A cultura acadarmada


“Acadarmar” significa –segundo o dicionario de don Eladio Rodríguez González- tanto deter un fuxitivo, como botar a corda a unha res que escapou ou reunir os animais que andan ceibos para os trasladar a un outro lugar ou levalos á corte. Palabra coma ela vale para compor unha expresiva metáfora, que é a que utiliza Carvalho Calero nun seu artigo de 1981 (“O uso do galego para todo”: véxase en Umha voz na Galiza, ed. Sotelo Blanco, 1992, páxs. 78-81). Relembremos o seu inicio, plenamente vixente:

Unha língua non pode perpetuar-se se non se exercita, unha língua non pode realizar-se se non se proxecta sobre un mundo real. Hoxe todos, ao parecer, concordamos nisto, mesmo aqueles que, non hai moito ainda, semellaban transixir co galego só como língua literária, cando non só como língua lírica. Teríamos asi -nese suposto restritivo- unha língua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E, consecuentemente, unha língua ferida de morte. Unha língua morta, un latin para especialistas, pronto inintelixíbel para o comun dos galegos. Se queremos de verdade que o galego viva, temos que facé-lo viver todas as vivéncias da sociedade actual. Non só as vivéncias estéticas […], senón tamén as vivencias do uso coloquial, do uso comercial, do uso notarial, do uso administrativo, do uso relixioso e do uso político. A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos.de servos colonizados con poder doméstico como os que gobernan a Xunta de Galicia, lingua ritual (a cada paso máis escasa e submetida a diglosia); reservada e confinada en actos sen o menor efeito multiplicador; refreada sen expansión, amparo nen protección para quen verdadeiramente a usa como lingua enteira e plena; conxelada para que calquer posibilidade normalizadora se trunque; esmorecida na perda de sangue (falantes); reprimida a golpe de decreto e a por de desuso programado; asfixiada por falta de ar (uso social e público); acadarmada, en fin, como o gando que vai ás cortes e que ten na feira e no matadoiro o seu destino final.

Gostamos especialmente desta última metáfora e querémola aplicar, desde a lingua, á cultura galega. Tamén ela é obxecto desta operación de encerro, uso de propriedade restrita, aproveitamento económico do produto, endogamia e, como non, reparto do gaño resultante. Por enésima vez, acláranse as posicións de cada quen -institucións e persoas- cando xorde un conflito ou un confronto de opinións, como acaba de acontecer após a eleición de Filgueira Valverde como dedicatario do próximo Día das Letras Galegas por parte da Real Academia Galega. Algunhas recordacións e mais algunhas perguntas abrollan decontado. Das primeiras, a principal é a que nos leva a lembrar como o nacionalismo organizado politicamente e asociativamente sempre dedicou a data e as actividades arredor dela programadas a pór en evidencia a necesidade de normalización do vehículo imprescindíbel da literatura galega, a lingua; a desvendar o hipócrita e exiguo das políticas oficiais; a denunciar como a laminación normativa (Decreto Filgueira -Carvalho dixit-) era usado non para potenciar a real e plural literatura galega senón para penalizar os supostos disidentes e repartir o dividendo (diñeiros públicos autonómicos) entre un reducido divisor, con cociente medrado ano após ano. Non hai, por tanto, novidade e si reafirmación en que a Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades decidan dedicar o DLG 2015 ao xenio criador do povo galego, por expresalo en palabras de Castelao. Non concordo, de por parte, na apelación saudosa a un consenso que endexamais existiu, agás cando secundamos sen reservas a participación activa na elaboración do Plano Xeral de Normalización Lingüística, finalmente aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en Setembro de 2004 e golpistamente esmagado e desprezado polo Executivo dirixido polo sr. Núñez Feixoo. A próxima redacción, en papel de lixa, que dirían Castelao e Unamuno…

Asemade se procedeu á eleición de Filgueira Valverde, comezou a se ouvir o coro laudatorio: “gran humanista”, “inmenso polígrafo”, “enorme erudito”… Daquela, tan grande vulto da cultura galega ¿como é que leva anos-décadas sen reeedición das súas obras? Estraña cultura esta, que bota libros á rúa coa compra asegurada por adiantado! Isto si que é liberdade de mercado!: programar dez meses antes a produción editorial con merca garantida… Eu, de maior, quero ser editora nestas condicións, desde logo… Varios académicos falaron de “débeda” para co dedicatario. Nunca puderon escoller palabra máis exacta. Están en débeda, efectivamente, todos os que publicaron e medraron biograficamente grazas a un decreto como o nomeado arriba, que marca un feito absolutamente singular na evolución crítica da lingua galega nos nosos tempos: impúxose antes o decreto de normativización da mesma (primavera 1982) do que a Lei de Normalización Lingüística (verán 1983): bizarra maneira de abordar a idem do galego! Cumpría amarrar ben a produción sedicentemente legal en galego (todo atado e ben atado), marcar debidamente as estremas da leira, expulsar da mesma os disidentes, acoutar en ficha perenne os confrades da seita. As medidas formalmente encamiñadas a promoveren o galego podían agardar… Exemplar!

