A esmorga, tamén un filme
Na zona vella de Ourense varias placas describen un roteiro que sitúa a visitantes e veciños nos espazos por onde o Bocas, o Milhomes e o Cibrán habitaron historias que co paso do tempo son tamén a historia da vella Auria. Eduardo Blanco Amor acadou coa súa obra "A Esmorga" traspasar os silencios do tempo.
Neste País tan sedento de iniciativas que consagren para a posteridade as obras dos nosos escritores, calquera migalla en canto a promoción das súas obras resulta benvida. O aceno da A.C. Alexandre Bóveda de Ourense para coa historia d'A Esmorga foi un acerto: o roteiro, seguindo as placas ideadas por esta Asociación, dan vida ao autor, á súa obra e á cidade viva das Burgas.
A finais do 2011, o director de Pradolongo, tén previsto comezar a rodaxe dunha nova cinta. Trátase de levar á pantalla "A esmorga".
Seica non terá que andar a mendigar axudas para a posta en marcha deste proxecto cinematográfico, xa que, tal e como reflicten os medios de comunicación, institucionalmente, vai ter apoio.
Ogallá este novo proxecto do director Ignacio Vilar poda acadar as boas críticas que con Pradolongo obtivo hai dous anos. Ogallá volvamos a escoitar dun filme galego que
"por ser a cinta que mellor reflicte os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais da cidade onde foi rodada e colaborou coa súa promoción como espazo escénico ao servizo da industria audiovisual" , acade recoñecementos como o IV Premio Cidade de Donostia Film Comisión, recibido na 56ª edición do Festival de Donostia.
Se a paisaxe de fondo en Padrolongo foi a comarca de Valedeorras, no caso d'A Esmorga cobrarán protagonismo a zona vella e arredores da cidade Ourense.
Dúas paisaxes diferentes en tempos diferentes.
Raquel, Armando, Martiño. Bocas, Milhomes, Cibrán.
Mais, existen paisaxes comúns alén do espazo físico onde se desenvolve a acción. Existen segundos planos que a cámara fixará para sempre. Existen patrimonios inmateriais cos que é posíbel a creación. A transmisión na nosa língua de guións cinematográficos, foi útil para nos contar a vida de tres adolescentes e vaino ser para se referir as andanzas de tres homes, nunha cidade galega hai máis dun século.
Para Ignacio Vilar, levar esta obra literaria á pantalla grande é, tamén, "mostrar a nosa cultura ao mundo".
Só o proxecto deste filme, xa promete.
Mentres non é posíbel visualizalo, aproveitemos estas primeiras choivas de outono para nos perder entre as follas deste clásico das nosas letras.