A derradeira lección de Castelao e a última de Zizek

A derradeira lección de Castelao e a última de Zizek

O rexeitamento do PP da ILP de difusión da obra de Castelao pon en evidencia o que sospeitábamos sobre o estado da cuestión e é una argumento máis de xustificación da propia iniciativa, así como da necesidade de tomar en serio este tema e implicarse nun traballo intenso de rehabilitación deste autor.

Hai anos o PP non se atrevería a tanto nin o nacionalismo se vería obrigado a presentar unha iniciativa de mínimos tan asumíbel. Só se lle pedía colaborar coa accesibilidade a Castelao. Pero o traballo de demolición está moi avanzado e xa ninguén se escandaliza. Para escandalizarnos xa nos serven periodicamente imaxes dun Estado Islámico dinamitando Palmira e outros bens patrimoniais da humanidade. Os bárbaros son os outros. Os nosos civilizados gobernantes fan varrer do ensino a nosa lingua e non merece a atención dos mesmos medios.

Mais coñecíamos que o PP tiña ese programa oculto e que só agardaba a oportunidade de levalo a cabo. Non tiñamos problema en traballar cun PP que se vía socialmente obrigado a asumir o uso da nosa lingua ou algunhas actuacións a prol da nosa cultura, aínda que sospeitábamos que o día que baixáramos a presión volverían a botarse ao monte. O problema é precisamente que baixamos dita presión. Que aconteceu?.

Pois para iso teríamos que mirarnos ao espello e non abonda consolarse botándolle a culpa ao feito de ternos tocado unha dereita de tradición antidemocrática e de aspiracións etnocidas.

O primeiro que compre dicir é que a restauración de Castelao non é un acto de divertimento arqueolóxico gratuíto nin de evasión do deprimente presente cara un pasado glorioso. Certo que todo o que nos axude a recuperar a memoria é o primeiro paso para saber quen un é. Mais para chegar á autoconciencia quizais non haxa autor que achegue máis carga teórica e práctica que Castelao. E ademais, non só nos permite situarnos como requisito indispensábel para pensar/crear por nós propios, tamén demostra teses que hoxe empezan a ser asumidas e recollidas na filosofía actual (filosofía da liberación, intercutluralidade, pensamento postcolonial, etc...) como única saída ao estancamento no que caeu a intelectualidade occidental.

Que nos pode dicir Castelao á esquerda do século XXI?. Iso supoño que é o que se preguntarían algúns cando decidiron poñer en boca súa o contrario do que lle dixo á esquerda do século XX. Vimos como o usaron o seu nome para lexitimar a traizón ao país e a entrega ás forzas invasoras coa escusa da recuperación dos stalinistas “frentes populares” (de recuperar os frentes populares porque non propuxeron recuperar a Stalin?).

Esa bomba nun símbolo nacional coma este non a detonaron os do PP. Tamén é certo que os exnacionalistas puideron facer isto porque os nacionalistas non opuxeron moita resistencia. Porque se “Castelao é noso” que necesidade hai en reivindicalo?. Aínda que quizais non se trate tanto de reclamar a súa propiedade como de dar coñecer o que significa. De nada vale que se identifique a Castelao coa nosa causa se ninguén sabe quen era Castelao. E unha vez que se ignora o que pensaba nada impide que se lle dea a volta, como aconteceu nas Europeas, para usar o seu autorretrato nas bandeirolas para pedir o voto por Izquierda Unida. Un adobío vintage para eles, unha profanación máis para os fieis que aínda lle quedan ao autor do álbum “Nós”.

Mais a sociedade de consumo actual baseada na obsolescencia programada ten logrado interiorizar nas masas a concepción de que a última versión é superior a anterior, e o móbil de última xeración resolve todos os problemas que os outros tiñan. Xa non se ven películas de máis de 5 anos e non se len libros de máis de dous. E os partidos que se crean nos últimos meses serán sempre mellores que os “tradicionais”. É unha presión sociocultural que se estende a todos os ámbitos da vida e a política é un dos ámbitos nos que ultimamente ten unha incidencia máis preocupante. Así, a nivel mundial tamén se pregunta a esquerda: que nos pode dicir Lenin hoxe?. E hai quen respondeu. Se nada do que dixo vale. Poñamos nós na súa boca o que nos interesa en cada momento.