É, por suposto, elocuente a figura do homenaxeábel da liña de continuidade perfeita entre o rexime anterior e o actual autonómico: rompedor do nacionalismo galego, escisión mediante (Dereita Galeguista, 1935); veloz adherente do fascismo; alcalde franquista e millenta cargos máis na ditadura; conselleiro da pre-autonomía; presidente do Consello da Cultura Galega. Congruencia total. Da cultura galega reducida no franquismo, na súa existencia legal, a unha tenza cativa, e reprimida e vixiada adoito, pasamos á cultura galega acadarmada, regulada e controlada desde unha superioridade dotada agora de lexitimidade galega e aplaudida, of course, por todos os que dela se alimentaron. Triunfo, en fin, do esquema piñeiriano: a pretensa escisión cultura / política, naturalmente para conseguir que reinase aquela que servise a unha política determinada e só a ela, quer dicer, a forma máis sectariamente politizada de tratar a cultura.

Claro está que non podemos perder de vista que o ano próximo se celebrarán eleicións municipais (Maio 2015). ¿Cómo non nos decatamos da coincidencia? En habendo estas eleicións, cumpría escoller un alcalde e velaí temos quen o foi nove anos, entre 1959 e 1968. Mellor ocasión, imposíbel. ¿El será que se trata do único escritor-alcalde ou do único alcalde que tamén cultivou as letras galegas? Pois vai ser que non. Refrescarei a memoria dos académicos. Dáse a circunstancia de que un dos pensadores e escritores galegos que máis traballou, que máis obra produciu de entre os académicos do seu tempo, foi Ramón Vilar Ponte, quen ingresa na RAG en 1951, só dous anos antes de falecer e que foi alcalde da súa vila natal, Viveiro, en 1931, mesmo que o fose só por uns meses. Mais miren por onde tiñan os académicos un exemplo de “alcalde” que serviu sempre e con digna perseveranza a causa da cultura galega. Para tomar pose do seu escano na RAG esixíu que o discurso había de ser en galego. Manter esta decisión á altura (o 16 de Xuño de 1951) non é valentía menor. Nel, mesmamente fará historia do nacionalismo galego de pre-guerra a través do recurso de contar a obra escrita das principais figuras literarias da época. Non por casualidade o titulará “A xeración do 16”, transparente alusión á creación das Irmandades da Fala creadas ese ano, 1916, na Coruña, e tácita homenaxe á primeira organización do nacionalismo galego contemporáneo. Por certo, falando de débedas, a que acumula a RAG con este personaxe é ben cuantiosa. O discurso de Ramón Vilar Ponte ficou inédito 26 anos e nunca a institución o publicou. Editárono os fillos (Xaime e Teresa; Xosé Ramón, o pintor, morrera en 1965) pola súa conta, en 1977; do seu peto pagaron a edición. Iso si, o longo artigo “Días, hechos y hombres de la Real Academia Gallega”, da súa autoría (1953) vai aparecer publicado en La Voz de Galicia sen mención do autor, como se fose da propria Academia. Moi edificante.

,Ouvín na radio pública galega a entrevista co secretario desta corporación. Chamoume a atención que se mencionase, como argumento a favor da eleición final, os casos de Francisca Herrera Garrido, Aquilino Iglesia Alvariño ou Cunqueiro. Non é este o momento nen o lugar para nos referir ás particulares adhesións ou circunstancias políticas destas personalidades. Si o é para lembrarmos que a comparanza non é practicábel. Filgueira foi un activo político do rexime que tivo por bandeira a represión persistente de todo o que soase a cultura galega, fóra, como antes dixen, da leira permitida e acoutada. Na miña infancia luguesa, lembro perfeitamente a emisión radial dun breve programa de D. Xosé Trapero Pardo. O seu comezo era: “Dios día boas tardes a todos”; a súa despedida: “Bon proveito, amiguiños!”. Polo medio, e en castellano, a explicación de refráns galegos aplicados a un ou outro asunto. Si, era o factíbel, o posíbel legalmente. Mais desta cativeza (independentemente da vontade conformista ou rebelde dos autores) erguer ou facer derivar o que foi a evolución da cultura galega contemporánea media un abismo. Ela decorre de moito acto clandestino do noso señor, de moito sacrificio e entrega persoal, da vontade certa de coñecer Castelao e outros autores da cultura incautada ou extirpada, da dificultosa reconstrución da nosa propria historia.

Filgueira, no seu día, tomou partido. A Real Academia Galega, hoxe, tamén. Os que transitamos por fóra da leira, teremos dereito a abrir a boca sen que iso nos converta en receptores de brutos disfemismos, como os que algúns académicos -evidenciando unha actitude ben maleducada e antidemocrática- prodigaron en meios de comunicación. Realmente, a Xunta de Galicia -que aplaudiu a eleición, comunicada antes do que a RAG polo secretario de Política Lingüística (non hai nada como demostrar a intimidade de relacións)- non precisa en absoluto entrometerse nas decisións académicas. Xa ten abondo quen lle faga a tarefa. Así dá xenio traballar! Que lles preste! Mais saiban que non nos deixaremos atropelar!