A Basílica de San Martiño de Mondoñedo, un museo vivo en perigo

A Basílica de San Martiño de Mondoñedo, un museo vivo en perigo

Cando o bispo Gonzálo Froilaz (San Gonzalo) morría no 1110, deixaba como herdanza un proxecto arquitectónico en marcha que sería rematado por un sucesor no cargo, o tamén bispo Nuño Afonso, sen respectar en ningún momento o plan director do seu predecesor. Tratábase de rematar a obra canto antes e o máis barato posible, evidentemente non interesaba inverter nunha catedral que deixara de selo no ano 1117, momento no que se traslada a sé episcopal ao val de Brea, actual Mondoñedo.

No novo plan constructivo desestimouse o emprego de bóvedas de canón sendo substituídas por unha cuberta en madeira a dúas augas, conservándose tan só cinco columnas incrustadas na parede, que aínda hoxe podemos ver e que carecen de capitel e basa, o que lle das un aspecto máis inquedante.

O pasado día 9 de maio, a asociación cultural Mariña Patrimonio, organizaba un acto en San Martiño que tiña como fin, entre outros, poñer sobre aviso á poboación dos riscos que a basílica corre co trazado dun novo corredor, que a ameaza cun posible deterioro estrutural do conxunto arquitectónico.

Contou a asociación ca presenza de Branca Besteiro, a persoa encargada da restauración das pinturas que apareceron no muro sur do transepto. Resulta habitual a aparición nas igrexas galegas de pinturas agochadas baixo a cal, pero neste caso tratábase dun conxunto pictórico datado no século XII. Non é o único de Galiza, existe outro en San Pedro de Rocas (Ourense), cunha superficie pintada de 2m2. As pinturas aparecidas en San Martiño abarcan algo máis de 80m2, polo que podemos dicir que estamos ante o único conxunto pictórico galego do século XII.

A basílica de San Martiño non só é unha edificación do século XII, é un museo vivo no que se gardan e custodian obras de arte de épocas bastante anteriores e outras de época coetánea a súa construción, como son o báculo e o anel de San Gonzalo ou as pinturas citadas anteriormente.

Manuel Antonio Castiñeiras publica un interesante artigo titulado San Martiño de Mondoñedo revisitado(1), no que nos amosa, polo miúdo, a pervivencia de fiadas de muro da época construtiva de San Rosendo, século X, no que podemos ver o característico sogueado e a decoración axedrezada.

A portada principal está composta por catro arquivoltas, das que dúas están apoiadas en columnas, os seus capiteis datan do século X, menos un, o de decoración vexetal, datado en época sueva, que ben puido ser reutilizado na obra que se levou acabo baixo a prelatura de San Rosendo.

Sobre estas columnas descansa un tímpano pentagonal coa aresta superior moi aberta. Este tipo de pezas é moi común na Galiza e na Auvernia francesa máis é totalmente descoñecido no resto do románico peninsular, un elemento propio e definidor do románico galego, tal e como apunta Xosé Antonio Olañate, cando estuda a portada de San Martiño. Comete un erro este autor, segundo entendemos nós, cando fala do crismón que está no tímpano. Afirma Olañate que se trata dun crismón trinitario de seis brazos calzados de filete, só existen dous en toda a Galiza, o de San Martiño e o de Santiago de Compostela, aínda que o autor opina que "no parece que tenga relación con el compostelano". O bispo que mandou facer a portada, Nuño Afonso, fora, antes de ocupar a sé mindoniense, secretario persoal de Xelmírez, tesoureiro da catedral de Santiago e os arquitectos e pintores que trae consigo procedían de diversos talleres composteláns. Tendo en conta todo isto pensamos que as relacións entre ambos crismóns son máis que evidentes.

O especialista na arte do Románico, Mario Agudo, na revista online de Amigos do Románico, escribía en setembro do 2006, sobre os capiteis historiados que podemos contemplar na basílica. Neste artigo afirma que son obra dun mestre de Mondoñedo moi influenciado polo substrato cultural celta, revitalizado trala chegada dos bretóns. Estas influenzas dan como resultado que os rostros dos capiteis lembren aos esculpidos no caldeiro de Gundestrup (Dinamarca), ao que aparece na copa de bronce achada en Aylesbury ou ás catro cabezas que se poden ver nunha columna de pedra no templo celta-ligur de Entremont (Aix-en-Provence). Tamén ve o citado autor fortes semellanzas entre a representación dos cabalos que aparecen no capitel do pecado orixinal e as vacas que aparecen nunha cunca de bronce achada en Hallstatt. Polo tanto a obra deste escultor coñecido como o mestre de Mondoñedo é algo único no noso país e definitorio da nosa arte galega, xa que non estamos a falar duns simples capitéis historiados, tan comúns no románico galego coma nos reinos cristiáns, estamos a falar de pezas únicas, que corren un forte risco de destrución.

Non podemos esquecernos do antipendio ou retábulo pétreo, que para uns autores data do século X e para outros, entre eles Castiñeiras, de fins do século XI, no que se representan os dous primeiros capítulos da Apocalipse de San Xoán e que hoxe está no altar maior.

Todo isto, que podemos ver ao visitar a basílica, máis todo o que está aínda soterrado baixo os nosos pes cando estamos en San Martiño, convértena nun museo vivo ao que estamos a punto de deixar morrer, pois unha nova estrada vai pasar moi preto da basílica. Non só vai morrer o entorno no que se asenta a antiga catedral senón que ela mesma, como construción arquitectónica, corre un serio perigo.

Recentemente veu visitar a basílica o ministro de Fomento, segundo a prensa para comprobar que se levaran a cabo tódalas melloras que o seu ministerio prometera realizar en San Martiño. Eu son dos que pensan que veu comprobar que a rea, a basílica, estivese atada e ben atada antes de ser degolala, de descargarlle o golpe final, o mortal.

Se queredes gozar de San Martiño, do seu entorno e da súa basílica, na que semella terse detido o tempo, aceptádeme un consello:

Apurade.


(1) Rudesindus. A terra e o templo. S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. 2007. Páxinas 119-137.