había ser Presidente da Xunta de Galiza e, como tal, o máximo responsábel da protección do noso patrimonio. Desde hai dez anos, esta ave considérase oficialmente extinguida de forma definitiva “malia os esforzos da Xunta” na súa conservación. Isto é, primeiro provócase directamente a súa morte e logo ínstase a súa protección.
O mesmo está a pasar coa nosa lingua. No presente permítese a súa destrución, foméntase a súa extinción e logo, cando sexa tarde, promoverase a súa protección tamén con grandes “esforzos da Xunta”.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.