A aura xa ten explicación “científica”

A aura xa ten explicación “científica”

Hai uns días saltou a algúns medios de comunicación (como La Voz de Galicia e ABC) a nova de que a aura tiña por fin explicación científica grazas a un estudo publicado na revista especializada de psicoloxía “Consciousness and Cognition” por investigadores do departamento de psicoloxía experimental da Universidade de Granada. Fraco favor á psicoloxía como eido de coñecemento e investigación.
A verdade é que os traballos “científicos” aos que se dedican algúns grupos de investigación nas universidades dan moito xogo. E tamén é verdade que calquera estudo que leve detrás a apostila “feito pola universidade de...” xa lle dá entidade cando os medios de comunicación o recollen procurando a nova sensacionalista. E o mellor é que nalgúns casos podemos ler na prensa conclusións que se tiran de diferentes estudos opostas entre si, e publicadas nos medios de comunicación sen verificar o seu rigor e sen contrastar a súa validez, eido de aplicación ou se se pode extrapolar á nosa vida cotiá. E aquí desde logo tamén teñen unha importante responsabilidade os xornalistas, pois non se poden poñer ao mesmo nivel evidencias científicas con teorías ou estudos non demostrados co rigor que debe ter unha investigación científica. Unha manifestación da ignorancia é a crenza no sobrenaturalisno, e non se debe alimentar nin desde as universidades nin desde os medios de comunicación, pois moita xente non ten a formación nin o criterio necesario para decatarse das fraudes sanatorias, das pseudociencias ou das mentiras dos poderes sobrenaturais ou paranormais.

A verba Aura provén do grego e significa aire, vento suave. Como fenómeno paranormal, é un suposto halo de luz de cores que emana dos corpos. Para darlle un aquel máis rigoroso e científico, os parapsicólogos afirman que é o campo electromagnético que envolve a todos os seres vivos –algúns máis atrevidos tamén inclúen cousas inanimadas- e que se ve influenciado directamente polo estado físico, mental e emocional de cada individuo. Defenden que na aura se reflicte a personalidade e as situacións que experimentan as persoas. As cores dese campo de enerxía que emanamos indican as características da nosa personalidade e do noso estado anímico: o azul é propio de persoas honestas, positivas, sinceiras, individuos moi espirituais e con boa saúde; o vermello corresponde a xente atractiva, de éxito, pero tamén impulsiva e egoísta; pola contra, se a aura é marrón, temos unha persoa vella e/ou non interesante, con desequilibrios emocionais ou doenzas físicas, anguria e ansiedade. Incluso pretenden contrastada experimentalmente a súa existencia cunha ferramenta científica que capta, pode fotografar, a aura: a cámara Kirlian. Mais a realidade é que até hoxe non hai ningunha medición ou proba dese suposto campo electromagnético debido á aura, xa que as captacións realizadas coa cámara Kirlian non son máis que unha mala interpretación interesada dunhas descargas eléctricas ou efecto coroa electroluminiscente como os que producen os fogos de San Telmo, debidos a uns cambios en condicións nada sobrenaturais como a humidade e a temperatura entre outras.

Pero este baleiro terminouse con este estudo realizado na Universidade de Granada. Agora os curandeiros e santóns xa teñen cobertura científica. Xa podemos entender cientificamente as súas capacidades megasensoriais só ao alcance duns poucos dotados coas que fan a diagnose previa para logo “curar” coas súas imposicións de mans ou poderes sanatorios. Porque ademais de curar problemas físicos, co grave risco que isto pode supoñer, sobre todo en doenzas graves cando se abandona o tratamento médico, tamén curan as doenzas psíquicas ou emocionais. Nestes casos cómpre unha limpeza da aura; como nos di Luhema, que se define como terapeuta de técnicas de sanación Pleyadianas (?) e colaboradora entre outros programas, da cadena SER de Alcoy: “a aura pode lixarse, encherse de larvas astrais, e está exposta a miles de situacións que percibe: mentais, emocionais, astrais. É unha envoltura que nos protexe e debemos limpala cando lle falte brillo. Para que o recupere, debemos facer unha infusión de macela e logo do noso baño diario e durante nove días rociarnos coa infusión. Semella sinxelo pero é moi efectivo.” E por sorte, neste caso parece que dano non fai! Cousa que non podemos dicir dos “nenos índigo”, nenos con aura cor azul, detectados como especiais e que representaban un estado superior da evolución humana, e para os que no último terzo do pasado século críase –segundo as teorías teofísicas (?)- que debían liderar o cambio á era espiritual de Acuario. Como podemos imaxinar, en moitos casos estes nenos precisaban terapias psiquiátricas medicadas que os seus pais non querían recoñecer.

Un dos persoeiros analizados neste rigoroso estudo foi Esteban Sánchez Casas, o Santón de Baza, un iluminado que estivo de moda nos anos 90, a época dourada na que triunfaban o Padre Acebes, vidente, ou Rappel. Este Santón de Baza case deixa cegas a 50 persoas por fitar cara o sol longo tempo agardando unha aparición da virxe.

Pois agora este estudo da Universidade de Granada ofrece por primeira vez no mundo unha explicación científica: resulta que estas persoas padecen un síndrome neuropsicolóxico chamado sinestesia, unha disfunción dos sentidos que permite saborear sons, escoitar cores ou... asociar ás persoas cunha determinada cor! E todo isto cuantificábel e incluso publicado en teses e en “prestixiosas” revistas de psicoloxía. E o que é moito peor: divulgado a través de “reputados” medios de comunicación como se foran verdades incuestionábeis. Cousas veredes!