A constitución oculta
O pasado mes de marzo celebrouse o centenario da promulgación da Constitución de Cádiz, aprobada o día 19 dese mes do ano 1812 polas Cortes reunidas naquela cidade, tras dous anos de deliberacións.
O evento é merecente, e non só porque a instauración dos reximes constitucionais inaugura o sistema político en que nos toca vivir, nin tampouco só porque fose aquela unha constitución liberal (certamente máis liberal que moitas das posteriores), senón tamén porque durante moito tempo enarbolárona como bandeira todos os que loitaban e daban a vida por unha sociedade democrática; inlcuso en moitos lugares de Europa e América onde se combatía contra a reacción absolutista.
Non se discuten os seus méritos. E non se ven estes menoscabados polas inxustizas e o dominio oligárquico que trouxo consigo a nova sociedade capitalista, propia da concepción liberal da economía e das relacións sociais. Nin tampouco polo recoñecemento de que o constitucionalismo non foi creado da nada pola Revolución Francesa (ou calquera outra), senón que derivaba de prececentes moi vellos. Nada disto lle resta valor; máxime porque o retroceso a un pasado pre-constitucional é impensable e indesexable.
O que non é aceptable é o empeño en facela pasar pola “primeira constitución española”, como desde hai anos se repite con insistencia, ata o punto de converterse nun tópico repetido polos libros de texto.
Resulta curioso observar que ata hai unhas décadas non había impedimento en aceptar a realidade de que a primeira constitución española (por simple evidencia cronolóxica) fo a promulgada o 6 de xullo de 1808 na cidade vasco-francesa de Baiona. Así é que na asignatura de “Historia de España Moderna y Contemporánea” que eu estudei no meu bacharelato en época franquista, iso era o que se dicía, co poderoso aval dun gran libro de Historia da autoría conxunta de J. Reglá, J.M. Jover e C. Seco. Tal vez tivese algo que ver o feito de que ao franquismo, alérxico a toda constitución, tanto lle tiña como tanto lle daba unha ou outra; nin tiña reparo en recoñecer a entidade da de 1808 nin maior interese en resaltar os valores da de 1812.
Polo contrario, na actual restauración borbónica impúxose con chamativa unanimidade política e académica a decisión de descalificar o texto constitucional napoleónico (o de 1808) para outorgar o primeiro posto ao de 1812, casualmente unido á dinastía borbónica.
A metodoloxía preferente é a do simple ocultamento: a Constitución de Baiona nin se menciona. De facelo, habería que acometer con certa profundidade o estudo do réxime político de Xosé I Bonaparte, debéndose recoñercer a incómoda alternativa dinástica, cuxa obra lexislativa de carácter ilustrado-liberal foi notable anticipación do sistema democrático contemporáneo.
Ora ben, caso de ter que entrar en materia, bótase man da deslexitimación e minusvaloración, recorrendo para iso a un chovinismo trasnoitado, que chama a atención en modernos libros asinados por historiadores de esquerdas. Neste discurso, frente ao carácter patriótico da Constitución de Cádiz, como derivación que foi do levantamento do 2 de maio, a de 1808 reflictiría a imposición estranxeira e a complicidade dun fato de traidores (os afrancesados).
Como excusa, o texto napoleónico foi cualificado de carta outorgada, pasándose por alto a intermediación das Cortes reunidas ao efecto en Baiona, certamente moi deficientes na convocatoria e composición (91 deputados), pero non máis que as que se xuntaron en Cádiz dous anos despois, conforme un sistema tamén irregular e “caótico”, en ambos casos por causa da guerra. Neste aspecto, sería moi semellante ás constitucións vixentes hoxe en día en países como Xapón ou Alemania, promulgadas respectivamente en 1946 e 1949 en presencia e por iniciativa das potencias ocupantes.
Non hai, por tanto, motivo para negarlle o seu lugar a Consititución de Baiona de 1808.
Cousa distinta será comparar o alcance democrático dos textos baionés e gaditano. Pregónase o superior valor da Cádiz neste aspecto, o cal é indubidable se a comparamos con outras posteriores, e tamén coa de Baiona, pero neste caso non tanto como se pretende. As similitudes son enormes, o cal non sorprende, posto que o modelo en que se inspiraban era único e as variables poucas. E hai tamén un par de diferencias a favor da de Cádiz.
A superioridade desta última radica fundamentalmente na unicameralidade das Cortes, sometidas completamente a elección, mentres que en cambio a de Baiona establecía un Senado non electo (sistema que por outra parte será o predominante ao longo do século XIX e boa parte do XX, incluídos os pimeiros pasos do noso actual réxime), así como nos dereitos electorais, que na Constitución de Cádiz se formulan como sufraxio universal masculino, en tanto que a de Baiona esixía ser propietario de bens raíces, ficando por tanto moi restrinxido o dereito de sufraxio (que tamén será logo o sistema predominante durante o séc. XIX). Así e todo, as eleccións previstas pola constitución gaditana realizaríanse mediante un complexo sistema indirecto en terceiro grao, o cal, unido ás denominadas lealtades primordiais, é dicir, á combinación de alienación, rutina e ignorancia (tamén chamado estupidez humana) aseguraba a exclusión das masas populares e a exclusiva participación das élites aristocráticas e burguesas.
De todas formas, non era pouco, visto a que quedou logo reducido o constitucionalismo español; mais tampouco é tanto.
Aínda que se lle atribúe á Constitución de Cádiz o recoñecemento da soberanía nacional, esta formúlase de maneira enganosa no art. 3 («a soberanía reside esencialmente na Nación»), pois a inclusión dese adverbio (esencialmente) priva de valor tan solemne afirmación, como se encargan logo de aclarar os artigos que establecen o funcionamento do poder lexislativo: este non residirá nas Cortes, senón nas Cortes co Rei (art. 15), correspodéndolle ao monarca a iniciativa legal (art. 171) e reservándoselle el o dereito ao veto suspensivo (arts. 142 a 152).Para concluír, tampouco está de máis considerar que a Constitución de Cádiz, ao igual que a de Baiona, practicamente non chegou a estar vixente nunca.
Por tanto, ao César o que é do César. E a primeira constitución española débelle moito ao césar Napoleón.