18 de abril: “Día dos Monumentos e dos Sitios: O Patrimonio da Educación”
Un país normalizado celebra e difunde o seu. Trata de facer cotián á identidade que é distinción entre a uniformización. Por aquí, dende 1963 celebramos as “Letras Galegas” nun día reivindicativo. Mesmo tamén deberamos celebrar e espallar as nosas Artes noutra xornada. Sería un “Día das Artes de Galiza” e debera ser cada 1 de abril, as calendas de abril, como asigna o Mestre Mateo na limeira do Pórtico da Gloria no 1188 unha vez que o remata. Saberemos que algún día será. Mais polo de agora e dende 1983 vense celebrando a xornada do 18 de abril como “Día dos Monumentos e dos Sitios”. Iniciativa do ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e dos Sitios), organismo dependente da UNESCO con representación nos territorios do mundo civilizado, determinante para a inclusión dun ben no listado de Patrimonio da Humanidade coa batuta que dirixe o novo santoral civil do almanaque. E dende o 2001 coa postila dunha dedicatoria orientativa encol dalgún dos infindos temas do patrimonio cultural: o primeiro foi “Salvar os nosos pobos históricos”, seguido do “Patrimonio do século XX”, logo do “Patrimonio cultural subacuático”. Nos dous últimos anos os temas que encabezaron a celebración foron “O patrimonio cultural da auga” e no 2012 o “Patrimonio Mundial” . Data que compre aproveitar dentro da rutina do novo santoral civil, para sumala a moitas outras iniciativas mundiais do ensino, dos museos, das corporacións, das agrupacións culturais que entenden o patrimonio artístico como un recurso de identidade, de distinción nun mundo que se globaliza. Día pois especial para reivindicar a salvagarda dun patrimonio esquecidos e ameazado.
Tratamos de contribuír a espallar esta celebración dende que por aquelas datas soubemos dela. Faise programando visitas a monumentos, conferencias, talleres, informacións periodísticas como a que agora temos entre mans... E facémolo dende a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, colectivo que naceu no 1975,, primeiro como “Colaboradores do Museo Arqueolóxico da Coruña” e despois, sumándose á Federación Española de Amigos dos Museos (FEAM) como “Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña”, e dende 1997, medrando como Amigos dos Museos de Galicia. E sempre entre os seus fins a sensibilización sobre o patrimonio cultural . Non hai máis que mellorar receitas experimentadas noutros países, aplicando a xornada e o tema ó patrimonio cultural de Galicia, ás veces reducido a arqueoloxías e fachadas monumentais. Hai moito máis. Esquecemos a gran riqueza etnográfica, deixamos de lado as fantasmas de casas e lugares que inspiraron a literatos, creadores... os sitios históricos de batallas, de antigas explotacións mineiras, hortas conventuais...e xa non digamos o patrimonio industrial, fabril, as vellas fábricas de papel, de tabacos, de vidro, curtidoiros...inesgotable universo para teses e atractivo recurso cultural e turístico.
Neste 2013 o ICOMOS fainos dirixir a mirada cara ó “Patrimonio da Educación” e oriéntanos cara aqueles continentes e contidos representativos, acollidos en edificacións escolares ou mesmo universitarias. Cara espazos como bibliotecas, librerías singulares... E deso debéramos saber moito neste cabo do mundo. Non teriamos máis que ir a Cee e coñecer a Fundación Fernando Blanco: centro escolar, obra historicista, do arquitecto madrileño José María Aguilar, rematado no 1884, nacido da teimosía dun experimentado emigrante enriquecido en Cuba e en New York, para que non lle pasara ós rapaces do futuro o que lle aconteceu a moitos nenos do rural galego, como menos formados entre as penurias das “escolas do ferrado”, os que saíron da aldea analfabetos, para curtirse nos camiños do mundo a golpes. Para cousas así naceron a sociedades galegas na emigración , especialmente en Cuba e Buenos Aires, para outorgarlle a dignidade a canto significa Galiza, especialmente á base, ó ensino na terra de orixe. Así naceu unha rede de edificios modernos e ben equipados para escolas. Así pasaron á historia nomes de filántropos