A ditadura do insensíbel


Se deus é un porco en potencia, un bufón ou unha puta, nós, vítimas desa educación católica represora, poderiamos considerarnos tamén putas, porcos e bufonas ou paiasos de cartón. Evidentemente, esta concepción dun deus sucio que recibimos do imaxinario particular de Georges Bataille -"Dieu est un bouffon, un porc, une pute en guenilles..."- é unha idea prestada que pode servir para achegarnos a esoutra da aprendizaxe que tanto nos inquieta.

Daquela, non imos deixar a frase incompleta, iso sería tendencioso. Vexamos entón como continúa Bataille: "(...) mais c'est aussi le savoir absolu. L'extase qui en fait l'experience..." .

Así é que, con moito tino, imos recoller esta idea dupla de deus. Un deus que pode ser sucio -"s'il le savait..."-, mais tamén un deus que habita na subxectividade, na intimidade sen fondo. Nun universo particular. E propio. Cada persoa no seu. Así é que de aí, desa intimidade múltiple, desa pluralidade subxectiva de todos e cada un dos "seres particulares" que conforman o conxunto do que se entende por "real", xorde a multiplicidade do divino. Haberá entón deuses a cachón.

Deuses de seda e de esparto, capaces de comer mulleres e negar tal inxesta. Deuses modestos e plenos de soberbia. Tamén tiranos: criaturas crueis, a pesar da delicadeza aparente. E pobres. E culpábeis...Todo depende. Isto é así, na medida en que o amplo "continuum" do que entendemos por "real", non deixa de ser un lugar de posibilidades diversas. Cada un escolle o que lle parece.

Eis a esencia da liberdade en termos actuais: eu son libre porque elixo. Podo entón afirmar que "son esta, e non outra" porque decidín "isto", non "o outro". Máis ou menos... Son pois a miña elección? Parece que, en parte, e dende un punto de vista práctico, pódese entender que si, que "elección" e "identidade" conforman unha peza única, sendo a primeira determinante para configurar a segunda. Porén, cómpre non esquecer algo importante: a "elección" depende, pola súa parte, da "capacidade de discernimento" que, sen dúbida, forma parte do proceso de reflexión.

Así pois, dedúcese disto que, dependendo das decisións tomadas, o individuo faise tigre ou flor radioactiva. Enténdase a metáfora nun mundo de brancos e negros que sataniza as diferenzas. Aprender a humanidade é o único modo que concebimos para superar esta ausencia do diverso no taboleiro sistémico que nos absorbe.

Procúrese entón este coñecemento e fágase del un deus sucio e incerto. Fráxil, con intención de "se deslizar", de atravesar todas as portas posíbeis e facer fronte a verdade. Tamén ao sentido común. Visibilícense ambas as dúas como o que son: auténticas ditaduras invisíbeis procedentes do imaxinario burgués, do mundo financieiro, certamente espeluznante.

Inténtese, polo menos, algunha acción contra este capitalismo gore. Apréndase o sensíbel. Búsquese, sen escusas, ese mesquiño ou mesquiña que nos afoga dentro, isto é, esoutra parte de nós que procede da aprendizaxe do "útil", do que entendemos por eficaz, produtivo e rendíbel.

,A SANTIFICACIÓN DO COÑECEMENTO PRÁCTICO

Un dos problemas que nos ocupan, neste momento, radica na "viaxe", nese tramo difícil que temos de percorrer para chegar aí, a ese "continuum", anteriormente mencionado, subxectivo e múltiple. En suma, a deus, un deus que leva consigo o saber absoluto que é, para o entendemento da colectividade na que vivimos inmersos, esencialmente falso, na medida en que posúe un carácter parcial, por particular, e, xa que logo, subxectivo. Inexacto. Pouco certo.

A subxectividade carece de rigor científico. Forma parte dun coñecemento intuitivo e, tristemente, en desuso, mais non por xerar unha "aprendizaxe incompleta", en tanto que particular, como cabería esperar, nin tampouco por se empregar outros máis acaídos -pois os "seres particulares", na meirande parte dos casos, non discorren apenas, tan só reproducen o pensamento alleo, sobre todo se este é considerado pola maioría como "racional", "lóxico", "útil", e, xa que logo, "produtivo". -, mais unicamente porque na concepción piramidal do coñecemento, este, o intuitivo, fica acantoado nos sotos.

Tendo conta disto, a pregunta que nos facemos é a seguinte, existe unha vontade de acadar a "soberanía do entendemento" que permita certa liberdade se suprimimos unha das vías que nos han conducir a ela? Poderíamos concebir unha rixidez no flexíbel? E a flexibilidade no ríxido? Si. Poderiamos. Tendo pois conta desta potencialidade nosa, a pregunta que deberiamos formular é máis ben a seguinte: quereriamos concebir a flexibilidade no ríxido? A resposta, sinceramente, nos preocupa. Os múltiples "seres particulares" das sociedades capitalistas menosprezan toda aprendizaxe inútil, dado o carácter instrumental que consideran inherente a aquilo que se pretende "verdadeiro".

