Xornadas de portas abertas

Xornadas de portas abertas

Vou inciar este artigo após o punto final onde deixei o anterior. Considero imprescindíbel o regreso do nacionalismo aos alicerces programáticos que cimentan a súa actual estrutura frontista. Fundamentalmente, por dúas razóns. A primeira, pola escalada a postos directivos de persoas que nin sequera leron o silabario ideolóxico da organización á que pertencen. A segunda, pola interpretación que os sofistas retóricos fan do pluralismo, sacrificando os principios aos antollos de arribistas e perdularios políticos. Digo isto polo lido nas circulares que algúns envían á militancia a través da prensa. Poida que esta forma de comunicación sexa para aforrar madrugas, tendo en conta que os xornalistas sempre comparecen despois de mediodía. Pero, o máis probábel, é coa intención de buscar por fóra, en terro alleo, os apoios que lles faltan dentro. Captar adhesións entre desertores, tránsfugas e resentidos pouco axuda a restabelecer liderados que se atopan no crepúsculo.

A organización unitaria do nacionalismo galego nunca atrancou as portas de entrada nin tampouco as de saída. Quizais pecase de exceso de confianza por non evitar o acceso libre de impostores e non esixir con máis rigor o cumprimento das normas internas de disciplina. Sen dar razóns nin dicir adeus, algúns militantes recolleron as alforxas e, de noite, cando a coruxa sae do burato, emprenderon a fuxida. Os xornalistas deron conta dunha desaparición ignorada na familia. Non son de boas maneiras as despedidas á francesa. Mesmo así, estremando unha vez máis a súa xenerosidade, as portas da fronte seguen abertas pra recoller desertores arrepentidos. Pero non confundamos xenerosidade con necidade. O que non é de recibo é que o pai saia correndo tras do fillo pródigo, que lle molle os pés con bágoas de arrepentimento por no terlle satisfeito os seus antollos, e que encima mate un año para festexar o retorno da ovella extraviada. Isto, dito con outras palabras, son as esixencias impostas en tribuna pública por quen xa carece de seguidores que o escoiten na privada. E, ¿ulos expulsados, para os que tamén se reclama unha amnistía? As indulxencias plenarias só se imparten en anos xubilares, e o xacobeo hai seis meses que rematou. Compre facer unha interpretación moi laxa do punto sexto dos principios organizativos para non excluír de militancia a suxeitos que de forma reiterada levan e levaron as discrepancias a unha contradición operativa coas decisións maioritarias. Pero, ademais das regras de disciplina, tamén rexen as normas de boa crianza. E di moi pouco a prol das mesmas a zuna contra un partido que beixou o bimbastro para rescatar a quen estaba mergullado no pozo de depresión política. En fín, este boi xa non ara. E cando a testa do bovino non serve para o xugo o mellor é levala ao tallo da cortadoría.

Rematada a glosa que lle adiquei ás circulares, vou expor un pequeno comentario sobre o que eu considero que constitúe o miolo da cuestión. Teño a impresión, non sei se trabucada, de que os órganos de base, as asembleas, véñen funcionado como centros informativos. Só se debate cando os resultados non satisfán as expectativas electorais. Grave erro reducir a organización política a unha das súas funcións, importante si pero non excluínte. O seguimento da representación institucional máis próximo, a municipal, faise con criterios exclusivos de xestión, a que se vende á sociedade como mérito preferente nas campañas de divulgación política. Doutro xeito non se comprendería que a presenza nacionalista en gobernos locais non impedise símbolos e nomes agresivos ao carácter identitario do país. Por exemplo, que o concello ourensano lle siga chamando "Vista Hermosa", topónimo imposto por un xumento que exercía de reitor do Seminario, a unha parroquia que a tradición coñecía co nome de Ervedelo. Ou que os estadios deportivos de titularidade municipal sigan coa rotulación en español, porque a sociedade aínda non está madura para a súa galeguización. ¡Vergoñento! O nacionalismo non pode emprestar as súas siglas para facer política española.

Prosigo. Que o nacionalismo, por covardía, non arríe a bandeira española nos lugares onde está protexida pola lei pode comprenderse. Algún día terá que arriscarse se non quere continuar en contradición consigo mesmo. Outra cousa é que se poña presidindo un acto da Real Academia Galega, provocación que nin sequera ousaron facer gobernantes do Partido Popular en circunstancia similares. Foi unha navallada polas costas aos académicos que a tiñan por detrás, e unha irreverencia ao público nacionalista que asistía á toma de posesión dun novo membro. Triste tamén, que fose a miña a única voz que deu a alarma. Os rexedores municipais, xulgados de maneira benevolente, non farían esta alloada de mala fe. Botaron as redes nos caladoiros dos que pensaban retornar cunha marea electoral máis abundante. Trabucáronse. Esquecéronse de que Roma -España- non paga traidores, e cobroulles unha peaxe de máis de mil votos. Parecida retribución recibíu a picaresca doutro concello. Sacaron pantallas á rúa, nunha euforia de exhaltación españolista, para que o pobo vivise en directo a maxia do trunfo deportivo. Roma -España- non paga traidores. Que vaian cobrar agora ao Escorial os mil cincocentos votos que o imperialismo lles debe polos servizos prestados.

