2013, Roberto Vidal Bolaño
E finalmente 2013 será o ano de Roberto Vidal Bolaño. A Academia decidiu homenaxear o dramaturgo aos dez anos do seu pasamento, xusto como acontecera con Novoneira no seu día, unha inmediatez que interpretamos como a vontade de converter en protagonista das Letras galegas por un ano un autor que se considera referencial no desenvolvemento da literatura galega e no contexto histórico actual.
Persoalmente alégrome pola elección, porque é tamén unha homenaxe ao teatro actual, aos seus esforzos de cara á normalidade, loitando hoxe contra a treboada da crise ou escusa para acabar con todo o que somos.
Xustamente estes días tirei do andel As actas escuras, a obra de Vidal Bolaño que en 1992 merecera o primeiro premio do certame Camiño de Santiago de Teatro profesional. A edición que teño entre mans é a de 2005, coidadosamente editada pola Concellaría de Cultura de Compostela e Promocións Culturais Galegas, con debuxos de Pepe Carreiro. Foi, tres anos despois da morte do autor, un recoñecemento para o dramaturgo censurado. Como explica Quintáns Suárez na súa introdución, un dos elementos cos que a obra combate, “O medo á verdade” que dá título ás súas palabras, foi precisamente a causa de que a Consellaría de Cultura incumprise as bases do certame e non publicase a obra, nin a representase. Madia leva! Como se non soubesemos xa todos, mesmo no final do século XX, que non hai quen poida probar que baixo a Catedral está enterrado o apóstolo Santiago. Como se moitos de nós non teñamos por lenda o tal enterramento. Como se unha obra de teatro fose acabar cos piares da cristiandade. Aínda con esas!
E a censura mantivo inédita a obra até que en 2003 foi publicada por AS-PG e A Nosa Terra, naquela magnífica colección A Nosa Literatura. Sinala Laura Tato, responsábel do capítulo “O teatro actual” na Historia da Literatura Galega da AS-PG e A Nosa Terra, que esta obra de Vidal Bolaño “non foi publicada porque desde a Consellaría promotora do certame esixía do autor que realizase determinados cambios nela. Para poder entendermos tanto esta censura como o sentido da obra, hai que enmarcar a súa escrita no alarde conmemorativo despregado pola Xunta de Galiza no ano Xacobeo, e os negocios que medraron á sombra destes fastos... Vidal Bolaño volve cuestionar a historia que nos contaron, para ofrecer unha fermosísima versión poética que quizais se axuste máis á realidade”.
,Dous anos despois a Concellaría de Cultura de Compostela decide publicar como merecía esta obra. Á fronte da Concellaría estaba entón Néstor Rego e son as súas palabras as que abren a edición e a xustifican: “a segunda metade do século XX estará para sempre marcada en Compostela pola figura de Roberto Vidal Bolaño. Imposíbel imaxinar xa a cidade sen a súa poderosa presenza, mais igual de difícil se nos fai sen el concibir o noso teatro contemporáneo”. Na introdución “Os días con gloria de Roberto Vidal Bolaño”, Néstor Rego deixa constancia de que a Vidal Bolaño se lle debe en boa parte a existencia actual dun teatro profesional galego. Rego queixábase entón de que algúns dos mellores textos da nosa literatura, entre eles As actas escuras, non estaban suficientemente lidos. Agardemos que, no que a Vidal Bolaño se refere, 2013 sirva para facer xustiza coa súa obra, léndoa e, sobre todo, representándoa, para que o teatro leve ao pobo a súa mensaxe e, neste caso, a reflexión sobre a nosa historia, revelando todo o que nos foi ocultado, todo o que aínda se nos oculta.
Concordo coa proposta, alégrome polo teatro galego, tan necesitado de atención, proteccións, disposición, divulgación... E agardo que con este mesmo espírito a Academia da nosa lingua non esqueza os grandes nomes da construción da nosa literatura nacional, ou o nome. Refírome, claro, a Carvalho Calero, que inexplicabelmente aínda non conta co recoñecemento de ser homenaxeado no día das Letras Galegas. Non sei se habería que parafrasear aquí a Edward Albee e preguntarnos: Quen teme a Carvalho Calero? En todo caso en 2014 cúmprense 83 anos da publicación da súa primeira obra en galego, Vieiros, unha escusa como outra calquera para escoitar tamén esta demanda das galegas e dos galegos.