Porén, a nós parécenos que a subxectividade tan criticada nos ámbitos académicos, habita en moitas áreas do coñecemento e mesmo podería ser considerada "útil", para os "instrumentalistas", en tanto que contribúe a fornecer o pensamento creativo, isto é, as artes e a poesía, por exemplo.

A pesar disto, consideramos que o propio pensamento práctico que se pretende "racional" vese contaminado pola subxectividade dun presunto "sentido común".

Daquela, a nosa pregunta é a seguinte, o rigor científico desta "subxectividade" inherente ao individual pensamento creativo, fronte a aquela que vai implícita no colectivo "sentido común", resúmese nunha vulgar cuestión numérica? Cantas inxustizas se cometeron ao longo da historia baixo o acubillo de ideas maioritarias procedentes dese "sentido común"? Os fascismos, por exemplo, teñen o seu berce aí.

Pero sigamos coa "instrumentalización útil" do coñecemento. Recoñezamos nel a tendencia á especialización. Concretemos entón, pasemos do "continuum" tan abstracto ao marco real. Fixémonos no ensino, en como, dende hai anos, intenta acadar ese obxectivo, de xeito que o alumnado centre os seus intereses en determinadas materias até o punto de infravalorar aqueloutras que, segundo se infire do currículo, non lle han servir para nada no seu desenvolvemento profesional posterior.

Por esa razón, as Matemáticas, a Física, as Ciencias Naturais e o Inglés, convertéronse en asignaturas de primeira categoría, quedando relegadas á terceira, ou cuarta, outras como Educación Plástica e Visual, Latín, Grego, Filosofía, Literatura, Francés ou Galego, por exemplo. Isto é así na medida en que tales materias son consideradas pouco, ou nada, útiles -tal é o caso do Latín, ou do Grego, especialmente-, pois os/as adolescentes opinan que estas materias non lles aportan nada en absoluto.

Así é que nas conversas coa rapazallada, son frecuentes preguntas como as que seguen: Para que estudar Latín se xa non se fala? Para que coñecer as consideracións de Platón, ou Sartre, se na vida laboral non parecen ter un uso evidente? Para que traballar a expresión plástica se non queren ser artistas? E a poesía, para que serve? Unicamente para complicar as cousas dándolle voltas a aquilo que non ten volta algunha?

Parece lóxico entón, inferir de tales cuestións que o alumnado asume o "sentido común" que cuestionabamos máis arriba. Isto é así na medida en que acepta un saber práctico, cuxo berce non é outro, nestas coordenadas espazo-temporais, que o "sentir burgués", un "sentir" que, non por ser democratizado, en apariencia, por medio dun termo como "cidadanía", pretendidamente neutral, pode ocultar a existencia de clases sociais e ser considerado obsoleto.

Así é que ideas como que unha muller ten de ter fillas, sobre todo se se achega aos corenta, que cómpre que se manteña nova, que sexa discreta ou pareza "refinada", forman parte do imaxinario dunha burguesía intencionadamente oculta nesa "aparente convivencia de clases" que, máis que convivir, se solapan.

As diferenzas incomodan, así é que a pretensión oculta é a de amalgama. En Occidente quérese a semellanza porque as certezas determinan todo. Condicionan a vida das persoas, así é que "obvio" e "evidente" son adxectivos moi frecuentes nos discursos moralistas daqueles, ou daquelas, que defenden a necesidade dunha "especialización" porque lles parece que favorece a existencia de profesionais "altamente cualificados/as".

Así é que, dende o seu punto de vista, o que debe saber un dermatólogo é tratar os problemas da pel, un cantante cantar e un profesor de matemáticas moita álxebra ou cálculo. Se comprenden ou non o valor dun cadro de Velázquez, Monet, O Bosco, Cézanne, Picasso, Modigliani, Hopper ou Chagall, non importa. E, a verdade, en principio, así é. O acné xuvenil nada ten que ver co cubismo ou co hiperrrealismo. Porén, esta "non-relación" entre as ciencias e as humanidades é unicamente aparente na medida en que todo está relacionado. Pensemos, por exemplo, na proporción áurea, estudada en matemáticas, que ten servido para a creación de estatuas ou a construción de edificios. Do mesmo xeito en que o ritmo dos versos depende do número de sílabas e dos acentos.

Así é que, a pretensión de separarmos en compartimentos estancos as distintas asignaturas, obedece á intención de levarnos ao concreto, á utilidade, á inmediatez. A consecuencia disto é a insensibilidade.

No sistema esducativo non se aprende a pensar, unicamente a obedecer. O alumnado vese infantilizado nas aulas onde a reflexión é inexistente, pois cada mestre se ocupa de dar o seu temario, con coidadoso afán, e calquera digresión ou relación con outra asignatura parécelle absurda, por romántica, e, consecuentemente, utópica.

