800 anos e Santiago degradado: de Apóstolo a Santo Raso

800 anos e Santiago degradado: de Apóstolo a Santo Raso

Andan estes días a dicir que se conmemoran os 800 anos da consagración da Catedral de Santiago. 800 anos que, segundo nos contan, debían servir para atraeren á cidade apostólica milleiros de peregrinos entusiasmados só coa idea de abrazaren o santo no aniversario da súa casa. Por suposto non hai nada máis que ofrecer a propios e alleos.

Teño ouvido algún compostelán queixarse do novo título de santo que lle dan ao Santiago Apóstolo, case como se for un insulto ao irmán e preferido de Xesús Cristo, unha queixa que aumenta o ton ao se repetir esta degradación a santo raso incluso na TVG. Pode parecer anecdótico, mais dá mostra de como desprezan Santiago, Galiza, mesmo no campo oficializado da súas crenzas e da súa confesionalidade imposta por activa e por pasiva.

Primeiro, porque os que tiveron a xenial idea de descubrir Santiago en Compostela, non escolleron descubrir o primeiro santo que lles veu á cabeza, senón ao único apóstolo capaz de competir co mesmísimo Pedro e, xa que logo, coa mesmísima Roma, co significado e importancia que todo iso tiña e, contra o que podan pensar hoxe en Raxoi, non por un ataque repentino de nacionalismo galego (que por outra banda Galiza, como nación de seu actuante, normalizada e amplamente coñecida e recoñecida, non precisaba).

Segundo, porque no colmo do desprezo e mesmo do autoodio teiman mesmo en negaren a importancia do seu Apóstolo, baseándose no mito do seu soterramento. Como eles están empeñados en darlle verosimilitude aos restos do fillo do trono estaren na capital de Galiza, utilizan iso para negar a maior: Galiza non ten historia de seu, no mellor dos casos é un accidente histórico, e nunca foi nada por si propia, e se algo é, é porque a un palestino que chegou en patera, segundo declaracións do propio alcalde da cidade, movido pola saudade de España, lle deu por soterrarse aquí, e nós, coa graza e submisión cos de fóra que nos caracteriza, erguémoslle unha catedraliña. Mesmo se esquecen da barca de pedra, agora que desapareceu o Códice Calixtino...

O mito que valeu para dar pulo e manter un dos maiores centros políticos e culturais da Europa medieval, convertido agora en mito destinado a reproducir o autoodio, a desaparición e a ocultación de Galiza.

Nada se vai facer nesta grande efeméride por difundir a historia dunha Catedral tan vencellada ao Reino medieval de Galiza, nin sequer no 101 aniversario da morte de Antonio López Ferreiro, cuxa monumental obra sobre a Catedral e Galiza, nos achegou tanto sobre o que ela garda e Galiza ten.

Ben podían gastar os cartiños, neste tempo de crise, en faceren algo útil. Deixo aquí, gratis, algunhas ideas ben baratas e modestas para este 800 aniversario, que contribuirían a vermos Galiza como o que é, e como o que foi, ao tempo que axudaría a que nós e os que nos visitan viran na Catedral de Santiago non só un monumento máis ou menos impresionante, para veren rapidamente e acto seguido, marcharen na busca, con sorte e Deus mediante, dun día de praia, marisco e albariño.

Para comezar, e para poderen xustificar o gasto que poda ocasionar o abrir unha porta, podían utilizar a pompa e a solemnidade da que tanto gostan, incluso vestindo co traxe tradicional, en abriren e anunciaren ao público, a Capela Real onde xunto con representantes da máis importante nobreza da época, repousan Reis galegos e de Galiza soterrados, eles si, na Catedral Compostelá: Fernando II, que comezou as obras do Pórtico da Gloria, marabilla da humanidade; Afonso VIII (ou IX para os que queren facer máis larga Castela), en cuxo reinado se rematou o Pórtico e se consagrou a catedral conmemorada. Xunto a eles Pedro Froilaz, o Traba, Conde de Galiza e aio do emperador Afonso VII; a emperatriz Berenguela; ou Raimundo de Borgoña, pai do emperador; ou indo xa a anos máis tarde, Xoana de Castro, dona de Pedro I aínda que Raíña por unha noite, irmá de Inés de Castro, a malfadada Raíña de Portugal, que descansa para sempre en Alcobaça xunto ao seu amado.

Poderían facer na TVG un especial por fascículos da historia da Catedral, que tamén sería a de Galiza mesmo tomando como referencia, se non lles parece subversivo de máis, o Códice Calixtino, ou a Historia Compostelana. E teriamos vikingos, musulmáns, emperadores, reis, raíñas e papas, ciumes, intrigas palaciegas, asasinatos... e todo a se desenvolver integramente en galego e con Galiza como centro de poder e de cultura, a xoia que todos queren ter.

Estes 800 anos da consagración da Catedral de Santiago, poderían valer para coñecermos o máis grande momento da nosa historia nacional, cando da Catedral Compostelá, partían profesores como Melendo cara Borgoña a ensinar dereito canónico, onde tamén exerceu de representante perante a curia romana do cinematografado rei inglés Xoán sen terra, ou o regreso desde a universidade italiana a Ourense para se facer co bispado, de Lourenzo, ou todos os que desde Santiago foron cara o sur do reino galego para fundaren a primeira Universidade Galega en Salamanca.

As vicisitudes dun neno de Caldas, Afonso, coroado rei de Galiza en 1110, logo emperador, contra da súa nai Urraca, mais apoiado por un Xelmirez bispo en loita por facer de Santiago Igrexa Metropolitana da Lusitania contra Braga (tanto tempo con sé en Lugo), e primada contra Toledo, darían para unha telenovela de máis audiencia que o suceso televisivo Os Tudor, aínda que abondaría con retratar na pantalla a historia dunha familia como a dos Traba, onde veriamos como desde Galiza se tecían as principais redes políticas da época. Como banda sonora non faría falta recorrer á música de 1492: a consquista do paraíso, como fixeron estes días no famoso xogo de luces (en 4D!!!?) no Obradoiro, chegaría coas cantigas medievais, onde cos nosos trobadores poderíamos escachar da risa cos cotilleos cortesanos ou lembrar un amor, sempre en galego.

Sería unha boa maneira de mostrar a orixe, explicábel non misteriosa, da fascinación que aínda provoca Compostela de Galiza en quen a visita, recorrendo á realidade e non o mito. Unha realidade que sería ben máis produtiva, incluso en termos económicos de explotación turística e tabernaria, aínda que só for porque eliminariamos a competencia de santuarios milagreiros como Fátima, ou Lourdes, onde os peregrinos cren que poden recibir saúde, algo máis importante que dar unha aperta a un Apóstolo.

Como galegas e galegos debíanos interesar que o noso goberno co noso diñeiro investise en nós mesmos e, máis no caso dos chamamentos turísticos, en nos promocionar como somos e non como compendio de tópicos, ao estilo Gadis, ou de mitos e lendas, nos que se agochan os que non teñen nada máis a ofrecer.

Máis tamén é certo que o prezo a pagar sería máis caro que os miles de euros que se gastan en deixar as cousas como están. O prezo, impagábel para eles, sería o de Galiza atopar o seu lugar na historia, o de se reencontrar consigo, co seu idioma, coa súa dignidade, e iso é mellor deixalo á deriva nunha barca de pedra...