decimonónicos, como os García Naveira en Betanzos, promotores de asilos, de lavadoiros, especialmente de escolas e do insólito Xardín do Pasatempo, para ilustrar entre o lecer dun parque sobre a grandeza do mudo... as Escolas e Instituto Eusebio da Guarda na Coruña, onde se forma o Pablo Ruiz Picasso neno... Ostentosas Escolas de indianos promovidas por emigrantes cubanos, brasileiros, arxentinos espalladas por toda Galiza. Para as que se elixía como autor quizais ó mellor arquitecto: Ortigueira, Ares, Porriño... Solemnes edificacións presididas por un reloxo que marcaba as horas de aldeas e vilas...Amplos espazos dotados de calidade no mobiliario, nos complementos, ás veces con coleccións de xeoloxía, insectos, animaliños desecados, mapas, probetas de laboratorio... e mesmo, máquinas de cine, proxectores... Hoxe buscados instrumentos para os museos pedagóxicos e demostrar e concluír que hai unha historia maltratada se non sabemos preservala a tempo. Entre ese patrimonio para a educación é sobranceira a que foi Residencia de Estudantes de Compostela,tras a Ferradura, cos seus colexios maiores e facultades: plan urbanístico con parque e xardíns, arredor de estanques, soportais, seguindo o plan do arquitecto vigués Jenaro de la Fuente, inspirada nunha tradición historicista galega, neobarroca compostelana, pero tamén atlántica, en relación cos colleges británicos, quizais desfasada cando xa imperaba o racionalismo... rematada na posguerra e logo, na transición democrática maltratada por un atoleirado intervencionismo.
Decimonónicos institutos de bacharelato, solemnes edificacións co significado de que alí impártese calidade, imprimindo carisma e respecto ós alumnos. Con escalinatas, esculturas de alegorías e próceres, dando paso a paraninfos de escaiolase e purpurinados, con púlpitos, estrados... Escenografías nas que ecoaba a voz imperativa dos catedráticos... O Paraninfo do Instituto do Posío, agora “Otero Pedrayo” en Ourense, o do “Eusebio da Guarda” na Coruña, aínda a tempo de acoller “in situ” o seu orixinal “genius loci”, fantasma tantas veces desterrado por promotores, arquitectos e construtores insensibles. Esas grandes bibliotecas, con carpinterías e andeis da ilustración, como a da vella da Universidade de Santiago, a Biblioteca de América de Fonseca, tamén en Compostela, preto de onde estaba a do Seminario de Estudos Galegos, punto de encontro para as inquedanzas sobre Galiza, esta desbaratada pola guerra, na que se notaba a man, a sensibilidade e a sabedoría da Xeración Nós, curiosamente desmantelada nas últimas décadas para darlle paso ó Reitorado... a Biblioteca do Real Consulado da Coruña, as reconstruídas en tantos mosteiros... Espazos tamén para a poesía, gabinetes de coleccións, laboratorios, observatorios, de astronomía, como o de Aller Ulloa en Lalín, para perderse no cosmos.... as bibliotecas de Casinos, “Circos” ou asociacións desaparecidas, como a Biblioteca do Círculo das Artes de Lugo cos cadros de Arturo Souto. Algo que nos aproxima ós centros de lectura ingleses ou estadounidenses, que pese ó paso da contemporaneidade, das innovacións e das súas teimas, seguen a agasallar ás fantasmas, o espírito do pasado. Son conservadores, ó fin e ó cabo que conservan. Por aquí, ni iso somos aínda máis recalcitrantes conservadores que destruímos e tomámola coa identidade.
E esas vellas librerías, referentes, con algo de santuario, mestura de botica, ó fin e ó cabo para contaxiar filosofía, relixión, alquimias, historia....xa desaparecidas. Como referente a Libreria Lello e irmau no Porto, onde tiveron que acudir para rodar Harry Poter... mestura do historicismo romántico coa innovación curvada modernista...onde aínda aquece o paso dos botíns, o golpe dos bastóns, o garbeo das capas e as chisteras...Entre nós as librarías eran mais prácticas, con pouca concesión á teatralidade decorativa e máis á comercial, como almacéns atendidos por sabios quixotes, vestidos de mandil de dril.
O 18 de abril, un día entre o consumo cotián para reivindicar o humanismo, para sumar PATRIMONIO+EDUCACIÓN=IDENTIDADE, para ser ceibe e non perderse entre os demais.