A cultura desde os concellos

A cultura desde os concellos

Coa configuración dos novos gobernos municipais o vindeiro sábado 11 de xuño un bo número de compañeiros e compañeiras terán que asumir responsabilidades de goberno na área de cultura de moitos concellos. Antes de se poñer a traballar coas mellores intencións e seguramente poucos medios ha de resultar interesante e útil coñecer con certa calma o entorno no que nos movemos e as posibilidades de traballo que este nos ofrece. Trátase, simplemente, de se preguntar, antes de pasar á acción, que cultura queremos fomentar desde os concellos e ao servizo de que modelo de sociedade.

A política cultural que os nosos concellos precisan non pode seguir instalada en modelos caducos, centrados fundamentalmente na xeración de oferta cultural para espectadores pasivos. As mudanzas sociais, a extensión do uso das novas tecnoloxías e os cambios nos soportes e formas de acceso a unha boa parte da produción cultural non poden ser obviados hoxe en día á hora de pensar e planificar a nosa acción política no ámbito da cultura.

Como nacionalistas, queremos unha cultura rica, diversa e plural, con vontade formadora e transformadora, comprometida coa promoción da nosa lingua e identidade, aberta e dialogante co alleo desde o coñecemento fondo do propio. Unha cultura que se manifesta en dimensións diferentes, todas elas necesarias: a da creación artística, a da produción cultural, a do patrimonio e o turismo, a de vertente máis social e popular. Unha cultura, tamén, útil no desenvolvemento persoal, que acredite na capacidade das persoas para se conformaren no alicerce do progreso socioeconómico do territorio. Queremos, en definitiva, unha sociedade máis consciente, máis crítica e con máis autoestima.

De facermos nosos os obxectivos devanditos, as políticas culturais que se desenvolvan desde as nosas áreas deberían apostar -e moi especialmente nas vilas e concellos pequenos- por un modelo de implantación sociocomunitaria, con programas e servizos culturais planificados, compartidos con outros axentes e que poñan o acento na participación e protagonismo dos cidadáns e na experiencia vivencial da cultura por parte dos mesmos. A acción política cultural ten, desde esa perspectiva, que procurar activamente unha entente común con outros departamentos e espazos: co ensino e coa educación, co benestar social e coa igualdade, coa defensa do medio natural e do patrimonio, co traballo pola diversidade cultural e lingüística, cos movementos de cooperación e solidariedade internacional, ...

Fronte á mera programación inconexa de propostas espectaculares, debería resultarnos máis interesante e socialmente rendíbel o desenvolvemento de políticas culturais orientadas a, en primeiro lugar, garantir o protagonismo dos cidadáns nos procesos culturais (entendidos como experiencias abertas e vinculadas coa realidade social, cultural e económica do territorio) e, en segundo lugar, favorecer a discusión pública dos valores e ideas que propoñemos, a través da súa concretización en intervencións próximas á veciñanza. Que as políticas públicas asuman hoxe este papel non só é desexábel senón tamén necesario: se a cultura desde o ámbito público non traballa e aposta por ideas e valores alternativos, os hoxe dominantes serán trasladados á sociedade -fundamentalmente a través das grandes industrias da comunicación e do lecer- como os únicos posíbeis e os únicos desexábeis.

O que dicimos pode parecer complexo, mais non é tanto. Falamos unicamente da necesidade de, cada un na súa escala e posibilidade, rachar as rutinas herdadas e dedicar o tempo que sexa preciso a pensar ben que queremos facer. Antes de nos poñer mans á obra, definamos e contrastemos colectivamente as ideas forza e os obxectivos do que vai ser a nosa acción de goberno, para que a posterior escolla das manifestacións artísticas, actividades e proxectos concretos a desenvolver se realice en base a esas ideas forza e resulte eficaz e coherente en relación a elas. Os liñas de traballo que poden nuclear as nosas programacións non deberían soarnos estraños: patrimonio, creatividade local, recuperación da memoria, lingua, Galiza nación, internacionalismo, diversidade, igualdade, historia local, ... Se estes son os ques que nos interesan, os xeitos de traballalos conformarán os diferentes comos polos que podemos apostar. Atrevámonos a innovar, procuremos xente capaz e profesional e tamén, por suposto, vexamos que cousas interesantes se fan noutros lados.

Algúns exemplos

Na identidade afóndase fomentando a recuperación da memoria das parroquias, a través das historias de vida dos seus veciños. Ese traballo, realizado por grupiños de xente nova, incide na autoestima dos seus protagonistas e pode dar pé a unha exposición, á recuperación ou actualización dunha festa popular, á creación dunha fototeca ou arquivo, a unha web .... Por suposto, as áreas de Mocidade, Benestar Social e Cultura deberán colaborar para, man a man coa veciñanza, sacar adiante o proxecto, que ademais reportará maior coñecemento e contacto do medio aos responsábeis políticos de quenda.

O benestar, de por parte, pode traballarse favorecendo que a xente se reúna. Para falar, para compartir momentos, para desafogar. Un circuíto de ximnasia de mantemento nas escolas e teleclubes dos diferentes lugares, rehabilitados e acondicionados, ha propiciar beneficios físicos, ben seguro, mais tamén e sobre todo psicolóxicos. Precisamos romper as nosas rutinas e volver ao contacto directo cos demais. As experiencias realizadas neste sentido son sempre estupendas. Os responsábeis políticos de Benestar, Medio Rural e Deporte deberían presentar a actividade o primeiro día en cada un dos espazos e volver por alí de vez en cando. Unha festa final de temporada, con narradores orais, música, poesía e un vídeo no que se recollan momentos dos meses anteriores pode ser un remate estupendo.

Un obradoiro de fotografía dixital para amas de casa pode trascender moito máis alá. Que tal se ao tempo que o facemos nos achegamos a contidos de igualdade de xénero, discutimos sobre a da ollada das mulleres na arte e na sociedade e propoñemos unha exposición cos resultados do obradoiro. Esa exposición podería despois montarse nun lugar público, e tamén ser colgada na Rede, e debería ser presentada polas propias amas de casa que a fixeron. Formación persoal, autoestima, igualdade, cultura.

Os tres exemplos son sinxelos e reais: tiveron éxito notábel en diferentes concellos galegos. Como eles hai moitos máis, por suposto, a maioría pensados e desenvolvidos por asociacións ou empresas culturais galegas que, con talento e esforzo continuo, resisten nun contexto tan complicado como o actual. Moitos concellos galegos teñen, de igual maneira, experiencias valiosas das que podemos aprender e tirar ideas. Duns e doutros deixo aquí algunhas ligazóns para quen se interesar: Sabores e saberes, A memoria da xente, Leña Verde, Olladas de muller. Sería bo que o BNG fornecese aos seus concelleiros e concelleiras un espazo web municipal, con criterios básicos de actuación e banco de boas prácticas nos diferentes ámbitos de goberno, e de paso repensase seriamente o sentido e utilidade das súas comisións sectoriais.