A filosofía esquematízase nunha lista de autores e as súas principais características, pois xa é traballo dabondo impartir esta materia no bacharelato como para poñerse a analizar se existe, ou non, a día de hoxe, unha "escravitude invisíbel", por exemplo. Tal cousa é política. A competencia fomentada como modo de supervivencia non o é.

Daquela, é esta falta de relación tan esaxerada, a que nos leva a meditar sobre a mesma. Desta reflexión xorde a idea de que, tal vez, as preguntas nolas deberiamos facer primeiro nós, como educadores/as, para, posteriormente, achegalas ao alumnado, mudando ese instrumental "para que", por un moito máis construtivo "porque".

Así é que, porque prestar atención á filosofía? Porque ler poesía? Porque coñecer a arte e a política? Antes de mudar a perspectiva é imprescindíbel cuestionala, ir, como diría Bataille, ao fondo da angustia, á raíz. E a raíz de todo é o medo.

Temos un medo atroz a mudar o noso "modus operandi" na aula. Somos acomodaticios/as e covardes. Asumimos a mentira da neutralidade dos espazos destinados á educación porque nos convén facelo. É menos conflitivo. Aprender a unha rapaza ou un rapaz a pensar, pasa por lle romper os esquemas, en apariencia estáticos, e, de certo ben conservadores. Porque pasar ese traballo, se dirán os/as inmobilistas? E porque non, diremos nós?

A necesidade de xerar un pensamento crítico é urxente. Se no canto de ver as conexións entre as diferentes materias de estudo, nos empecinamos en destacar o que as separa, deixaremos de lado a sensibilidade social e artística que contribúen a fornecer espíritos libres, non mecánicos nin submisos.

O pensamento fascista caracterízase pola tendencia á exclusión, ao menosprezo polas diferenzas que leva implícito un sentimento de certa superioridade moral. Tal sentimento de superioridade está presente no "protoalumno capitalista", un potencial robinsón egoísta que se fai, é ben certo, inquietante aos ollos das persoas máis sensíbeis. Ao noso modo de ver, cometemos algún erro na forma de impartir as aulas e na nosa relación cos pais e nais. Cremos isto na medida en que a asignatura máis difícil non se aprende. O egoísmo e a ausencia de conciencia social aumenta de xeito inversamente proporcional ao carácter mercantilista e ao individualismo desbordante. Temos medo de falar de política coa rapazallada pero non sentimos pánico ante a morea de deuses tiranos e mesquiños que estamos a fabricar? Curioso, certamente.


O FUTURO INSENSÍBEL: A CRUELDADE SUTIL

Existe un mundo nas sombras, un lugar terríbel destinado á crueldade, ao frío, á miseria. A usura. É este o lugar que habitan os ignorantes, sendo estes, cómpre aclaralo, aqueles e aquelas que carecen de sensibilidade, de empatía. De xenerosidade. Así é que viven aí dentro grandes mentireiros, cínicos, hipócritas, egoístas, soberbios e cutres. Todos eles -e elas- saben ler perfectamente. E escribir. Algúns son expertos en física, en matemáticas, en arte, cinema, poesía ou teatro.

Saben moito. Ninguén o dubida. Especializáronse nalgunha materia e gozan por iso do respecto da colectividade, mais moitos deles -ou delas- apenas o practican, pois son incapaces de amor. Ignoran o desprezábel que resulta o trato que lle dispensan aos demais, sempre dende esa distancia que os fai "grandes" e que constitúe, ao noso modo de ver, un claro sinal do seu sentir aristocrático, alimentado polos servos -tamén polas servas-.

Son segregacionistas, pois elixen colocarse por riba, estabelecendo unha separación que segrega verticalmente en binomios como arriba/abaixo, intelectual/manual, obxectividade/subxectividade, razón/imaxinación, obxectividade/intuición, masculino/feminino, soño/realidade etc. Daquela, en tanto que segregan, son fascistas intelectuais que descoñecen o ruído no estómago da pobreza. Metidos nunha esfera de cristal, perderon hai moito o contacto coa realidade. Así de triste, así de violento.

Estes "separadores separatistas" séntense entón por riba e xamais tocan a alma das persoas, esas que tanto mencionan nos seus discursos. Porén, nós, xustificámolos. Intentamos darlle explicacións complicadas a realidades ben sinxelas. O problema da dicotomía escravitude/servilismo afecta principalmente ao persoal e deriva dunha formación académica que inutiliza os afectos e cobre con "expresións formais" a absoluta carencia de delicadeza. Moitos destes monstros pululan polo planeta, mais eles nin o saben.

É esa é a auténtica ignorancia: descoñecer o tirano aristocrático e hipócrita que latexa en cada "ser particular" e non poder convertelo noutro ben distinto. Como ben dixo Adorno, "Non cabe a vida xusta na vida falsa". É esta falsidade a que nos fai cómplices do abuso. A que presenta os monstros disfrazados de flores. Os egoístas de honrados. As mecánicas de cumpridoras. Os obedientes de civilizados. Ás prexuizosas de realistas.

Realismo é sentido común, subxectividade colectiva e separatismo. Cinismo con rasgos fascistas.