Cando Zizek saíu na defensa de SYRIZA lembrando a Lenin e a paz de Brest-Litovsk (fronte a Yanis Varoufakis e as súas declaracións de que a capitulación de Tsipras semellaba o tratado de Versalles) acordeime dun texto deste autor que eu interpretara en sentido contrario, e mesmo o que coñecía da biografía de Lenin a respecto da sinatura da paz por separado con Alemaña nas condicións vergonzosas que lle impoñía esa superpotencia. A conclusión a que chegara naquel entón daquelas lecturas era que Lenin, quen mesmo ameazara con marchar para a casa senón se facía o que el propuña, consideraba que o prometido de “pan e paz” debía ser cumprido, e el non estaba en política para simplemente recambiar ao Tsar por el, e seguir a facer a mesma cousa. A política para Lenin era precisamente disparar contra os reloxos, rachar a continuidade. Non en tanto, o que fixo SYRIZA semellábaseme máis á obra de teatro “A engrenaxe” de Sartre, na que uns revolucionarios no poder eran visitados polas potencias que impuxeran as políticas das anteriores autoridades, e logo de escoitalos, chegaban a conclusión que só podía facer o mesmo que viña facendo o goberno que acaban de derrocar.

Son lecturas de hai anos e quizais estou equivocado, só queda o recendo, a impresión, o estado de ánimo que reflectían. Un estado de ánimo, o de “A Engrenaxe” que me recordou o dunha amiga grega que aínda non superara o shock post-referendo que me dicía amargada e afundida: “É que Tsipras non pode facer outra cousa”. Fronte a isto o propietario dun restaurante máis pragmático confesábanos: “os políticos son todos uns ladróns, por iso eu teño os cartos en Zurich”. Fatalismo de diferente signo. Mais o primeiro é un fatalismo dos antifatalistas. Dos que se mobilizaron polo “OXI” e se ilusionaron co “si se pode”, para que ao final lle contestaran cun simple: “se hace lo que se puede”.

E Zizek insiste: “Estou farto desa esquerda que nin sequera quere gañar”. E eu non podo evitar que veña a miña mente a imaxe desa obra de Castelao que reclamamos na ILP que o goberno Galego rescate dunha escura oficina da cidade de Bos Aires. E vexo a Bóveda asasinado na súa “Derradeira lección do mestre” e aos rapaces que miran para abaixo e para atrás facendo unha forma de frecha coas árbores do camiño en dirección ao porvir. E acórdome dos vencidos. Non porque quixeran, senón porque os traizoaron e os abandonaron os que acreditaban que a salvación vería do futuro ("ningún vento virá do futuro", Uxio Novoneyra).

Daquela tamén se dicía que o fascismo era a única novidade que daría respostas aos problemas novos. Mais, cando se fai esa rotura antropolóxica evolutiva que fai pensar que o ser humano é diferente do que era hai un século, tampouco costa traballo estender esa diferenciación diacrónica a desigualdade sincrónica que se pretende lexitimar. Mais o ser humano de Tomé de Aquino, aquel que era reivindicado por Bartolomé de las Casas para denunciar o maltrato dos indíxenas, aquel que sangra en palestina ou pasa fame en Etiopía, aquel que é torturado en Colombia e é tiroteado pola policía en Baltimore, non é substancialmente diferente. É mais, a súa derrota fainos moi semellantes -como dicía Celso Emilio en “Irmaos”- e, desde logo, non se equiparan por borrar o que cada un é na súa diversidade, senón por afirmar o que os fai diferentes como trazo fundamental da especie en canto creadores permanentes de identidades.

Zizek agora dinos: “Si, son un grande oportunista”. E eu penso que isto non é o que dicía hai uns anos. E un que non é perdedor por gusto, acórdase de Castelao e atopa que o que dixo hai 70 anos vale hoxe, e lémbrase de aquel treito do “Sempre en Galiza” sobre os que andaban a última moda que viña de pasar. Que cada quen saque as súas propias conclusións.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.