A densidade política do pensamento de Castelao máis ca no "Sempre en Galiza" está nos debuxos, irónicos, mordaces, alegóricos. A estampa do can tentando o lobo coas ventaxes da domesticación non ten desperdicio. É a trécola que o sistema segue a empregar para manterse a cabalo, pois nunca unha besta foi atada por un can. Utiliza a palabra radical no sentido sempre negatifo, que diría aquel famoso adestrador de fútbol. Si, somos radicais porque buscamos a eficacia, que é a primeira acepción que recollen os diccionarios para definir o termo. E, se nos apuran, tampouco rexeitamos os sentido da palabra cando se aplica de maneira pexorativa. ¿Cómo non imos ser intransixentes na defensa dun país agredido na lingua, na cultura e nos intereses económicos? E tamén na súa dignidade, desde os tempos de Góngora aos de Rosa Díaz. Intransixentes, porque cada paso que recuamos é unha alancada máis do titán que nos oprime. Téntannos co cebo da modernización para que piquemos o anzol da mansedume. Despois de máis de trinta anos de emisión, por primeira vez preténdese recortar a presenza do noso idioma na televisión galega. ¿Será por darmos pé a pensar que o nacionalismo perdeu braveza, que lle entrou o gorrobello, para que a reacción se encoraxe e volva regañar os dentes? ¡Entrade na casa sen perigo pois o can non morde! A nosa debilidade é a fortaleza dela, da reacción. Se somos radicais volvamos ás raíces. O chaqué institucional non debe tapar o uniforme de combate.

Ben sei que están nun erro, pero non deixa de ser preocupante que os "indignados" busquen tamén nacionalistas nos asentos de tribuna. Se as liñas de separación están difusas é doado confundirse de bancada. O progreso, palabra mitificada incluso polos que camiñan cara a terra de ningures, na física, na química, na filosofía e na política nace da confrontación e do conflito. É así desde antes de Aristóteles. Unha lámpada non loce se lle entra polo fío soamente corrente positiva. Se os labregos non houbesen sacado á rúa as tractoradas seguirían pagando a cuota empresarial. Que non se interprete que estou suxerindo un toque de corneta á xenerala. Pero somos negación. E cando deixamos de selo estamos renunciando á nosa vocación transformadora. Sen negación non hai avance, porque lle falta á batería o polo negativo. Estremézome cando lle escoito aos perdoavidas que o nacionalismo baixou do monte. Xa teñen o lobo convertido en can. O pegureiro pode durmir tranquilo, pois o rabaño de súbditos non corre perigo de ser encirrado en contra del. ¡Moito coidado! Se calan os políticos non nos extrañemos de que fale o explosivo. Cando lles volve a fala, despois de escoitar o estoupido, mellor estarían calados para non repetir as mesmas andrómenas de sempre. Podemos nós, por mansedume, renunciar á confrontación, pero o conflito continúa nunha sociedade dividida entre opresores e oprimidos. Na división de ideas, de intereses e de clases é onde está o orixe das formacións políticas, axioma ignorado, entre outros, pola democracia orgánica de Franco e o Estado Novo de Salazar. Só os ditadores coñecen a maneira eficaz de resolver o conflito, de acabar coa división: limpando a sociedade de impurezas co paredón ou coa cadea.

A estrutura organizativa adoptada polo nacionalismo galego é de carácter frontista. Non é un achádego de inventiva nosa, senón a fórmula seguida en países que levaron a cabo procesos exitosos de emancipación. Con todas as eivas que teña que superar, a alternativa non está en modelos reiteradamente fracasados. Teñamos en conta este carácter para acoutar os debates asemblearios, centrados no que temos en común e non no que pertence ao ideario particular de cada partido. O que nos une é o nacionalismo, a autodeterminación, o anticolonialismo, o antiimperialismo e o pacifismo. Poida que haxa aspectos que matizar, que actualizar ou que engadir a estes principios. Se cadra hai que repensar os métodos que nos permitan calar máis fondo e máis de presa na conciencia popular. Todo o que vaia alén disto é invadir o terreo particular de cada colectivo. Na fronte caben os que están a prol ou en contra do aborto. Os que están a prol ou en contra do Estado laico. Os que cren en Deus ou na Virxe do Corpiño. Aínda molla a tinta na que está escrito un relatorio no que se suxire un programa unificado para a fronte, mentres, por outra banda, se manifesta partidario da apertura e diversificación dos principios. Aberrante. É o paradoxo da pirámide invertida, imposíbel de manter en pé.

Remato. Fuxamos de relatorios formais. Por desgraza, anteriormente a práctica seguíu unha liña que contradí a teoría, levando o debate a un terreo que facilita a coartada para sortear a discusión sobre os temas esenciais. Este é o baixío no que os politicamente ambiguos non queren tropezar. Desenvólvense mellor remando polas beiras. Aportando, para facerse ver, emendas de substitución dos etcéteras polos puntos suspensivos, dos nenos polas nenas e os nenos.