A Cidade de Cultura contra a cultura

A Cidade de Cultura contra a cultura

Ano 1997. Discurso de investidura como Presidente da Xunta de Galiza de Manuel Fraga Iribarne. Anuncia a construcción dunha grande infraestrutura cultural. Co tempo saberiamos que esta decisión adoptouse porque era un soño do ex-Presidente: construír un grande edificio que o fixera pasar á historia. Porén, a realidade, catorce anos despois, torceu as aspiracións de grandeza fraguiana. Verificouse o dito popular de que mal acaba o que mal empeza.

A Cidade da Cultura empezou mal. Sen contidos, sen estudos de viabilidade económica, sen control do gasto, sen consenso. Fiábase o seu éxito a arquitectura, como se esta tivera propiedades máxicas. Mais non houbo milagre, nin efecto Gaiás. Só efecto boomerang. O proxecto non aportou nada positivo ao panorama cultural galego, nin se sostén económicamente. A Cidade da Cultura vólvese en contra das necesidades e urxencias da cultura galega.

As cifras de visitantes a Cidade da Cultura evidencian o fracaso

O número de visitantes que tiveron os edificios do Gaias nestes nove meses indican que o proxecto non interesa nin a propios, nin alleos. Segundo a última información oficial ofrecida pola Xunta, até setembro visitáronnos 181.125 persoas. Dando por certa esta cifra é a mostra máis evidente do fracaso. Só os museos da Coruña tiveron no 2010 máis de cincocentos mil visitantes. Se a poñemos en relación con proxectos aos que intentou emular o goberno Fraga, como o Guggenheim, a comparativa é desalodora: este tivo no seu primeiro ano de apertura ao público máis de 1,2 millóns de visitantes.

Estes datos tamén están moi alonxados das previsións realizadas por estudos da propia Xunta. Un deles establece, como escenario máis pesimista, que o complexo recibira ao ano uns 370.000 visitantes. Outro indica que só con que o 60% dos turistas que visitan Santiago se achegaran ao Gaiás a cifra suporía 900.000 turistas, aos que habería que engadir 75.000 non turistas e 150.000 persoas usuarias da biblioteca. Se temos en conta as cifras que se teñen feito públicas, non se chegará a finais de ano nin aos 240.000 visitantes. O dito, non interesa nin a propios, nin alleos.

,Non hai efecto Gaiás no turismo.

O 2011 rexistra as peores cifras de turismo na Galiza en moitos anos. Mentres no estado se incrementaron as pernoctacións, aquí baixaron. A anunciada "peregrinación" en masa para ver a catedral do Século XXI non existe. E máis, nin tan sequera logran que un de cada dez turistas que visitan Galiza se achegue a ver as instalacións da Cidade da Cultura.

A Cidade da Cultura estrangula o tecido cultural galego

O importante volume de recursos públicos utilizados para construír e manter os edificios do Gaiás non está tendo ningún efecto positivo no panorama cultural galego. Moi á contra, retrae recursos que serían moi importantes para a cultura de base ou o que vén en denominarse como industrias culturais. Para estas só hai recortes, anulación de axudas ou facturas sen pagar. Mentres -como mostra de austeridade- anunciase que para o ano 2012 a Fundación da Cidade da Cultura destinará máis de nove millóns de euros a unha pseudoprogramación cultural. Paralelamente, os orzamentos da Xunta conteñen menos apoio público para bibliotecas, libro en galego, asociacións culturais, artes escénicas, música, audiovisual, conservación do patrimonio...

O peor, a incapacidade da Xunta para asumir o seu fracaso. A falta de disposición para rectificar unha política errática, que estrangula a cultura de base, a nosa cultura, e dilapida importantes recursos públicos nun proxecto que non arranca.

A solución a estas alturas non pasa por dinamitar a Cidade da Cultura. Porén, hai que facer algo máis que paralizar durante un par de anos a construción de dous edificios. O debate non pode reducirse a que facer no Gaiás. A clave é que precisa a cultura galega, e nese marco, que papel poden xogar catro edificios.